domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Obituario: Valentín Abelleira

Valentín Abelleira. EP
Valentín Abelleira. EP

Valentín Abelleira Carrera, da Casa de Palmeiro de Ansemar, finaba na súa casa o 20 de novembro aos 90 anos de idade e hoxe venres, ás catro e media da tarde, será despedido pola súa familia, veciños e amigos na capela do tanatorio Serfuja de Castro, para logo recibir sepultura no cemiterio de Ansemar. Mais o seu recordo e o seu legado perdurarán non só na memoria de todas aquelas persoas que o coñeceron, senón tamén dos milleiros de visitas que recibe o Museo do Castro de Viladonga, onde sempre se conservará un anaquiño do corazón de Valentín. Porque quizais sen a súa familia e sen el a historia fose outra. En 1911, Pilar Palmeiro e o seu fillo, José Abelleira, atopaban un torque nunhas terras que tiñan na parroquia de Viladonga. O seu importante achado, que hoxe se garda no Museo Provincial de Lugo, foi a orixe das posteriores escavacións que Ramón Falcón e Manuel Chamoso Lamas impulsaron no lugar a comezos dos anos 70. E alí, para dar testemuño delas, estaba o neto de Pilar, o fillo de José: Valentín Abelleira Carrera.

Dende o ano 1972 ata a súa xubilación, Valentín exerceu como garda do castro. Foi o primeiro en ocupar o posto e foi moito máis ca un garda. Problemente non haxa un arqueólogo que pasase por Viladonga naquela época que non se lembre de Valentín, sempre interesado por esas historias do pasado que ían saíndo á luz ao remover aquelas terras que foran da súa familia. Gustáballe recoller as informacións, gardalas na súa memoria e compartilas con aqueles visitantes que se achegaban a coñecer o pasado castrexo de Castro de Rei. Porque Valentín era un contador de historias e, por iso, cando o Museo do Castro de Viladonga apostou por recuperar o patrimonio inmaterial da zona, el foi un dos chamados a pórlle voz a todos ese relatos transmitidos de boca a boca, quizais xunto a unha lareira, quizais na sobremesa dunha tarefa colectiva. Quizais o propio Valentín lle contase todas esas historias aos seus fillos, transmitíndolles o amor por aquel antigo poboado no que, quizais, vivisen os seus antergos. Quizais Teresa, José e Gloria medraron aprendendo a querer o castro das terras da Casa de Palmeiro. Quizais por iso, hoxe segue a haber un Abelleira traballando no Museo do Castro de Viladonga. V.D.

AGRADECEMENTO. A familia da finada Dolores León González (q.e.p.d.), ante a imposibilidade material de contestar ás numerosas testemuñas de pésame, agradece por este medio a asistencia á misa rezada que se celebrou onte, día 21 de novembro, en Lugo, e as mostras de condolencia recibidas.

Obituario: Valentín Abelleira