Un vagalume con vista de paxaro

Daniel Canto, de Muimenta, leva sete anos á fronte dunha firma audiovisual responsable de campañas promocionais de organismos públicos, clubs deportivos ou diversas empresas
Daniel canto, cun dos drons da empresa. VAGALUME AUDIOVISUAL
photo_camera Daniel Canto, cun dos drons da súa empresa. VAGALUME AUDIOVISUAL

Un quadcopter era alá polo ano 2013, cando Daniel Canto, de Muimenta, cofundaba xunto a un compañeiro burelés a firma Vagalume Audiovisual –hoxe está só á fronte, con colaboradores habituais coma Bruno Nieto– a ferramenta perfecta para facerse cun oco no mundo da produción audiovisual e cubrir o que lles parecía que era un nicho de mercado, a imaxe aérea.

Ofrecer a ollada dos paxaros funcionou e, aínda que os inicios nunca son doados, o boca a orella e a proxección de algúns dos seus traballos logrou, coma quen di, manter viva esa luz que caracteriza ao insecto que dá nome á firma. E iso supuxo ir avanzando cos tempos nun sector que camiña a pasos axigantados, substituíndo o hoxe primitivo quadcopter por modernos drons.

"Neste tempo a tecnoloxía cambiou moito, no mundo dos drons e das cámaras case dun día para outro sacan cousas novas e nós queremos estar á última", explica Daniel, que suma tres vehículos non tripulados para as tomas aéreas e tres cámaras. E quizais por aquilo da nostalxia e de non esquecer de onde se vén, aínda conserva a primeira cámara, coa que comezaba a traballar.

O covid-19 tamén está a deixar pegada no seu sector, mais o responsable de Vagalume confía en poder manter o nivel de encargas, entre as que conta cunha variada clientela que inclúe empresas, clubs deportivos ou organismos e administracións públicas.

Especialmente populares son os vídeos de promoción da provincial impulsados pola Deputación lucense e que teñen como protagonista ao meteorólogo Martín Barreiro. "É moi fácil traballar con el", asegura, malia a tratarse dun dos proxectos que máis se pode demorar no tempo e que pode chegar a esixir meses de dedicación.

A Daniel fíxolle ilusión gravar en Cabo Verde ou traballar para o Dépor, equipo do que é seareiro dende que era pequeno

Mais se hai un proxecto que o fixo cumprir a ilusión de todo neno seareiro dun equipo de fútbol é o seu traballo co Deportivo da Coruña, que a día de hoxe é case unha rutina. "Son socio dende neno e xa ía ver os partidos, pero agora levo tres anos indo a Riazor para traballar", di, precisando que, malia a histórica rivalidade deportiva, tamén deixa feito proxectos para o Celta de Vigo ou relacionados co Atlético de Madrid a través de Monbus, outro dos seus clientes fixos.

As experiencias VIP que sortea Luckia permitíronlle a este mozo de Muimenta mergullarse no mundo da Copa Davis ou do mundial de Moto GP en Valencia, mais se hai un proxecto que o marcase, malia que non vise a luz, foi o que o levou a viaxar a Cabo Verde.

E aínda que Daniel valida o dito ese que di que é "complicado ser profeta na túa terra", tamén deixa feito algún que outro proxecto na Chaira, para Agroamb, a firma eólica Tecnorenova ou a D.O.P do Queixo San Simón da Costa.

Rematar traballos atrasados e levar a cabo encargas de clientes habituais ocuparon boa parte do tempo laboral de Daniel Canto nestes últimos meses, coa confianza posta en que volvan a organizarse eventos con regularidade e así ir retomando o ritmo de traballo de antes do confinamento.

Mentres agarda, quizais saque tempo a darlle forma a unha idea que está aí, pero que non chegou a desenvolver de todo, máis alá dun teaser que quedou nun caixón. "Sempre tiven ganas de presentarlle un programa a TVG", asegura Daniel. Nunca se sabe o a onde pode chegar a ollada dun vagalume.

Comentarios