A CHAIRA, 15 ANOS: A PASTORIZA

Cinco vacas por persoa... e subindo

Un dos municipios gandeiros de Galicia por excelencia busca valorizar o seu patrimonio natural e histórico e potenciar a nova piscina 
2019 ▶ A restaurada Casa de Galocha acolle o CIN de Bretoña. AEP
photo_camera 2019 ▶ A restaurada Casa de Galocha acolle o CIN de Bretoña. AEP
Veciñanza
A 1 de xaneiro de 2020, segundo o último dato do Ige, A Pastoriza baixaba por primeira vez dos 3.000 habitantes, con 2.963, o que supón 763 menos ca en 2006. A idade media é de 53,53 anos.
Onde están os marcos?
A Pastoriza, que linda con Abadín, Mondoñedo, Riotorto, Meira, Pol, Castro de Rei e Cospeito, conta con 174,99 quilómetros cadrados. Divídese en 19 parroquias: Aguarda, Álvare, Baltar, Bretoña, Cadavedo, San Martiño de Corvelle, Crecente, Fomiñá, Gueimonde, Lagoa, Loboso, A Pastoriza, San Cosme de Piñeiro, Pousada, Reigosa, A Regueira, Saldanxe, Úbeda e Vián.
Quen manda aquí?
En 2006, o popular José Yáñez ocupaba o sillón da alcaldía, cunha folgada maioría absoluta —o PP tiña sete edís, por dous do PSOE e do BNG—. As tornas cambiaron nos comicios de 2007, nos que o PP, con Arcadio López á fronte, perdeu a maioría absoluta —PP (cinco), PSOE (catro) e BNG (dous)— e socialistas e nacionalistas, liderados, daquela e hoxe, por Primitivo Iglesias e Elva Carreira, chegaban a un acordo de goberno que se refrendou en 2011, 2015 e 2019. Só houbo cambios nas últimas eleccións, onde o BNG gañou un edil a costa do PP. 
Para botar un pé
Cada parroquia celebra as súas festas patronais e en Bretoña, antes da pandemia, a asociación de Amigos da Feira organizaba a Feira da Bola de Liscos e das Freces.

No municipio no que o número de vacas multiplica por cinco o de veciños, ou por oito se se ten en conta o total de cabezas de vacún que recolle o Ige —en 2006, o total de reses só quintuplicaba ao de habitantes—, a historia de nunca acabar, á que se lle deu voltas case tantos anos como candeas sopra este suplemento, foi unha piscina. Non unha calquera, iso si, senón unha climatizada, con ximnasio e a promesa de múltiples oportunidades de lecer. En 2019 estreábase e, malia aos atrancos que trouxo consigo a pandemia, parece que a longa espera tivo recompensa e xa ten 700 usuarios.

A posta en marcha deste agardado servizo é un recurso que suma atractivos á Pastoriza, igual que o leva facendo case dúas décadas o circuíto de kárting, que neste 2021 acada a súa simbólica maioría de idade. En circunstancias normais, polas súas instalacións estaban a pasar cada ano máis de 2.000 persoas, atraídas polas probas de diversas modalidades de competición de motor, pola posibilidade de realizar adestramentos particulares ou polos cursos formativos que promoven dende PTC, que se encarga da xestión.

Unha e outra instalacións municipais tratan de retomar o pulso nesta nova normalidade, igual que o Punto de Atención á Infancia, outro servizo incorporado dende que A Chaira existe. Ademais de dar cobertura ás necesidades básicas dos veciños, coma a mellora de vías ou de traídas e o achegamento de servizos, habilitando locais sociais nas parroquias —a maioría coa recuperación de vellas escolas, nalgunhas das cales tamén se habilitan vivendas— ou impulsando parques infantís e biosaudables, nos últimos anos na Pastoriza fíxose unha clara aposta pola conservación, posta en valor e difusión do patrimonio natural e histórico.

As sucesivas campañas de escavación no castro de Saa ou a apertura do Centro de Interpretación (CIN) de Bretoña son os exemplos máis salientables, pero hai outros igualmente significativos, coma a progresiva recuperación de cruceiros, as novas rutas de sendeirismo, a mellora da área recreativa de Bretoña ou o proxecto para crear un centro de interpretación nun dos símbolos da Pastoriza, a Lagoa de Fonmiñá, dende hai pouco presidida por unha grande escultura de Fernando Villapol.

E volvendo ás vacas, é o tema perenne nun municipio eminentemente gandeiro que conta con tres cooperativas —O Caxigo, O Xeixo e Terras co Miño, fundada en 2014 por preto de 50 socios de Gancobre, desaparecida no medio da polémica—, e máis de 200 granxas só de leite. Estas precisan base territorial —o Concello favoreceu o aluguer de fincas municipais—, polo que no seu momento foron clave as parcelarias. Mentres noutros municipios aínda andan a voltas con elas, o que faría falta na Pastoriza é unha revisión das máis de 20 rematadas, pois moitas datan dos anos 60 e 70, e neste tempo os procesos produtivos deron un xiro de 180 grados.

Non hai tanto, quen tivese esas cinco vacas que lle tocarían a cada pastoricense se se fixese un reparto equitativo do gando censado, tería unha boa granxa, pero hoxe a realidade é outra, a tenor dos datos do Instituto Galego de Estatística. Cando se publicaban as primeiras Chairas, en terras pastoricenses había 567 explotacións e 20.701 cabezas de vacún, das que 13.441 eran vacas, 11.591 de muxidura. En 2019 —o último dato do Ige—, o número de bovinos subiu ata os 25.403, o de vacas a 14.856,  e as de muxidura mantíñanse en 11.391, mais o número de ganderías reducíase ata as 421. 

Protagonista
Alberto Iglesia Vila.EPAlberto Iglesia Vila Se hai un municipio onde a gandería teña peso, ese é A Pastoriza, sempre entre nos postos de cabeza nos ránkings de produción láctea a nivel galego. Dun xeito ou outro, as granxas e os gandeiros que as xestionan contribúen a facer iso posible, grazas tamén á implicación das novas xeracións. Coma a de Alberto Iglesia, da SAT Rei de Miñotelo (Aguarda), cuxos animais, e o seu manexo, levan anos a sumar recoñecementos, mesmo a nivel internacional. 

Comentarios