A USC participa nun proxecto para mellorar a xestión de piñeirais

O grupo operativo Cogomelos + proba en montes de Begonte novas tecnoloxías de roza
O robot dirixido por control remoto traballando no monte. SERVITEC
photo_camera O robot dirixido por control remoto traballando no monte. SERVITEC

Investigadores do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra da USC de Lugo (Uxafores) avalían novas tecnoloxías de roza de baixo impacto orientadas a mellorar a xestión micoselvícola de piñeirais para a produción múltiple de madeira e cogomelos silvestres. Os primeiros traballos xa se están a executar en parcelas da comunidade de montes veciñais en man común de Bóveda, no concello de Begonte.

As intervencións acometidas consistiron en ensaios de maquinaria de roza, nos que se empregaron uns novidosos robots dirixidos por control remoto, que presentan un peso reducido e permiten raer debaixo dos piñeiros.

"Estes aparatos teñen dúas vantaxes. Por un lado, non teñen cabina, eliminando os posibles riscos laborais. Por outro lado, son máquinas que exercen moita menos presión sobre o terreo que un tractor convencional", explica Roque Rodríguez, un dos profesores da USC encargados do proxecto. Ademais, os robots dispoñen dun tren de rodaxe de cadeas, o que permite unha mellor distribución da carga.

O proxecto, financiado por Agacal, lévao a cabo o grupo operativo Cogomelos +, formado pola empresa forestal Servitec Medioambiente, que se encarga de "dar soporte ás ideas" e conta con "máis de 25 anos de experiencia no sector"; Feuga, encargada da comunicación e difusión; e a propia USC.

A investigación desenvólvese nunha extensión de terreo de 20 hectáreas cunha produtividade madeireira xa determinada ao longo de dúas décadas. Este feito permitirá analizar os custos e beneficios derivados dos distintos tratamentos aplicados. "Trátase de definir a xestión para optimizar a produción tanto de madeira como de cogomelos. É unha xestión activa", di Roque Rodríguez.

Resultados

"As tarefas executadas con estas novas tecnoloxías posibilitarán avaliar e medir os tempos produtivos, preparatorios e de servizo, así como os períodos sen traballo", explican investigadores de Uxafores. As primeiras análises sinalan que as actuacións con robot "permite aparantemente unha boa calidade de roza cun impacto reducido".

Os socios de Cogomelos + prevén realizar a comezos de verán unha primeira xornada de difusión sobre os resultados acadados, co propósito de transferir a información recabada a outros propietarios de montes particulares e mesmo outras comunidades de montes.

Comentarios