Unión a prol do Curro Vello

Catro veciños do barrio máis antigo de Guitiriz veñen de crear unha asociación que este venres, día 27, celebra a primeira asamblea. O seu obxectivo é impulsar a festa do Ecce Homo e promover outros eventos

Directiva da Asociación de Veciños do Curro Vello. EP
photo_camera Directiva da Asociación de Veciños do Curro Vello. EP

Catro veciños do barrio guitiricense do Curro Vello, berce da localidade, veñen de xuntarse para fundar unha nova entidade pensada para dinamizar o lugar propoñendo actividades ao longo de todo o ano. Xosé Lois González Souto, ‘Pereira’, é o presidente da nova Asociación de Veciños do Curro Vello, cuxa xunta directiva completan Ricardo Rocha (tesoureiro), Jorge Montero (secretario) e Adrián González (vogal).

A nova entidade prevé organizar unha paella popular a comezos de xuño e a mexillonada en agosto

Polo momento non teñen socios, aínda que isto pode cambiar a partir deste venres, día 27, data na que teñen fixada a convocatoria da que será a súa primeira asemblea. A partir das 20.30 horas, na Casa Barxa, todo aquel que o desexe poderá coñecer as motivacións e ideas dos promotores e achegar as súas propostas para o barrio.

"A asociación creámola para organizar actividades ao longo de todo o ano, coas que ademais poidamos xuntar fondos para organizar a festa do barrio, o Ecce Homo", explica Pereira, quen aínda así aclara que están abertos a a ir máis alá e sacar adiante outras alternativas de carácter cultural ou deportivo.

Nesa primeira asemblea informarán aos veciños dos pasos que levan dados polo momento, ademais de avanzar algúns detalles do programa do Ecce Homo 2018. A festa celebrarase o día 14 de setembro e, entre outras propostas, incluirá a tradicional carreira de carretillas.

A festa do Ecce Homo celebrase o 14 de setembro e incluirá a tradicional carreira de carretillas

Co fin de recadar fondos, a nova entidade xa promoveu varias convocatorias. A primeira foi un magosto popular o pasado mes de novembro, seguido de dous bingos polo Nadal. Tamén lle pediron apoio aos negocios da vila para elaborar unha cesta que sortearon pola Pascua. "Xuntamos un gran lote de productos", lembra Pereira, que agradece a gran colaboración prestada polos comerciantes.

As propostas terán continuidade nos vindeiros meses e así, ademais de organizar a xa tradicional  mexillonada do Curro Vello na véspera do Festival de Pardiñas —o primeiro venres de agosto—, que adoita estar amenizada polos grupos que participan nos Cantos de Taberna, tamén prevén incrementar a oferta gastronómica coa celebración dunha paella popular a comezos do mes de xuño.

Comentarios