Unión e ilusión: piares en San Cosme de Nete

A Asociación de Veciños de San Cosme de Nete, xurdida para unir os veciños, acadou este ano un cuarto de século
Actuación de baile na terceira edición do festival benéfico. M.ROCA
photo_camera Actuación de baile na terceira edición do festival benéfico. M.ROCA

Un 26 de decembro, un grupo de rapaces de Nete compartía verbas nunha taberna da parroquia e, entre contos, xurdiu a idea. A idea de darlle vida a unha asociación que servira de escusa para xuntar á veciñanza. E así foi como a comezos do ano 1997 quedou constituída a Asociación de Veciños de San Cosme de Nete, presidida por Manolo de Carral

O seu primeiro presidente, que se mantivo no cargo durante 22 anos —ata o seu falecemento—, estableceu a filosofía que a día de hoxe perdura entre a directiva da asociación: "Nada é imposible". Co seu positivismo e as súas dotes sociais, Manolo de Carral converteuse nun fito na historia da asociación veciñal de Nete e deixou o seu legado a Ángeles Rivas, máis coñecida como Gelucha, presidenta da directiva dende o ano 2019.

O que nacera como unha pequena ambición acabou converténdose nunha representación para o pobo. A organización foi conseguindo melloras que quizais, de non existir, nunca serían alcanzadas. O aumento de luz, por exemplo, chegou a unha parte da parroquia na que era preciso apagar o televisor para poder muxir. Tamén a asociación foi a responsable de solicitar as subvencións para arranxar a antiga escola unitaria e convertela no local social da actualidade. Mesmo dende a asociación actuaron como intermediarios entre o goberno vilalbés e a parroquia para poder arranxar camiños e estradas en mal estado. 

Primeira directiva da asociación veciñal. EP
Primeira directiva da asociación veciñal. EP

De todo o logrado está ben orgullosa Gelucha Rivas, a presidenta actual, que vive ilusionada coa asociación. Nas súas propias palabras, "é unha auténtica satisfacción, para min e para todos" que no local social onde se realizan os cursos e obradoiros se acenda a luz cada día. Ese xesto, que Gelucha avista dende a súa casa, representa o grande obxectivo da Asociación de Veciños de San Cosme de Nete: encher a parroquia de vida.

Porque en Nete non queren oír falar de España ‘vaciada’, tampouco de Galicia profunda ou de aldeas abandonadas pola falta de posibilidades. Para eles é primordial ofrecerlles aos veciños e veciñas todas as alternativas posibles de desfrute e aprendizaxe. Esa pretensión cúmprena con fartura e demóstrano as máis de 120 persoas que pasan á semana polo seu local social. Xeracións que naceron mentres se loitaba a Guerra Civil comparten pasatempos e espazo con meniños nados en pleno apoxeo tecnolóxico e dixital, unha mestura interxeracional alcanzada grazas á existencia dunha agrupación como a de Nete.  

Especial importancia teñen para os socios as noites dos venres, cun son diferente. É o día no que se ensaian os cantos de taberna. A xente maior, e tamén a máis nova, atopa nestas veladas a oportunidade perfecta para socializar, desconectar da rutina e pasar un momento agradable rodeada de persoas coas que comparten gustos, afeccións e, nalgúns casos, raíces. Só entre uns cantos socios, porque en Nete acollen a calquera que estea interesado en formar parte da asociación veciñal ou de participar puntualmente nalgunha das súas actividades. 

Actuación de Mestura de Nete nos Seráns Musicais de Vilalba. NOEMI FERNÁNDEZ
Actuación de Mestura de Nete nos Seráns Musicais de Vilalba. NOEMI FERNÁNDEZ

As portas da Asociación de Veciños de San Cosme de Nete están abertas para todos porque, ademais, «a asociación non sería sostible sen a xente de fóra da parroquia que tamén se anima a acompañarnos», apunta Gelucha Rivas.

A maiores dos venres, outra data marcada en vermello é o Entroido, unha época na que boa parte dos membros se xuntan para organizar comparsas. María Carreira e Marta Dourado son as responsables da iniciativa na que teñen participado ata 64 persoas de varias xeracións. A idea do disfrace, a confección dos traxes, a posta en escena, todo se decide e se leva a cabo en equipo para logo lucirse polos concursos e desfiles de concellos e parroquias da contorna: Carballido, Xermade, Vilalba, Cospeito, Outeiro de Rei, Lourenzá... Aló onde se propoñan, porque, como dicía Manolo de Carral, "nada é imposible". 

E unha vez rematado coas orellas e as caretas, a asociación céntrase no festival benéfico que vén celebrando dende o ano 2018 e no que sumando todas as edicións recadou máis de 10.000 euros. A finais de maio ou comezos de xuño, o auditorio de Vilalba acolle a festividade organizada polo colectivo. Con esta celebración o que buscan é conseguir fondos para organizacións que o precisen. A través da venda de entradas e rifas, a asociación reúne o diñeiro que se doa de forma íntegra á asociación escollida en cada edición. Nos sorteos dos dous últimos festivais o premio foron uns zocos de Elena Ferro, de Eferro, quen mantén un nexo moi especial con esta agrupación veciñal. 

Directiva actual da Asociación de Veciños de San Cosme de Nete. EP
Directiva actual da Asociación de Veciños de San Cosme de Nete. EP

Foi no ano 2018 cando "un pouco por casualidade", apunta Gelucha, naceu a relación coa zoqueira. Elena Ferro accedeu a lucir o cartel do primeiro festival benéfico na súa tenda da Coruña. Dende ese primeiro achegamento, a colaboración entre Eferro e os veciños de Nete continou sucedéndose e segue en pé. Mesmo a  firma decidiu poñerlle o nome da parroquia a un dos seus modelos e sortealo nas súas redes sociais. Un par de zocos de cor azul que representan a identidade de Nete e que locen moitos dos integrantes da agrupación musical Mestura de Nete. 

Música, tradición, veciñanza e aposta polo rural son os piares dunha historia digna de perdurar no tempo que se foi construíndo ao longo deste cuarto de século de vida. 

Á desconfianza dos que non entendían como un grupo de rapaces podía xuntarse para traballar pola parroquia sen recibir nada a cambio e á escaseza de recursos económicos impuxéronse as ganas e a ilusión das directivas e dos socios. Unha ilusión que, do mesmo xeito que Manolo de Carral deixou por herdanza, Gelucha Rivas agarda inculcar ás novas xeracións, esa mocidade que será a responsable de manter viva a Asociación de Veciños de San Cosme de Nete e na que confían para seguir enchendo de actividades e festexos a parroquia, como mínimo, durante outros 25 anos máis.  

Funcionamento
Asociación Cultural Mestura de Nete
O gusto pola música é unha característica distintiva de San Cosme de Nete. Ese agrado polo canto e a música tradicional fixo que unha parte dos socios decidiran formar un grupo musical composto por pandeireteiras, gaiteiros , tamborileiros e acordeonista.
Actividades
Organízanse cursos anuais de pandeireta, tamboril, ximnasia, canto, bolillo, ganchillo, costura, cestaría, resturación e tapizado de mobles, poda, xardinería, micoloxía... ademais de festas entre parroquias —con Ladra e Noche celebran a súa Festa da Amizade— e cursos co Sindicato Labrego Galego, que buscan satisfacer as necesidades reais dos veciños de Nete e da contorna. Formación sobre análise do solo, incorporación de novas xeracións ás explotacións ou nocións para sacar o carné de manipulación de produtos fitosanitarios poden recibirse no local social desta parroquia vilalbesa. 
400 membros
É a estimación que fai Gelucha Rivas cando ten que pensar na asociación como un número. Acumulan 136 carnés de socios que hai que multiplicar polos residentes en cada domicilio. 

Comentarios