martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

O guitiricense Daniel Otero suma premios de cría da raza Blonde de Aquitania

Daniel Otero (á esquerda), con Lavanda e Noya no certame nacional de Salamanca
Daniel Otero (á esquerda), con Lavanda e Noya no certame nacional de Salamanca
No ano 2012 deu un xiro a súa explotación e apostou por esta raza de orixe francés

Ata dos problemas se pode sacar algo positivo e senón que llo pregunten a Daniel Otero. Fai case unha década, a gandería da súa familia sufría un duro revés. A tuberculose bovina facía acto de presenza e o resultado non podía ser peor. Un 'vacío' sanitario. Un revés importante que levou a este mozo a pensar en deixar a gandería e buscar traballo noutro lado.

Mais ao final pesou máis a paixón que dende neno acompañou a Daniel pola gandería, á que se sumaron o seu desexo de facer as cousas doutra maneira e o interese que espertara nel, pouco antes da problemática, a raza blonde de Aquitania.

Só uns anos despois, os positivos resultados saltan a vista, referendados polos premios á mellor gandería, vaca gran campiona e touro gran campión colleitados no XII Concurso Nacional de la Raza Blonde de Aquitania, celebrado en setembro en Salamanca. Os máximos recoñecementos posibles. Un pleno soñado.

Vendemos practicamente o 100% do que criamos para a vida, a toda España

O camiño para chegar aí iniciábase oficialmente o 26 de agosto de 2012, cando á parroquia guiticense de Labrada, á gandería Ameixeiras, chegaban os primeiros exemplares de blonde. Pero xa antes houbera un importante traballo de campo e de aprendizaxe, con viaxes a distintos lugares de Francia "para coñecer a cuna da raza e as mellores prácticas". Todo cun obxectivo claro e unha aposta decidida pola calidade xenética e as máximas garantías sanitarias, principios que se manteñen hoxe en día.

"A adaptación dos animais foi inmellorable, tanto aos invernos húmidos coma ao calor do verán" lembra Daniel, que conta cunhas 60 hectáreas de terreo para acoller as 50 nais da súa granxa. "Vendemos practicamente o 100% do que criamos para a vida, a toda España", di, e destaca a gran demanda que existe para unha raza "similar á rubia galega", que cada vez conta con máis aceptación e con máis gandeiros que apostan por ela.

Daniel segue a manter un contacto directo co berce da raza e traballa cunha cooperativa francesa, Guyenne Blonde, para seguir mellorando a calidade xenética dos seus animais, algo ao que contribuíu o touro Harrison, mercado en Francia en 2013, con nove meses, e que estivo en Labrada ata que volveu ao país de orixe en 2017.

"Deixou moi boa produción", asegura Daniel. As súas fillas e os seus fillos, tanto os criados na Ameixeiras coma os vendidos a outras ganderías, probaron a súa valía non só no día a día de cada granxa, senón tamén de xeito reiterado no certame nacional, ao que Daniel acode dende 2015 e do que nunca volve de baleiro. E iso que se ten dado a circunstancia, lembra rindo, de terlle gañado aos seus animais os doutras explotacións nacidos en Labrada.

Foi o caso de Noya, o touro gran campión da última edición, descendente de Harrison. "Naceu na miña casa, vendino para León e agora volvémolo comprar entre tres ganderías e volve estar en Labrada", relata Daniel sobre un animal de dous anos que parece chamado a seguir os pasos do seu ilustre pai.

Os premios son unha lotería, o que hai é que facer ben as cousas

Porque se se precisan máis probas da súa boa xenética, non hai máis que mirar cara a outra das súas fillas, Lavanda a gran campiona feminina en Salamanca, acumuladora de varios recoñecementos como promesa -Miss Future- ata facerse coa máxima distinción.

E por se quedaba algunha dúbida de que os pasos de Daniel van no bo camiño, tamén se facía coa distinción á mellor gandería entre as máis de 20 presentes, grazas á boa planta dos exemplares cos que concorría, que tamén acadaron outras distincións a nivel individual. Lavanda gañaba en vacas sen becerro de tres a cinco anos B, seguida de Lavy, mentres que na mesma franxa da idade, pero na modalidade A, era Martina a que acadaba un terceiro posto.

"Os premios son unha lotería, o que hai é que facer ben as cousas", destaca Daniel, convencido de que ese pleno é difícil que se repita. Tampouco pasa nada, porque para el o importante é ver os froitos do traballo diario e poder reafirmarse no afortunado que se sente porque o seu traballo e o seu 'hobby' sexan o mesmo.

Asociación de criadores con orixe en Vilalba
A Asociación Blonde de Aquitania Galega (Abaga), en cuxa directiva está Daniel, fundábase en 2008, foi impulsada polo vilalbés Moisés Carballeira, xa finado, e polo actual presidente, Francisco Manuel Penabad, de Ortigueira. Sumáronse unha ducia de gandeiros con preto de 250 cabezas. Hoxe a entidade duplica o número de socios e de animais.
Presenza en Lugo
Ademais da gandería Ameixeiras, na comarca chairega hai explotacións de blonde de Aquitania en Vilalba. A provincia é a auténtica impulsora da raza en Galicia, cunha vintena de granxas repartidas por Ribadeo, A Fonsagrada, Pedrafita, Friol, Lugo, Xove, Lourenzá ou Palas de Rei.
Características
Dende a Confederación Nacional de Blonde de Aquitania (Conaba) destacan que é unha raza de gran rusticidade e de fácil manexo, con capacidade de adaptación ao medio, docilidade e lonxevidade. Tamén salientan o seu rendemendo cárnico e a súa fiabilidade reprodutora.
Anos 70
A raza, xurdida en Francia da fusión da blonde dos Pirineos, a Garonnais e a Quercy, introducíase en España nesta década.

O guitiricense Daniel Otero suma premios de cría da raza Blonde de...
Comentarios