jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

Unha xubilación digna

Gabriel co seu burro Felipe. T. FORJA
Gabriel co seu burro Felipe. T. FORJA
Gabriel López, natural de Foz pero asentado en Roupar, dedícase a agricultura ecolóxica, ademais da recuperación e acollida de animais

NON É un santuario para equinos pero a casa de Gabriel López en Roupar está preto de selo. Dende que se mudou coa súa compañeira ao rural xermadés, Gabriel puido acoller a dous burros, Felipe e Petunia, para darlles unha xubilación digna. Uníronse á egua que xa tiñan tamén en acollida e á que lle esperaba ir ao matadoiro se ninguén se facía cargo dela. 

Gabriel dedícase á agricultura ecolóxica dende hai seis anos e xunto coa súa compañeira formaron unha cooperativa. A longo prazo, ao ser ela cociñeira, queren crear produtos elaborados veganos, xa que forman o tándem perfecto para logralo. Pero ao mesmo tempo, "na medida na que as nosas capacidades e recursos sexan suficientes", como el di, rescatan animais. Pero ademais de ter cans de acollida, teñen especies menos comúns como son os equinos, neste caso os dous burros e a egua. 

As protectoras de animais, na súa maioría sobrepasadas en número de animais, non poden facerse cargo de aqueles de gran tamaño por carecer de instalacións e medios suficientes. Neste punto, existen dúas opcións para os animais, ou o matadoiro, no peor dos casos, ou que alguén coas capacidades e medios suficientes se faga cargo deles. 

Gabriel López ten polo de agora dous burros, Felipe e Petunia, e unha egua, pero non desbota nun futuro atender a máis

Petunia e Felipe atoparon ao seu salvador particular en Gabriel, que desexa poder darlle unha xubilación digna a máis animais. "Recuperar burros ou calquera outro animal supón unha responsabilidade polo traballo e custos que conleva, por iso, acolleremos máis cando economicamente sexamos capaces de facelo", sinala. 

"No noso caso entendemos o veganismo non só como unha dieta senón como unha filosofía de vida, de defensa aos animais, e centrándonos naqueles que historicamente estiveron ao servizo do home", explica Gabriel, mentres se adentra na historia de Felipe e Petunia, que teñen moito ás súas costas.

Felipe, con máis de 15 anos, era o burro dunha familia pero traballaba para toda a aldea. Algo parecido viviu Petunia, que conta xa con arredor de 25 anos e pasou de familia en familia ata atopar a Gabriel. O corpo dos equinos é un libro que relata o paso dos anos. As costas do macho teñen marcas da sobrecarga que sufriron e as patas da femia están atrofiadas de comezar a traballar e cargar peso demasiado nova, sen esperar a que o animal se desenvolvese na súa totalidade. 

As protectoras de animais están sobrepasadas, polo que as opcións das que dispoñen os animais son a acollida ou o matadoiro

A mudanza a Roupar permitiulle a Gabriel ter terreos suficientes para poder acoller os animais. Unha vez chegaron recibiron asistencia sanitaria, sobre todo de podoloxía, vacinas, desparasitado... "Son coidados necesarios que seguramente non recibiron nunca ata agora, ademais necesitan esta asistencia de maneira periódica", comenta, e engade que "esta é unha maneira de darlles unha xubilación ou un retiro digno e o descanso que merecen". 

Trala asistencia sanitaria os burros comezaron a adaptarse á contorna. "Cando chegaron case nin andaban e agora corren como potriños pola finca", explica entre risas. 

Se ben é certo que as mellas que o tempo e o traballo deixaron nos corpos dos animais, o mimo e o cariño dos que agora son os seus donos fai que poidan desfrutar da mellor maneira posible desta particular xubilación. 

Convivencia e aprendizaxe
Sen xerarquías en forma de rede, así naceu hai cinco anos o proxecto O rural quere xente, que busca maneiras de animar e dar ferramentas a aqueles que viven no rural e aos que queiran incorporarse. "Queremos vivir doutra maneira, darnos cariño e arroupo entre nós e atraer a máis xente", di Gabriel López, que é un dos integrantes. O proxecto desenvolve actividades en distintos puntos da xeografía galega e nace coa pretensión de ser un punto de encontro entre persoas con intereses semellantes: ecoloxía, medio ambiente ou a saúde da terra e das persoas.

Cita en Roupar
A vindeira cita deste programa será en Roupar o próximo fin de semana, do 6 ao 8 de setembro. As xornadas dividiranse nun apartado de formación no que haberá obradoiros tanto teóricos como prácticos de fiado, pan, afiado de ferramentas, mantemento de casas tradicionais... Outra parte é de debate, para cultivar a mente e tratar temas como o rural como modo de vida ou presentar novos proxectos.

Bolsas de vivendas
Para loitar contra o despoboamento que reina no rural, unha das novidades do programa en Roupar vai ser a posta en disposición dunha bolsa de vivenda, en aluguer, venda ou cesión. Esta iniciativa nace dos propios veciños que forman parte do grupo. Deste xeito, lógrase que non fiquen no abandono e o rural se encha de vida de novo.

Unha xubilación digna
Comentarios