Unha guitiricense con Pedro

A vilarega María Calvo Teijido foi seleccionada como representante da provincia de Lugo para participar na Moncloa nun acto conmemorativo da Constitución con outros 51 rapaces  da xeración do 2000

María Calvo (á esquerda, con cazadora burdeos) no acto conmemorativo da Constitución. EP
photo_camera María Calvo (á esquerda, con cazadora burdeos) no acto conmemorativo da Constitución. EP

De entre todos os agasallos que lle podían facer pola súa maioría de idade, a bo seguro que María Calvo Teijido nunca pensaría que ir á Moncloa para conmemorar o 40º aniversario da Constitución Española sería un deles. Mais iso foi o que aconteceu o 5 de decembro, cando esta vilarega e outros 51 mozos e mozas da xeración do 2000 foron convocados en representación das distintas provincias e das dúas cidades autónomas.

MARIA CALVO CONSTITUCION (2"Pedro Sánchez explica a los jóvenes españoles la necesidad de adaptar la Constitución al siglo XXI" é o titular co que a web da Moncloa recollía a información do que quizais fose un acto máis na axenda do presidente do Goberno, pero que se converteu nunha experiencia única para unha moza guitirirencense de 18 anos, seleccionada polos méritos do seu currículo.

"Un día chamoume Regina -a alcaldesa de Guitiriz- e díxome que tiña que facer un currículo, que o ía mandar a Madrid", lembra María, que nesa pequena biografía expuxo algúns dos seus méritos deportivos, como levar toda a vida xogando ao fútbol, incluíndo as convocatorias coa selección galega Sub-16 e Sub-18, practicar atletismo ou campo a través e ter gañados diversos trofeos. A iso súmaselle que está a estudar 2º de BAC, "practicamente dende a casa", e segue a xogar ao deporte rei nun dos grandes equipos de Galicia, o Real Club Deportivo da Coruña, o que lle supón ir adestrar tres días a semana a Abegondo.

Por que ela? "Cando me chamaron da Subdelegación do Goberno en Lugo e me dixeron que tiña que propoñer alguén con 18 anos e que destacase en algo, pensei nela, porque ten un bo expediente académico e moitos máis méritos, como que foi a primeira nena nas escolas deportivas municipais en xogar ao fútbol" precisa a rexedora municipal, Regina Polín, quen asegura que levou unha "grande alegría cando me dixeron que ía ir ela". "Encantoume, porque considero que é unha rapaza moi válida", conclúe.

María Calvo recibiu como agasallo un exemplar da Constitución Española cunha dedicatoria do presidente do Goberno 

A boa opinión que Regina tiña de María viuse refrendada polas persoas encargadas da selección. Ela foi a escollida entre as tres propostas que concorrían da provincia de Lugo. "Cando mo dixeron non o cría e despois, ao ilo asimilando, sentín bastante alegría", apunta esta moza dos Vilares, que viaxaba a Madrid coa súa nai.

"A experiencia foi moi boa, xa tiña ganas de facer unha viaxe a Madrid e ir así permitiume coñecer a Moncloa ou o Palacio de Congresos e ver cousas que quería coñecer", relata esta deportista, que asegura que o Palacio da Moncloa é "diferente ao que me esperaba, cando chegamos parecía que entrabas nun sitio normal e non era así".

Mais se hai algo co que ela queda da viaxe é coa experiencia humana: "A relación cos outros participantes foi bastante boa, empezamos a falar entre nós e a contarnos cousas relacionadas co deporte, fomos collendo confianza e así foi moi levadeiro", salienta, ao tempo que di que tamén foi toda "unha experiencia falar co presidente do Goberno".

"Co presidente moi ben", asegura María, que recibía como recordo desta inesquecible xornada un exemplar da Constitución Española, asinado por Pedro Sánchez: "A María, la igualdad es una de las causas de tu/vuestra generación. ¡Luchemos por ella!".

Comentarios