A capela de Santiago de Bordelle ofrecía a primeira hora da tarde deste sábado unha estampa curiosa, o estar rodeada dun manto branco, resultado da gran saraibada que caía pouco despois do mediodía nesta zona da parroquia vilalbesa de Santaballa.

"Nunca tan gorda a vin, na casa houbo que barrer para fóra e cando saín, envorcaba nela", explica un veciño da zona, parapetado baixo o seu paraugas para protexerse da chuvia que continúa a caer ao tempo que se oe algún que outro trono.

"Estivo unha mañá moi bonita pero despois empezou a saraibar que poñía medo", detalla o home, mentres se dirixe a unha finca próxima, para comprobar o estado dun animais. "A ver se se abrigaron", di, e continúa o seu camiño cando a auga parece querer dar unha pequena tregua.

Mirásese cara a onde se mirase, víase graínzo, acumulado en fincas, hortas e especialmente á beira da L-P-6509, na que por un momento tamén se formaron importantes pozas de auga. Mesmo o había apilado baixo a carpa situada ao pé da escola de Bordelle, este sábado se celebraba unha comida de exalumnos.

"A auga necesitabamola, pero podía esperar", comentaban no xantar, dispostos a pasalo ben malia este pequeno contratempo meteorolóxico que os obrigaba a recoller as exposicións de fotografías ou artesanía que tiñan montadas fóra da carpa.
