Martes. 21.08.2018 |
El tiempo
Martes. 21.08.2018
El tiempo

Unha foliada das de antes

Catro dos integrantes da asociación cultural Trailará. EP
Catro dos integrantes da asociación cultural Trailará. EP

A asociación cultural Trailará, que o 17 fará unha festa, nacía hai uns meses en Meira da man duns mozos inquedos para "garantir conservación da cultura, tradición e lingua"

Raquel Mel, Aitor Rey, Lucía García, Sandra Fernández e Miguel Portela xuntaron esforzos hai uns meses co fin de "garantir a conservación da cultura, da tradición e da lingua". Nacía así a asociación cultural Trailará, que traballa dende entón na organización da súa primeira gran proposta, a II Foliada en Meira.

O 17 de febreiro, a Praza do Convento viaxará ao pasado da man desta iniciativa, que busca ser unha homenaxe ás festas de antes. Ambientada nos anos 40 e 50, dende a organización animan a todos os que se acheguen a ataviarse adecuadamente para a ocasión, impulsando a causa coa concesión dun premio á mellor caracterización.

E para introducirse no ambiente festivo, nada mellor que un photocall, no que o gran protagonista será un vehículo antigo, ou unha exposición de fotos que se poderá visitar na casa do concello, e que se inaugurará ese mesmo día ás 16.00 horas.

Da música que non pode faltar nunha boa verbena tradicional encargaranse, a partir das 21.00 horas os grupos de pandereteiras Nove Ferreñas e Bouba, os gaiteiros de Picurruchos e o grupo Airiños da Freba. Despois, haberá foliada aberta –para inscribirse hai que chamar ao 646.83.09.28–, e antes, moito en que entreterse dende as 16.00 horas. A carón dos cabanóns colocaranse distintos postos de artesanía e, a partir das 18.00 horas, haberá tempo para desenvolver un obradoiro de canto e pandeireta con Noemí Basanta e outro de baile con Miguel Pardo.

Ao non ter axudas, Trailará buscou o apoio de negocios de Pol, da Pastoriza e de Meira, así coma dos concellos de Riotorto e de Meira. Estas colaboracións súmanse ao traballo de promoción feito por eles mesmos coa venda de distinto merchandising da asociación, que continuará o mesmo día da foliada, con algunha que outra sorpresa incluída. "Son moitos gastos e sen axuda é difícil", explican, lembrando que tamén teñen á venda rifas para unha cesta de Entroido.

Trailará, que xa está a impartir con éxito clases de canto e baile os luns á noite, estuda novas opcións, como comezar unha captación de socios ou organizar os primeiros cantos de taberna en Meira.

Unha foliada das de antes