martes. 28.09.2021 |
El tiempo
martes. 28.09.2021
El tiempo

Un turinés de 100 anos

Francisco Montes a carón do seu Fiat 501. S. Iglesia
Francisco Montes a carón do seu Fiat 501. S. Iglesia

No 2019 farase un século de que Fiat comezara a fabricar enTurín o modelo 501 e, en Vilalba, consérvase unha mostra daqueles vellos vehículos que surcaban a Europa de entreguerras

Un museo andante. Un cachiño de historia sobre catro rodas que invita a coñecer tempos que poucos poden recordar. Nin que dicir ten que poñerse ao volante dun vehículo que está a piques de cumprir os 100 anos debe ser unha experiencia para privilexiados.

Francisco Montes é un deses afortunados por ter aparcado no seu garaxe unha reliquia chamada Fiat 501. Para valoralo como merece, o idóneo é escoitar a este vilalbés falar do seu tesouro, pero un tamén se pode facer unha idea viaxando pola historia deste coche.

No norte de Italia, en Turín, Fiat comezou a fabricar en 1919 o modelo 501, do que se realizaron 76.230 unidades nas diferentes versións. Unha delas, un 501 torpedo, chegou a España por Irún o 28 de febreiro de 1924, cando foi matriculado coa referencia que hoxe en día conserva: C-1296. "Que conserve a matrícula orixinal é o que o fai máis diferente. Conseguir o calificativo de vehículo histórico é relativamente sinxelo —que tamén teño dende agosto de 2000—, pero que poida empregar a orixinal... Moi poucos o poden facer", explica con certo orgullo nas súas palabras Francisco, un apaixoado do mundo da mecánica. O motivo radica en que para poder circular legalmente coa primeira matrícula é imprescindible que fora rehabilitada a súa documentación polo decreto do 23 de setembro de 1939, logo de que o automóbil pasara polas mans do exército coa debida placa identificativa.

Este coche chegou a España por Irún o 28 de febreiro de 1924, cando foi matriculado coa referencia que hoxe conserva: C-1296

Ás mans deste chairego chegou no ano 1966, aínda que a valiosa peza da que se namorou xa levaba un tempo na comarca. Estaba na palleira dun veciño de Begonte, descoñecedor do valor deste vello Fiat, cando Francisco o adquiriu, sorprendido do bo estado no que se atopaba, "só lle houbo que corrixir a capota e os pneumáticos", puntualiza, "para o que me puxen en contacto coa factoría Fiat e me proporcionaron un plano a escala 1:2 con tódalas indicacións para o seu arranxo".

Os restantes compoñentes do 501 son auténticos, para o que Francisco non escatimou en percorrer quilómetros co obxectivo de reunir os repostos de cada elemento. "Vou a tódolos museos do automóbil que podo. Este ano falleille ao de París e ao de Oporto, que para min é dos mellores que hai, pero procuro ir a todos", comenta ao tempo que matiza que foi en moitos deles onde se fixo con ditas pezas.

Ás mans de Francisco chegou no ano 1966, aínda que xa levaba un tempo na comarca, na palleira dun veciño de Begonte

"Un dos magnetos que conseguín valérame, daquela, 700.000 liras, é dicir, 70.000 pesetas e as luces que merquei fai 40 anos, coas súas correspondentes caixas, 5.000 pesetas cada unha" e é que, como el di, "se non tivese esas reposicións e os focos se fundisen, xa habería que facer unha reforma do coche". Polo momento, presume de non sufrir ningunha.

O certo é que o seu dono o coida con esmero. Tanto é así que, en contadas ocasións, se pode ver rodando pola capital chairega e, algunhas das súas saídas, debéronse a momentos especiais, "como na voda dos fillos e da sobriña", recorda. Porén, dende que está ao seu volante Francisco, as súas viaxes foron prudenciais. A máis longa? "Da Coruña a Viveiro e ata Vilalba. Coa miña muller, en pleno inverno e sen capota, cun tempo infernal polo alto da Gañidoira", relata dando marcha atrás no tempo a través da memoria.

A viaxe máis longa foi dende A Coruña a Viveiro e ata Vilalba, "coa miña muller, en pleno inverno e sen capota"

Sorte a que ten este vilalbés, residente durante anos na Coruña, de contar no seu haber cun tesouro que pode acender cun botón (coma nos coches de agora) ou coa manivela, algo máis espectacular para o público común. Para estar ao borde do centenario, non lle faltaban as ‘modernidades’, como un sistema antirroubo que consiste en que "ata que se lle pon a chave, todo o sistema está bloqueado", ademais dunhas pequenas pinzas que poden anular momentaneamente a batería. Acelerador ou economizador do consumo de gasolina, no volante. O freo, con compensador de freada no de pé e no de man. Un adiantado ao seu tempo polo prezo de 31.000 liras, das daquel entón.
 

Un turinés de 100 anos
Comentarios