Un secretario de ouro

Antonio López vén de ser recoñecido pola súa bagaxe de case catro décadas na administración local, un labor que comezou en Muras

Antonio López co exrexedor de Cabanas e con compañeiros de profesión. EP
photo_camera Antonio López co exrexedor de Cabanas e con compañeiros de profesión. EP

Corría o ano 1980 cando Antonio López Vila, un mozo de Lalín, comezaba en Muras a exercer como secretario-interventor no seu primeiro destino. Hoxe, case catro décadas despois, o Concello de Cabanas -presidido ata hai uns días por Germán Castrillón Permuy-, onde desenvolveu boa parte do seu labor profesional, tendo acumulado ocasionalmente Muras, Xermade e Pontedeume, vén de concederlle a Medalla de Ouro.

"Foi moi emocionante recibila e contar co apoio de compañeiros, amigos e familiares. Para min é un recoñecemento personal polo meu traballo, pero tamén para unha profesión que ás veces é descoñecida nas súas funcións", asegura Antonio, mentres fai unha viaxe mental a ese primeiro destino, no que estivo 14 anos.

"Cheguei a Muras coa primeira corporación democrática. Había dous funcionarios a punto de xubilarse e un alcalde xesuíta, Modesto Vázquez Gundín, con moitas ganas de facer cousas", rememora o secretario, recordando que unha das primeiras intevencións foi "eliminar as 'ventanillas' e facer un mostrador para atención directa ao público".

Os recursos eran escasos, non había nin ordenadores, nin bases de datos e o teléfono funcionaba daquela maneira. "A compra dunha fotocopiadora, aínda que deficiente, e unha máquina de escribir, que tiña a memoria dunha liña, foi un éxito nesa primeira lexislatura", conta Antonio, que aínda ten gravados os resultados das seguintes elección municipais, entre outras anécdotas e vivencias.

Veciño das Pontes dende o 89 e secretario de Cabanas desde o 95, López regresou por traballo en varias ocasións á Chaira

En 1989, por cuestións familiares, trasladou o seu domicilio ás Pontes, onde leva vivindo dende entón, e comezou a mirar cara á Coruña. Incorporouse ao Concello de Cabanas en 1995 e "por cuestións de amizade" regresou en varias ocasións á Chaira.

"A Xermade acudín primeiro á chamada de Tomás Rodríguez e despois á de Roberto García. Estou moi agradecido polo trato que recibín no tempo que estiven en acumulación alí", di o secretario, que tamén retornou a Muras no último mandato "para axudar a uns rapaces aos que adestrara ao fútbol sala sendo uns nenos", conta cun sorriso.

Sempre dilixente e disposto a botar unha man, aínda que iso o obrigase a restarlle horas á familia -"a nosa profesión afecta máis alá do traballo exclusivo da oficina municipal e interactúa na nosa vida familiar, polo que tamén lle agradezo á miña muller e aos meus fillos o seu apoio"-, Antonio está a piques de iniciar a súa merecida xubilación, unha etapa que chegará en xuño e que será máis dourada do que nunca imaxinou.

Comentarios