A Casa do Mel: un referente na apicultura

Hai 15 anos abriu as súas portas para achegar ao público o mundo das abellas e do mel, un produto rexistrado con marca propia desde hai un lustro e que celebra este domingo a súa décima feira de exaltación

O panal das abellas é un dos grandes atractivos do museo da Casa do Mel. MARTA MANCEBO
photo_camera O panal das abellas é un dos grandes atractivos do museo da Casa do Mel. MARTA MANCEBO

O centro de divulgación apícola das Pontes, a Casa do Mel de Goente, está de triple celebración. Hai 15 anos abriu as súas portas para amosar ao público o fascinante mundo das abellas. E hai xa unha década que promove, en colaboración co Concello, Queixerías do Eume e varias asociacións da zona, unha feira de exaltación dun produto que elabora e comercializa coa súa propia marca dende hai un lustro.

"Rondábame na cabeza crear un centro de divulgación apícola, así que lle solicitamos ao concello a cesión da antiga casa do médico para instalalo alí, alá en 2003", conta Manuel Ferreira, o responsable dunha asociación que suma hoxe 250 socios, "medio cento incorporados no último ano".

Isabel Goti, Manuel Ferreira e Noelia Gabeiras, na Casa do Mel. MARTA MANCEBOOs comezos non foron fáciles, pero pouco a pouco a Casa do Mel converteuse nun referente, con xornadas apícolas, obradoiros, catas e visitas. "Anualmente achéganse ata aquí entre 4.000 e 5.000 nenos de distintos puntos de Galicia", confirma Ferreira, sabedor de que as cifras avalan o bo traballo, no que tamén están implicadas Isabel Goti e Noelia Gabeiras dende hai unha década.

Introducir os pequenos no mundo das abellas é fundamental, tal e como constata Manuel. "Os nenos motivan moitas veces aos pais a coñecer esta actividade. Hai pouco veu ata aquí un señor de Ferrol para facerse socio e contounos que fora a súa filla quen o animara despois de visitar a Casa do Mel", explica, indicando que a apicultura é un sector que vive "un bo momento".

"Hoxe por hoxe é unha das actividades máis rendibles. Hai que traballar moito, pero pódese vivir disto", sentencia Ferreira, facendo fincapé en que os apicultores cada día se especializan máis, e que tamén as colmeas poden servir como un bo complemento económico.

Os datos non enganan. En 2013, cando a Casa do Mel ampliou as súas instalacións para poder elaborar e etiquetar o seu produto con marca propia, as cifras disparáronse. "Comercializamos unhas 15 toneladas ao ano. Un dos clientes máis grandes que temos son os comedores de Inditex", explica o responsable do centro pontés, mentres confirma que os clientes se decantan "nun 50% polo mel escuro e no outro 50 polo claro".

Ademais, este doce e viscoso manxar xa non só se emprega para solucionar os constipados. "Ese repunte na época do inverno deu paso a unhas vendas estables ao longo de todo o ano", indica Ferreira, quen recoñece que agora se pode empregar dunha e mil formas.

Os socios da Casa do Mel producen e venden o seu produto cunha marca rexistrada desde o 2013. MARTA MANCEBO

"Xeados de mel, salsas e, por suposto, nos postres. Agora consúmese a diario. Tamén o polen, pero non tanto o propóleo, que aínda é descoñecido", indica o responsable da Casa do Mel, quen invita a descubrir as bondades destes produtos na Feira do Queixo e do Mel, que este domingo celebrará o seu décimo aniversario.

PROGRAMA. O programa do evento, que unha vez máis mesturará o queixo co mel - "dous elementos que casan perfectamente", tal e como salienta Ferreira-, contará con postos de venda, stands de artesanía e exhibicións en vivo.

Tamén haberá actividades para os máis pequenos, que poderán elaborar os seus propios queixos.

Por primera vez haberá unha mostra de xantares e unha degustación de Pata Celta, á que se sumará a tradicional comida e a merenda con freixós, elaborados pola asociación de veciños.

A cita completarase coa entrega de diplomas aos participantes na cata, cun sorteo de agasallos e, ás 17.00 horas, cun monólogo do humorista David Perdomo.

Comentarios