Un recanto de voces únicas

Os vocalistas da orquestra Breixa Band poñen voz á Terra Chá en Recantos, de ‘Luar’. Borja Fuentes fíxoo en 2017 e agora toma o relevo a súa compañeira Nere Blanco

Borja e Nere, vocalistas da Breixa Band. S. IGLESIA
photo_camera Borja e Nere, vocalistas da Breixa Band. S. IGLESIA

A paixón pola música fixo que se coñeceran hai uns anos e reuniunos na orquestra Breixa Band. Borja Fuentes e Nere Blanco comparten escenario, centos de anécdotas e, dende o pasado venres, experiencia no concurso Recantos, de ‘Luar’.

Borja, natural de Lugo, pero con raíces en Cospeito e "moi bos amigos en Begonte", como el mesmo recalca, representou a Terra Chá na edición anterior do programa, quedando ás portas das semifinais aínda que "cando me presentei nin contaba con entrar", recorda o lucense, artífice de que Nere se presentara como recanteira. "Díxome que se non me presentaba eu, me presentaba el, así que non quedou outra", relata a moza ao tempo que recoñece os nervios que pasou nas probas. "O xurado riuse moito comigo, así que me fixo moito máis ameno o cásting. Cando acabei xa puiden respirar tranquila".

Borja Fuentes quedou ás portas das semifinais na pasada edición e foi o principal artífice da participación de Nere

Esta rapaza, natural de Taboada, sempre tivo claras as súas inclinacións. "De pequena simulaba que todo era un micrófono. Subíame ás mesas para bailar e aos palcos, cando aínda non tiña vergoña", relata entre risas a vocalista da Breixa Band dende hai catro anos, pois os seus inicios remóntanse á xa desaparecida Tropicana de León.

O comezo profesional do seu compañeiro tamén foi noutra agrupación, na Enigma. "Gardo moi bos recordos. Alí traballei coa miña mellor amiga, María Fernández, tamén recanteira e a que me ensinou o que me gusta facer", asegura Borja.

Os dous intérpretes da Breixa Band comezaron a súa andaina profesional noutras formacións. Nere na Tropicana de León e Borja na Enigma

Ambos coinciden en que Breixa Band "é como unha familia" na que se acumulan as vivencias tras moitas noites de traballo, cumbias, bachatas e rock. Por diante, quedan os venres nos que Nere se sentirá arroupada polos seus compañeiros, familia e amigos. A súa nai, Mercedes San Juan, móstrase "encantada" e recoméndalle que aproveite a experiencia, ao que o seu predecesor engade que "desfrute do momento e das boas amizades que levará. Eu só teño boas palabras para o equipo de ‘Luar’ e aínda nos seguimos levando xenial entre os compañeiros".

Pola súa parte, a nova recanteira agarda "non defraudar, perder o medo e que a xente me dea un voto de confianza". A meta para ela non é gañar, senón aprender.

Comentarios