Un plan B para unha vellez activa

Máis de 130 usuarios asisten cada mañá aos centros de día de Abadín, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Ribeira de Piquín e As Pontes

Centro de día de Cospeito
photo_camera Centro de día de Cospeito. EP

Non estar sós na casa, relacionarse con xente da súa idade sen perder a conexión co seu contorno, ter unha obriga para acicalarse cada día, ter sempre con quen falar... son moitos dos beneficios dunha longa lista que destacan as responsables dos centros de día, un servizo relativamente novo que cada vez é máis demandado e que supón moitas veces un plan B para un envellecemento activo.

Dos 13 concellos que cubre o suplemento A Chaira, seis dispoñen xa deste servizo, pero outros moitos, aínda que o centro de día foi un tema recurrente durante anos no debate político como é o caso de Vilalba, aínda non o teñen.

Centro de día de Guitiriz"Es un concepto que antes no existía, cuando ellos eran jóvenes, y para muchos el centro de día es venir a la escuela de los mayores", descata Yoanna Corral, a terapeuta ocupacional do centro de día de Guitiriz, o primeiro en abrir as súas portas na comarca chairega. Empezou a funcionar no ano 2007 nun local de aluguer e hai seis meses estreou instalacións propias nunha antiga casa de peóns camiñeiros.

É o único municipal, xunto co de Ribeira de Piquín, que leva uns meses en funcionamento no antigo centro de día de Ribeira decolexio e á espera de resolver os expedientes das novas solicitudes de ingreso —freadas pola burocracia electoral— para empezar a pleno rendemento. O Concello xa ten firmados con taxis o servizo de desprazamentos e cun hostaleiro local, o de menús. 

O resto pertencen ao Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia —en 2009 abriu as súas portas o centro de día de Abadín, actualmente o que conta cun maior número de usuarios, e sumáronse despois Begonte (2010), As Pontes (2011) e Cospeito (2012)— ou á Deputación de Lugo, que acaba de estrear o último na residencia de maiores de Pol. De igual forma, tamén contará con este servizo o concello de Meira, xa que o proxecto da residencia tamén inclúe centro de día. 

"Ten un valor terapéutico, porque se se quedan nas súas casas moitos non teñen a motivación e o estímulo para seguir facendo actividades", explican dende os centros, e destacan outra das pedras angulares do servizo: servir de apoio ás familias e aos coidadores para resolver dúbidas e poder conciliar a vida familiar e laboral. 

Centro de día. PSICOMOTRICI

EN CIFRAS. Máis de 130 maiores acoden a diario aos centros de día da zona. Hai 14 actualmente en Guitiriz, 41 en Abadín —con case a metade de usuarios de Vilalba e maiores do concello, Mondoñedo e Meira—, 26 en Begonte —con xente tamén de Friol, Rábade, Outeiro de Rei e Vilalba— e 31 en Cospeito (tamén hai usuarios de Castro de Rei e de Vilalba), aos que se suman 17 nas Pontes e os primeiros de Ribeira de Piquín.

centro de día de Abadín (2)A actividade é similar en todos os centros, aínda que a nivel diario cada un ten a súa rutina: actividades de orientación temporal e espacial, psicomotricidade e xerontoximnasia, estimulación cognitiva... mestúranse con actividades máis lúdicas, como xogos, deportes adaptados, lectura de noticias, paseos e algunha excursión, ademais das celebracións clásicas e o intento por sobrepasar as paredes dos centros e manter vínculos coas familias e relación coa comunidade. 

Pero tamén hai actividades extraordinarias. En Guitiriz manteñen colaboracións co centro de Alume, en Cospeito ofertan o segundo venres de cada mes un programa comunitario de actividades saudables aberto a todos os maiores de 65 anos e en Abadín os venres fan clases maxistrais de saúde e colaboran coa Asociación de Escritores en Lingua Galega na iniciativa Palabras con Memoria. En Begonte teñen cafés terapéuticos pola vila, están na escola de coidadores e promoven un proxecto de aprendizaxe solidaria con xente que non pertence ao centro.  

Centro de día, As Pontes

Máis de 40 traballadoras no cadro de persoal  
Os cinco centros de día que xa están a pleno rendemento dan traballo a preto de 40 persoas. Segundo os datos do consorcio, hai dez profesionais traballando en Abadín, seis nas Pontes, nove en Begonte e dez en Cospeito, aos que se suman as catro traballadoras do centro de día municipal de Guitiriz. O de Ribeira de Piquín comparte traballadora social co Concello e derivarase persoal do SAF segundo o número de usuarios. As coidadoras continúan a ser maioritariamente mulleres en todos os centros de día. 

Comentarios