Un paso no camiño a seguir

A pastoricense Laura Iglesia, veciña da Rigueira que estuda Deseño Gráfico, amosou preto de 20 debuxos na súa primeira exposición
Laura Iglesia. EP
photo_camera Laura Iglesia, con algúns dos seus traballos. EP

A pastoricense Laura Iglesia Moreno debuxa, e gústalle facelo dende que ten memoria, pero foi na adolescencia cando comezou a tomalo máis en serio. "Meu primo, que é maior ca min, xogaba a videoxogos e a min, cando tiña 13 ou 14 anos, chamáronme a atención polas ilustracións e polos personaxes", lembra unha artista que vén de realizar a súa primeira exposición da man da asociación de veciños da súa propia parroquia, Rigueira.

Amosou preto dunha vintena de debuxos, na súa maioría retratos, iso si, cun toque alegórico, nunha mostra conxunta cun pintor xa consolidado, Manuel Carreira. Unha primeira achega ao público que Laura confía en que non sexa a última. "Encantaríame repetir", di, agradecida pola boa acollida e os ánimos que lle transmitiron aqueles que a viron medrar. Unha experiencia que quizais sexa só un pequeniño paso, aínda que moi necesario, no camiño a seguir. Porque Laura ten claro cara a onde lle gustaría dirixir a súa vida profesional.

E por iso leva xa tempo poñendo os medios para facelo. Estudou Serigrafía e agora está a estudar  Deseño Gráfico. Encantaríalle traballar neste campo, aínda que sen esquecer as súas raíces na ilustración. De feito, aposta por "integrar as ilustracións no mundo do deseño", fusionando ambas cousas en creacións cun estilo propio, o seu.
O mesmo que se pode aprezar nos debuxos a lapis, carboncillo ou bolígrafo que fai dende sempre —onde o uso case exclusivo do branco e negro son o seu sinal distintivo—, ou na súa última paixón, os collage. "Neles gústame moito usar papel de xornais ou de revistas, calquera papel con letras, e tamén cartóns e outros materiais, para acadar diferentes texturas", apunta. E aquí si, a cor está presente, é un elemento máis da obra.

Iso si, por moito que fosen aqueles videoxogos de seu primo os que fixeron espertar en Laura o interese pola ilustración, o seu estilo persoal está lonxe do que a ela lle gustaría facer, máis próxima ao deseño de carácter máis comercial ou promocional, coma as etiquetas de produtos, as presentacións ou os carteis.

A piques de obter a titulación en Deseño Gráfico, co apoio incondicional da súa familia para que aposte por facer o que lle gusta e coa ilusión de poder experimentar co seu propio estilo no campo do deseño, a bo seguro que o futuro vital, laboral e creativo de Laura Iglesia camiñan da man. Son un papel en branco cun gran collage que ela mesma debe crear.

Comentarios