Un novo facedor para o belén

O belén electrónico de Begonte recupera as antigas mallas con tres novas figuras, dúas delas con movemento, obra de Ramiro Cruz. É unha gran noticia para o nacemento, que non estreaba pezas dende o pasamento de José Rodríguez Varela

Ramiro Cruz, ante a montaxe do belén deste Nadal.C. PÉREZ
photo_camera Ramiro Cruz, ante a montaxe do belén deste Nadal.C. PÉREZ

"TODA A VIDA" ou "dende sempre" son as palabras que se lle veñen á boca a Ramiro Cruz ao preguntarlle o tempo que leva vencellado ao belén electrónico de Begonte, ese entrañable nacemento que reproduce calquera aldea chairega e que dende o primero sábado de decembro abre as súas portas por cuadraxésima sexta vez.

Mais esta edición presenta unha importante diferenza con todas as demais, tanto para o devir do propio nacemento, orfo de facedores dende o pasamento do lembrado José Rodríguez Varela, 'Joselín', como para o propio Ramiro, que asumiu a responsabilidade de deseñar as tres figuras, dúas delas con movemento, que se estrean esta tempada, un conxunto que asegure a liña temática do nacemento e recrea unha malla con mallos.

"Había que facer algo novo e non había quen o fixese, así que vendo unha malla tradicional na televisión, creo que era a de Meira, pensei que esa era unha boa idea", conta Ramiro. Pensado e feito. Barro, madeira e arame servíronlle para cociñar este novo atractivo do belén, cuxo movemento foi o máis complicado de acadar.

"Ideas para continuar hai moitas, a ver que se pode facer", di, prudente sobre o futuro pero animado a seguir probando deseños. Suxestións non faltan, e entre elas figura outra das costumes típicas do rural galego, as matanzas.

Malia a non ter experiencia previa, Ramiro traballou moitos anos a carón de Joselín, colaborando na montaxe do belén, e tamén axuda nas tarefas de restauración que precisan as figuras. Por exemplo, este ano recuperouse un conxunto no que se elabora viño, que levaba anos sen usarse.

Ramiro é, xunto con Carlos Torres e Jesús Veiga, o principal apoio co que conta o cura Jesús Domínguez para abrir día tras día as portas do belén de Begonte e darlle a benvida aos numerosos visitares. "Levamos aquí toda a vida e xa é unha obriga para nós vir", explica Ramiro, que bota a vista atrás para lembrar os inicios, cando a montaxe era "pequeniña" ou a gran reforma que se fixo: "Daquela eramos moitos os que estabamos aquí traballando seguido, eramos unha 'pila' de rapaces".

Por unhas razóns ou por outras, o número foi minguando, pero os que quedan seguen a dedicarlle moitas horas, traballando dende o verán para crear un nacemento que busca renovarse ano tras ano —neste, en solidariedade coa vaga de lumes, reprodúcese un nun momento do pase— pero manténdose fiel a ese espírito que enche de ledicia e ilusión as facianas dos pequenos... e dos maiores.

 

O proxecto dos dous Josés suma 46 anos de vida
O belén electrónico de Begonte nacía no ano 1972 da man do cura José Domínguez Guizán, que lle dá nome ao centro cultural, e de José Rodríguez Varela, lembrado no museo do belén, onde se expoñen moitas das súas creacións, e ao que tamén se lle dedicou unha figura.

Montaxe
O nacemento ocupa uns 80 metros cadrados e conta con máis de cen figuras, moitas delas con movemento, que recrean o rural chairego, con regatos, prados verdes e casas de pedra.

Un cuarto de hora
O pase do belén dura ao redor de 15 minutos, un anaco no que apenas dá tempo a descubrir todos os detalles, polo que moitos repiten. Distintos fenómenos meteorolóxicos ou a chegada dos Reis Magos ao portal son aspectos que se manteñen de ano en ano.

Horario
Ata o 7 de xaneiro, o belén estará operativo a diario, de 11.00 a 13.00 e de 15.00 a 19.00; e do 8 ao 27, abrirá sábados, domingos e festivos. Para máis información ou concertar unha visita colectiva: 982.39.61.21.

40.000
Son as persoas que pasan polo belén nos dous meses que permanece aberto. No primeiro día desta tempada, o domingo 3, os voluntarios calculan que xa pasaron por el ao redor dun milleiro de visitantes.

 

Comentarios