jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

O millón de grans de area de Manuel Vila

2020032412570033700
2020032412570033700
A Fundación Secretariado Gitano entregaba en febreiro os seus premios anuais, cos que recoñece o labor de persoas ou entidades a prol das persoas xitanas. Un dos cinco que concede, Solidaridad con G (individual), recaeu neste veciño de Muimenta

Manuel Vila sempre quixo achegar o seu "gran de area para que esta sociedade sexa un pouco mellor". Amosouno na súa casa, en Muimenta, ratificouno cos seus alumnos preto de catro décadas de docencia e, sobre todo, referendouno co seu compromiso inquebrantable co pobo xitano. Manuel Vila leva amoreados tantos grans que podería ser o dono da praia máis grande do mundo, o que a Fundación Secretariado Gitano lle agradeceu coa concesión, na modalidade individual, do premio Solidaridad con G.

"Por toda una vida de dedicación a mejorar la de cientos de personas gitanas de Lugo", recoñeceu o xurado, dando conta da "fuerza, tesón y valentía" de Vila. "Lo que empezó como una relación profesional pasó a convertirse en un proyecto personal que ha marcado su vida y lo ha convertido en referente", destacaron sobre unha implicación que o levou a crear un censo das familias xitanas de Lugo. "Coñecíaos practicamente a todos e eles a min", afirma, e concreta que hoxe son unhas 3.000 as persoas xitanas que viven na provincia, con máis de 600 estudantes de primaria ou secundaria.

Os galardóns recoñecen o labor a prol "de la inclusión social y la igualdad de las personas gitanas". Niso, Manuel Vila é un experto dende os 80. Era mestre en Meira, pero decidiu concursar para exercer no Carqueixo lugués, nunha escola ponte que estivo operativa ata 1996. Estes centros exclusivos para menores xitanos creáranse en distintos puntos de Galicia para fomentar a súa escolarización -o de Lugo xa o fundaran as congregacións de Maristas e Josefinas, e despois asumiuno a Consellería de Educación- como paso previo a súa inclusión nos colexios públicos, aínda que esta transición, como recoñece Vila, non se chegaba a dar.

"Presenteime pola miña inquedanza social" asegura Vila. "Non tiña coñecemento do pobo xitano, aínda que xa tivera algún alumno no meu primeiro destino en Viveiro, no 69, pero o contacto foi sempre bo, sabiamos que tiñamos que gañar a confianza dos pais e creo que o conseguimos", explica, precisando que eran tres mestres e uns 80 escolares de media.

O ser testemuña directa do "difícil" día a día das familias xitanas do Carqueixo, levouno a crear a Asociación Promoción e Integración Xitana de Lugo. "Todo era precario, os nenos ían descalzos, as casas eran infravivendas de cartón, de táboas, non había sumidoiros, nin auga...", conta, lembrando que o vertedoiro municipal estaba alí e as queimas de lixo causaban fumaredas que dificultaban ata o respirar.

"A situación de desvantaxe non se corrixe só coa educación, todo está relacionado", di, e por iso a entidade suma máis de tres décadas traballando a nivel social para mellorar as súas condicións de vivenda, a cobertura sanitaria -cando empezaron, non era universal- ou as posibilidades de acadar emprego.

Manuel Vila leva anos xubilado, mais segue a presidir a asociación e a ser un colaborador activo en todas cantas causas ve xustas. "Hai que fomentar o coñecemento, porque o descoñecemento trae consigo os prexuízos e estes impiden ver as virtudes do pobo xitano, coma a súa cultura, o respecto á familia, etc.", asegura, e por iso lamenta que en Maxisterio non se inclúa como materia a interculturalidade. "Somos un país multicultural e para entendernos é importante coñecernos, porque non somos tan diferentes", di, amoreando grans mentres poida.

Un recinto feiral que perpetúa o seu nome
Manuel Vila naceu hai 73 anos en Muimenta, onde segue a vivir e pola que sempre tivo unha gran querencia. O seu labor desinteresado a prol da veciñanza nunha parroquia que sempre se caracterizou por desenvolver iniciativas en comunidade, levou a que quixesen agradecerllo cunha significativa homenaxe. O emblemático recinto feiral da localidade, que acolle diversos eventos, leva o seu nome.
Xubilación
Vila daba por rematada a súa carreira docente en 2006, momento escollido para descubrir unha placa no recinto feiral, nun acto no que alcalde de Cospeito tamén lle entregaba un pergamino que recollía o acordo plenario que ratificaba o darlle ao espazo o seu nome.
Dinamizador local
O recoñecemento público respondía a múltiples razóns. Vila era un dos fundadores, en 1983, e foi o presidente durante os seis primeiros anos de vida da asociación cultural Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta. Tamén formou parte da primeira directiva da SD Muimenta e contribuiu á posta en marcha da Moexmu. 
Xotramu
Actualmente preside Xotramu, unha das últimas asociacións xurdidas en Muimenta e que non só conta cunha gran pegada a nivel local e autonómico, senón que tamén promove a súa propia cita anual cos xogos tradicionais nesta vila chairega.

O millón de grans de area de Manuel Vila
Comentarios