Un escaparate para o afumado

A festa do queixo de San Simón da Costa, que ata chegou a catar o rei Alfonso XIII, celebra o seu 25º aniversario

Queixos de San Simón. ARQUIVO
photo_camera Queixos de San Simón. ARQUIVO

O 16 de decembro de 1920, a páxina 2 do xornal El Progreso recollía un artigo sobre a industria queixeira en Galicia, na que se mencionaba o queixo de San Simón da Costa, asegurando que "muy pronto será uno de los que den mayor renombre a esta rama de la industria pecuaria gallega (...). Es preciso que sepan los ganaderos de la comarca vilalbesa que tienen en sus manos una inmensa riqueza para explotar, dando impulso a la fabricación en gran escala y en forma comercial de los quesos del tipo de San Simón".

O prognóstico era atinado. Non en van viña avalado porque en maio de 1913, nunha exposición en Madrid "de todos los quesos de España, los que más llamaron la atención del público y de los inteligentes fueron los quesos de San Simón, que envió a dicho acto la Diputación Provincial de Lugo y los únicos que fueron probados por S.M.el Rey D. Alfonso XIII cuando visitó la exposición".

Mais o consello de adoptar "marcas e etiquetas para dichos produtos, con lo que aumentará la fama y el valor de los mismos", demorouse un pouco máis do que era de esperar, ata o punto de que ese lema dos séculos de amor e esmero que sempre acompaña ao queixo chairego estivo a piques de perderse no esquecemento. Habería que agardar ata finais dos anos 80, a que a Xunta de Galicia e un grupiño de veciños lograsen a "fazaña" de recuperalo.

Poñíanse en marcha as seis primeiras queixerías -Catadoiro, Prestes, As Fontelas, Daniberto, Don Gabino e Don Crisanto- e no 1991 dábase un paso definitivo, ao acadar o recoñecemento de Produto Galego de Calidade, constituíndose o primeiro órgano reitor. Pero aínda faltaba algo. Unha peza clave. Porque todo produto que se prece precisa dun espazo propio de exaltación e de posta en valor.

Cartel anunciador da primeira feira de San Simón, celebrada en 1995. EPO 1995 foi o ano, e a XXXV Festa dos Pepes, o curioso marco escollido. O 12 de marzo nacía (para quedar) a I Feira do Queixo San Simón e outros produtos da Terra Chá. Rosa Rey, presidenta do órgano reitor; José Luis López, presidente dos Pepes ese ano, e José Antonio Pita, responsable do actual centro sociocomunitario e moi implicado na organización, presentaban a feria en xaneiro, anunciando un concurso, con 75.000 pesetas de premio, para escoller o cartel promocional.

O Concello, os comerciantes, a Administración autonómica e mesmo os radioafeccionados volcábanse coa celebración, ata o punto que o daquela presidente da Xunta, o vilalbés Manuel Fraga, acudiría á Praza da Constitución para vivir en primeira persoa aquela primeira edición dunha cita que xa na segunda convocatoria emprendería o seu camiño en solitario.

Un cuarto de século despois e con catro queixerías máis na denominación de orixe -Valado (2002) e Cas Leiras (2008), fundadas para fabricar San Simón e que estarán na feira, e Leitigal (2010) e Lorán (2011), que sumaron o queixo afumado ao seu catálogo-, a festa vilalbesa, promovida pola asociación de queixeiros e o Concello e fixada xa na primeira fin de semana de abril, está plenamente consolidada como evento cultural, social e gastronómico. E é que o San Simón, que tamén atesoura numerosos premios nacionais e internacionais, marida con todo.

As oito queixerías vilalbesas porán á venda o froito do seu traballo diario, pero ese non é o fin último dunha denominación de orixe que no pasado exercicio lograba superar o medio millón de quilos de produción. O obxectivo é crear un punto de encontro, un escaparate festivo que neste 25 aniversario se festexará dun xeito moi especial, coa dedicatoria, o sábado 6, do cupón da Once.

Comentarios