Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Un empeño con recompensa

Fadoua El Hidam. C.A
Fadoua El Hidam. C.A

A pastoricense Fadoua El Hidam foi unha delas

É recompensado hai unha ilusión maior. E así o demostra Fadoua El Hidam, unha moza de 16 anos da Pastoriza que acaba de ser galardoada cun dos 20 premios que concedeu a Consellería de Educación este ano en Galicia ao esforzo e á superación persoal dos estudantes de secundaria. Porque rematar a Eso, e con boas notas, non é igual para todos.

"Na miña situación habería outra xente que tería máis dificultades. Somos unha familia onde hai moita xente e sempre tes máis preocupacións", explica coa serenidade dun adulto Fadoua dende a biblioteca do IES Fonmiñá da Pastoriza, o seu antigo centro. "O mellor de pasar por aquí foi coñecer os compañeiros", di. Actualmente cursa bacharelato en Meira e xa ten claro que lle gustaría centrar o seu futuro nas linguas. "Gustaríame moito facer Tradución e Interpretación", apunta. "E viaxar, traballar en diferentes sitios", engade.

Naceu en Marrocos, país ao que regresa case todos os veráns para ver a súa familia -viven alí a súa avoa, tíos e primos-, pero chegou a Galicia moi pequena e, como ela mesma di nun perfecto galego, é "pastoricense".

Criada nunha familia de sete irmáns, ten que buscar tempo para estudar entre os traballos na casa e o coidado dos máis pequenos


"A vida é distinta e a xente é diferente. Aquí a xente é máis calada, alí todos falan como se estivesen nunha festa, pero son máis machistas. Aquí sinto que teño máis posibilidades e é máis seguro", apunta.

Cursou párvulos en Meira e con tres anos mudouse á Pastoriza, localidade onde actualmente reside coa súa familia. "Somos sete irmáns. O máis maior ten 21 anos e a máis pequena ten seis. Meu pai é albanel e miña nai ás veces traballa nun restaurante. Para todo o que haxa que facer na casa axudámonos mutuamente", relata esta moza, que se sente orgullosa dun premio que xa coñecía. Súa irmá Zobaida foi galardoada o ano anterior.

"Sabía que tiña menos posibilidades, porque non teño ningunha minusvalía física -súa irmá ten un problema de audición nun oído-, pero conseguino", di cun sorriso. "O premio está moi ben, supón un punto máis no teu expediente e é unha satisfacción persoal porque o lograches. Dá máis forza para estudar agora porque ves que o esforzo está recompensado. E o diñeiro tampouco está mal", comenta. O galardón que concede a Xunta ao esforzo e á superación persoal inclue unha recompensa de 750 euros.

"Ás veces custa sacar tempo para poder estudar na casa. Eu estrésome moito estudando e os meus irmáns son moi eufóricos. Non hai moito silencio", bromea. "O máis complicado de ser tantos é que non podes ter algo para ti soa, e aos máis pequenos tes que coidalos, levalos a un sitio se ti queres ir... pero cando están tranquilos mola estar con eles", explica Fadoua, que asegura que, pese a que ela bota unha man en todo o que pode, sempre se apoia en Zobaida. "Máis ben axúdolle a ela", di.

Na mesma convocatoria na que foi galardoada, foron recoñecidos outros tres alumnos da provincia de Lugo: un rapaz do seu mesmo antigo centro, o IES Fonmiñá; un máis do IES Terra Chá Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei) e outro do Colexio de Educación Especial Infanta Elena de Monforte.

Un empeño con recompensa
Comentarios