sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Un berro de tradición

Obradoiro de baile de xota impartido por Rebeca Tallón. C.P.R.
Obradoiro de baile de xota impartido por Rebeca Tallón. C.P.R.

A asociación Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta programa ata maio sete obradoiros monográficos mensuais sobre música tradicional, fixados para o último sábado de mes, que culminarán en maio cunha foliada na que pór en práctica todo o aprendido

Un aturuxo é un berro "forte e prolongado que se emite en sinal de alegría, nas festas e foliadas ou mentres se realizan algúns labores agrícolas". Así define o diccionario da Real Academia Galega a palabra escollida pola asociación Aquilino Iglesia Alvariño para darlle nome a unha iniciativa pioneira en Muimenta, un ciclo de obradoiros monográficos coa música tradicional como eixe.

"Tiñamos un grupo de xente interesada e pensamos en poñer un día ao mes para facilitar a asistencia", explica a coordinadora do proxecto, Noelia Darriba, que lembra que se viñan impartido clases de baile e de pandeireta semanais que tiveron que deixar de organizar polas complicacións dos alumnos para asistir con regularidade.

Quizais faltase tempo, mais o pouso e o interese estaban aí, polo que se buscou unha alternativa que está a cumprir coas expectativas, ao contar cunha decena de asistentes nos dous monográficos desenvolvidos ata o de agora no local social do centro médico.

Fixouse a mañá do último sábado de mes e, de 10.00 a 13.00 horas, os aplicados alumnos, aos que non se lles esixe coñecementos previos pero si ilusión por aprender, poden mergullarse da man de reputados profesionais en distintos aspectos da música e do baile tradicional galego.

Noemí Basanta repetirá o 30 de marzo para ofrecer claves para tocar o pandeiro, Ruth Pérez acudirá o 27 de abril para ensinarlles a bailar agarrados

A xota centrou os dous primeiros monográficos. Noemí Basanta, das Adurfeiras de Salitre, impartiu en novembro un obradoiro de técnica de pandeireta e Rebeca Tallón, de Airiños da Freba, amosáballes puntos e paseos dun dos ritmos más coñecidos.

"En pouco tempo obtemos unha visión xeral e ademais bailando, que é o máis divertido", indicaban este sábado as alumnas de Tallón, agradecendo a existencia do Aturuxo. "Está moi ben, dinamiza Muimenta", "é unha boa idea" ou "as clases semanais era máis difícil mantelas e quizais non habería xente suficiente e así é máis factible vir, aproveitamos a mañá e motivámonos", resumían sobre unha experiencia da que agradecen a alternativa que lles ofrece de poder inscribirse en obradorios soltos, sen necesidade de acudir a todos e esperan que esta iniciativa poida ser a semente de algún novo proxecto na localidade.

A asociación promotora non conta con axudas, polo que os obradoiros autofináncianse. Cada un deles custa 25 euros e para anotarse hai que chamar ao 660.17.01.79.

A terceira e a cuarta sesión xirarán ao redor da muiñeira e están previstas para o 26 de xaneiro, coa clase de técnica de pandeireta a cargo de Roberto Rodríguez, e o 23 de febreiro, día no que Iago Domínguez explicará como bailar o ritmo máis popular da tradicional galega.

Noemí Basanta repetirá o 30 de marzo para ofrecer claves para tocar o pandeiro, Ruth Pérez acudirá o 27 de abril para ensinarlles a bailar agarrados e os puntos de baile propios da Terra Chá clausurarán os monograficos o día 25 de maio da man de Xabier Iglesias.

A despedida, haberá que agardar para saber se temporal ou definitiva, do ciclo Aturuxo será ese mesmo día pola tarde, cunha foliada aberta na que pór en práctica todo o aprendido, coas pandereteiras Bouba como convidadas.

Un berro de tradición
Comentarios