Os últimos zoqueiros da Terra Chá: "Era un traballo de pobres, pero levabámolas ricos e pobres"

Sete zoqueiros chairegos rememoran a súa traxectoria no oficio ata que apareceu o calzado convencional nos anos 60

Paco Morán, zoqueiro de Muimenta. C.F.R.
photo_camera Paco Morán, zoqueiro de Muimenta. C.F.R.

A zoca xa é canción
delgada como asubío
que aprendeu a abidueira
dos melros de xunto ó río.

Fíxose zoca chinela
a gracia da abidueira
E vai marcando na acera
os pasos da muiñeira!

 

Publicaba estes versos Manuel María no ano 1954 no seu querido poemario Terra Chá en loanza ao traballo dos zoqueiros da súa terra. Falaba do que hoxe coñecemos como un oficio tradicional no que a provincia de Lugo, e particularmente a comarca chairega, cobrou un papel fundamental na economía de moitos dos seus veciños ata ben entrados os anos 60.

Hoxe é unha profesión en extinción. Pero aínda seguen en pé algúns dos seus protagonistas, que gardan na maioría dos casos as súas últimas zoquiñas na casa, detrás das que se esconden un senfín de historias de vida.

E é que antes de que a electricidade chegase a moitas das parroquias da Terra Chá, moitos homes xa zoqueaban dende que entraban pola ventá os primeiros raios de sol e ata ben entrada a noite.

"Había que buscar onde quitar unha perra"

"Eran tempos de moita pobreza, e había que buscar onde quitar unha perra", asegura o pastoricense Leonardo Villamel, que aos seus 96 anos recorda aínda os seus inicios como zoqueiro, con apenas dez anos, aínda en plena Guerra Civil. "Eramos oito irmáns, un deles estaba por aquel entón na guerra, e os que estabamos aquí aprendimos a traballar a madeira, andabamos coas vacas e todo o que fixese falta", afirma.

Leonardo Villamel, zoqueiro da Pastoriza. C.F.R.
Leonardo Villamel, zoqueiro da Pastoriza. C.F.R.

Leonardo ía polas feiras da zona e tamén polas casas, onde ás veces pasaba 15 días zoqueando xunto a outros veciños e compañeiros de oficio. "A feira de San Lucas de Mondoñedo era unha das máis fortes, e un irmán meu e eu levabamos 100 pares feitas cada ano", conta o zoqueiro da Pastoriza, que di que algunhas das súas zocas foron levadas tamén a Bos Aires por decenas de galegos emigrados.

Noites á luz do candil

"Pasabamos as noites rematándoas á luz do candil, recordo incluso que fungabamos negro, pero é que polo día había que ir co gando ou ir prantar patacas", explica Villamel, que di que non vende as súas últimas zocas, as cales fixo en 2003, "por nada do mundo", porque quere que os seus netos e bisnetos vexan como eran e que coñezan a súa historia.

Tratábase dun calzado obrigado na agricultura, nas minas e nos portos, polo que contaban cunha gran demanda, tanto no interior como na costa. Na comarca contaban coa vantaxe de ter unhas condicións climatolóxicas idóneas para conseguir a madeira dos bidueiros e dos ameneiros, que eran as principais árbores que empregaban para facelas.

Paco Morán, zoqueiro de Muimenta. C.F.R.
Paco Morán, zoqueiro de Muimenta. C.F.R.

"Aínda hai pouco vin un ameneiro moi ben feito e pensei: que lástima non facer unhas zocas coa madeira", di Paco Morán, un zoqueiro de Muimenta de 89 anos que aprendeu o oficio xunto aos seus dous irmáns.

"Un día, o meu irmán Perfecto díxolle ao meu pai: se me compras a ferramenta, nesta casa non entran máis zoqueiros". E así foi. conseguiron as anxolas para labrar a madeira, os trades para escavar e baleirar o interior da zoca, a gubia, que servía para facer buracos na madeira e baleirar o interior, e o mallico pequeno para petar na gubia, que eran as principais ferramentas coas que contaban os zoqueiros da zona.

"Cando facía o servizo militar na Coruña, o capitán dixo: o que teña un oficio que dea un paso adiante, e eu díxenlle: yo hago zapatos de palo", recorda o veciño de Muimenta, que recibiu dous días libres para facer unhas zocas e demostrar a súa habilidade ante o capitán. "Ao velas díxome: esto no se cree", sostén Paco, que di que este era un traballo moi laborioso, ao que dedicou boa parte da súa vida ata que a xente deixou de levalas cando apareceron as botas e os zapatos.

Logo abriron unha panadería e unha sala de festas, ademais de continuar coas labores do campo. "Pero eu seguín facendo zocas, algunhas para a muller e outras para mostras", declara. Na maior parte dos casos, zoquear era unha labor máis que se facía nos "momentos libres", porque poucos eran os afortunados que podían permitirse vivir soamente delas. Traballar a terra e coidar do gando eran, e seguiron sendo durante moitos máis anos, o día a día de moitos deles.

"Ti, por cada treboada, 1.000 pesetas"

"Eu facíaas sempre que chovía, e o meu veciño dicíame: ti, por cada treboada, 1.000 pesetas", conta Ramón Ferreiro de Insua, de 90 anos e residente na parroquia vilalbesa de Alba, que comezou no oficio de forma accidental, logo de facerse un corte nunha perna nun traballo de carpintería.

Ramón Ferreiro, zoqueiro de Alba.
Ramón Ferreiro, zoqueiro de Alba.

"Tiña que estar quieto, así que empecei por aí", di o vilalbés, que unha vez tivo collido o truco das zocas ía polas feiras de Rábade, Parga e Vilalba na súa Vespa, na que transportaba 22 pares en dous sacos en cada viaxe.

"Logo vendina para comprar o coche, pero aínda me pesa terme desprendido dela", afirma o zoqueiro, que di que aínda recibe algunha oferta polas zocas que conserva. "Hai pouco regaleilles unhas á asociación de mulleres rurais de Insua", asegura o vilalbés, que di que el só facía "o que tiña que facer, e había que zoquear para amañar a vida".

Unha fábrica de zocas en Insua

Insua, coñecida polos veciños máis veteranos como "terra de zoqueiros" contou ademais cunha fábrica de zocas, rexentada por dúas familias, a dos Camposa e os Xarelo, que elaboraban zocas por encargo e ao por maior nunha época na que, segundo Ramón Carreira, de 82 anos e natural de Insua, "en cada casa había polo menos un zoqueiro".

Ramón Carreira, zoqueiro de Insua. C.F.R.
Ramón Carreira, zoqueiro de Insua. C.F.R.

El era un deles, e afirma que cando era novo serían arredor duns 60 na parroquia. El nunca foi a unha feira vender. O seu método, herdado polo seu pai e empregado por outros moitos zoqueiros daquela época, era levar as zocas a Vilalba, dende onde as transportaban á Coruña para levarllas a un tratante.

Un ruído semellante ao dunha manda de cabalos

Levaban as zocas cada 15 días e logo voltaban recoller os sacos cos que as movían. "Traíannos os cartos nelas", explica Carreira. Era habitual que as zocas se vendesen tamén en zonas costeiras, en especial as de cana alta, xa que os mariscadores empregábanas para ir traballar cuns picos metálicos debaixo. De feito, algúns din que polas mañás oíanos facer un ruído semellante ao dunha manda de cabalos.

O máis veterano de todos, Benjamín Parga, que acaba de cumprir 101 anos —na foto da portada, da mostra 'Cos pés na terra'' de José Salgado—, recorda como en Muimenta comezou a zoquear cando tiña 14 anos, xusto ao rematar a escola. "Primeiro levábaas a Castro co meu irmán, e os últimos anos vendíaas en Lugo", di Parga, que foi un dos últimos en parar de zoquear. "Deixeino no ano 1978, cando xa non se vendían", sostén.

Benjamín Parga, zoqueiro de Muimenta. JOSÉ SALGADO
Benjamín Parga, zoqueiro de Muimenta. JOSÉ SALGADO

Para el, o oficio de zoqueiro foi só un dos tantos que exerceu ao longo da súa vida. Ademais de traballar no campo, foi carpinteiro, realizou o traballo de enfermeiro polas parroquias próximas e promoveu unha escola rural que funcionou en Muimenta ata o ano 1968. "Era na propia choza onde faciamos as zocas onde dabamos as clases", conta Benjamín, que buscaba manter activa a comunidade.

Todo por unha bicicleta

Veciño tamén de Muimenta, Germán Anllo, de 97 anos, recorda que, sendo aínda un neno, pediulle ao seu pai unha bicicleta. "Díxome que non había cartos, así que empecei a zoquear e logo de aforrar 1.000 pesetas, merquei a bici", conta con nostalxia o zoqueiro, que asegura que facía entre dous e oito pares ao día, en función do resto de tarefas. "O máis complicado era furalas por dentro", declara.

Germán Anllo, zoqueiro de Muimenta. C.F.R.
Germán Anllo, zoqueiro de Muimenta. C.F.R.

"Despois tiven que deixalo e dedicarme por completo á gandaría", di. A pesar de non venderse, el continuou zoqueando "por gusto" e mesmo conta con algunhas pintadas por unha veciña súa. "As últimas fíxenas hai cinco anos, con 92, pero a vista xa non era a mesma", di o zoqueiro, que asegura que "as zocas faciámolas os pobres, pero levabámolas postas os ricos e os pobres".

No caso de Manuel Otero, de 83 anos e natural da parroquia vilalbesa de Alba, conta que el non garda ningunha das súas zocas porque "para min era algo rutinario ao que non lle daba moito valor". Sorprendeulle cando un curmán seu lle pediu levar unhas zocas para a súa casa da Coruña, onde as ten expostas na saliña.

Manuel Otero, zoqueiro de Alba. C.F.R.
Manuel Otero, zoqueiro de Alba. C.F.R.

"Paramin era un traballo máis, complicado iso si, pero un traballo coma outro", asegura. Logo dedicouse á gandería e á construción, pero recoñece que eses inicios foron "os máis duros".

Algúns aínda non reparan no seu valor, pero a realidade é que só se atopan similitudes cos sabots franceses, os klompen holandeses, e máis próximas, as madreñas asturianas. Como dicía Manuel María:

A gracia da abidueira,
atopou o seu destino
fíxose xoca chinela.

Non se sabe agora cal será o destino das que quedan, pero os seus protagonistas avogan por mantelas vivas "aínda que sexa polo boca a boca das seguintes xeracións".


O Museo das Zocas de Muimenta

A asociación Xotramu de Muimenta abría hai cinco anos o que hoxe se coñece como o Museo das Zocas de Muimenta, que alberga distintos tipos de zocas. Dende as que se empregaban para traballar, ata as que se utilizaban para ir á misa. Entre a súa colección, recollida de zoqueiros de Muimenta, tamén se atopan algunhas mostras da súa ferrramenta: dende unha anxola, trades, gubias e mallicos, entre outras, ademais dun antigo carro feito con madeira de bidueiro.

No museo pódense contemplar arredor de 40 pares de zocas de diferentes cores e ornamentos. Ademais das 'chinelas', coñecidas así na comarca da Terra Chá, decoradas cun deseño máis elegante para ser usadas nos días festivos, contan con zocas de cana alta que servían para protexerse mellor da auga.

O espazo expositivo, que se habilitou no pórtico da Igrexa Vella, acolle diversas exposicións de artistas locais e foráneos. Tamén ao lado está restaurada a vella escola da localidade, que foi rehabilitada a través dun obradoiro de emprego do Concello de Cospeito.

Exposición

O museo tamén alberga sete paneis da exposición Cos pés na terra inaugurada en 2018 polo investigador José Salgado, que realizou un traballo para coñecer de primeira man o legado dos zoqueiros na provincia. En Muimenta están retratados por el Benjamín Parga, Paco Morán, Germán Anllo, Perfecto Morán, José Morán, Herminio Falcón e Francisco García. En cada un deses paneis pode coñecerse un poco máis da súa historia.

Comentarios