Os últimos estudos apuntan a que Caldaloba se ergueu sobre un castro

O arqueólogo Iván Álvarez coordinou os traballos de limpeza e de investigación na zona do torre, promovidos pola Xunta
Visita guiada polo arqueólogo Iván Álvarez Mereyo (de azúl), á Torre de Caldaloba e o seu contorno. C.PÉREZ
photo_camera Visita guiada polo arqueólogo Iván Álvarez Mereyo (de azúl), á Torre de Caldaloba e o seu contorno. C.PÉREZ

A Xunta vén de impulsar unha campaña de actuacións na Torre de Caldaloba, dirixida polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo. Os traballos desenvolvidos nas últimas semanas permitiron concretar novos datos sobre este elemento patrimonial de Cospeito, como que todos os indicios apuntan a que este se ergueu en época medieval –hai referencias da súa existencia a mediados do século XIV–, sobre un asentamento castrexo previo.

Esa foi una das conclusións da investigación levada a cabo por Álvarez Merayo, que o sábado daba conta dos labores realizados nunha visita guiada polo contorno do que foi o castelo de Vilaxoán, na parroquia de San Martiño de Pino.

O primeiro foron as tarefas de desbroce e de limpeza da zona –actuouse nuns 10.000 metros cadrados–, tanto para eliminar a maleza que dificultaba o acceso á torre como para favorecer a identificación, delimitación e documentación de diversos elementos, que ofrecen unha base sobre a que seguir traballando.

O arqueólogo concretou que Javier Guerreiro, da empresa Geobim, levou a cabo un levantamento topográfico mediante fotogrametría de toda a superficie, onde tamén se fixo unha prospección arqueolóxica. E a partir destas indagacións, as primeiras conclusións parecen claras.

Merayo explicou que no perímetro da torre se identifican tres foxos castrexos, cos seus respectivos contrafoxos –feitos en parte da terra retirada do foxo e cunha muralla ou unha espiña de pedra interna–. Aínda que as estruturas se aprezan con claridade, están alteradas por distintas accións posteriores, coma a explotación de canteiras -ata a pedra das murallas do vello castelo se vendeu no XVIII, aínda que se conservou a torre porque se cría que podía usarse como cárcere- ou a habilitación do camiño actual de acceso, moi posterior ao medievo.

Unha vez superados os foxos está a croa. "Hai un parapeto que pecha unha semilúa que é a croa dun castro de manual, aquí debaixo están as casas", aseguraba in situ o arqueólogo, avanzando que sería necesario realizar sondaxes para saber o nivel de alteración e que se conserva desa época. Álvarez Merayo tamén detallou que a medida que un se achega á torre refórzase a pegada medieval, como no foxo que rodea a fortaleza, de fisionomía completamente diferente aos anteriores.

A visita, na que se deu conta doutras curiosidades, como o alxibe a cuxa auga se lle atribúe a morte de Constanza de Castro, as técnicas de construción empregadas ou as marcas deixadas nas paredes polo impacto dos "bolaños" –mesmo hai dous no interior da torre– serviu tamén para abordar futuras actuacións, nas que o arqueólogo avogou por unha consolidación da ruína, pero non pola reconstrución.

Porén calquera acción máis alá das encamiñadas á conservación deste BIC, pasa por chegar a un acordo cos donos da torre para que que esta pase a ser un ben público, unhas negociacións coas que o Concello continúa, como lembrou o alcalde, Armando Castosa.

E nesa liña de preservación enmárcase a próxima actuación que quere realizar a Xunta. "É prioritario repasar o apuntalamento da entrada", concretaba o xefe de servizo de Arqueloxía, Roberto Pena, quen tamén asistiu á visita desenvolvida onte para dar a coñecer unha peza máis da historia da emblemática Torre de Caldaloba, un xacemento que, en palabras de Merayo, "é unha pasada".

Comentarios