Turrón pontés, ilusión de Nadal

Alexandre Pérez Sindín, da panadería Toñita, fixo realidade un soño coa elaboración propia deste produto, do que ofrece seis especialidades artesanais, todas con chocolate belga
Alexandre Pérez Sindín, cos turróns. C.ARIAS
photo_camera Xandre Pérez, coas seis variedades de turrón artesanal da panadería Toñita. C.ARIAS

Se hai unha época do ano propicia ao cumprimento das ilusións, esa é o Nadal. E se ademais o soño ten que ver con estas datas e con un dos seus produtos estrela, quen podería resistirse? Na panadería Toñita das Pontes apostaban o ano pasado por elaborar os seus propios turróns e, en vista da boa acollida desta doce iniciativa, este ano queren repetir cunha oferta aínda máis ampla deste tradicional produto artesanal no que o chocolate é o gran protagonista.

"O ano pasado empecei porque me chamaba a atención e é algo que me gusta moito, pero non contaba coa boa acollida", explica Alexandre Pérez Sindín, fillo de quen lle dá nome ao negocio e responsable da delicada elaboración. Ofertou tres variedades e a resposta dos clientes colleuno por sorpresa: "Estaba gastando 2,5 quilos de chocolate e non daba feito", lembra, precisando que este ano quixo empezar antes e incrementar a oferta.

"Este ano son seis variedades, e non son o típico turrón, todas levan unha parte de chocolate e hai cinco coberturas distintas", detalla Xandre, que para ir abrindo boca está a ofrecer a posibilidade de saborear estas delicatessen de xeito gratuíto na panadería, unha por día, en pequenas cápsulas para garantir a seguridade. "Aí a xente pode probalo e ver se lle gusta", apunta.

Á oferta do pasado Nadal, gianduja e café, gold con avelás e ruby con framboesa, sumou este ano outras tantas especialidades: gianduja e canela, kinder con avelás torradas e negro con améndoas. Todas as propostas teñen o mesmo peso, 150 gramos, e a mesma forma, unha barra de 20 centímetros de longo por catro de ancho e 22 milímetros de alto.

"Presentámolos en caixas individuais, pechadas, que poden ser dobres, para incluír dúas pezas", precisa Xandre, lembrando que leva traballando dende agosto para deseñar a presentación do produto, tendo en conta as pegatinas, a presentación, os moldes... e para ter stock de cara ao Nadal.

Na elaboración das seis variedades usa chocolate belga da casa Callebaut, seguindo un delicado proceso no que todo é manual e que aproveita para incorporar algunha que outra sorpresa ou toque distintivo, coma as escamas de sal que leva o Gold.

"Levoume un tempo aprender, porque é un proceso rutinario pero complicado, é laborioso ao ter que fundir o chocolate a unha temperatura determinada e sen parar de remover e despois ir incorporando os extras de cada elaboración", resume Xandre, precisando que se non se fai axeitadamente, as pezas non desmoldarán.

Pero merece a pena, tanto pola boa acollida -"o que o proba habitualmente repite, para consumo propio ou para regalar", di- como pola satisfacción persoal de quen leva moito tempo interesándose e formándose ao redor do mundo da bombonería e dos chocolates.

"Ao comezo pensei en facer turrón clásico, pero ese xa está no supermercado, así que decidín innovar e ofrecer un produto diferenciado", lembra Xandre, contento co resultado dunha aposta persoal que suma á oferta da panadería Toñita, que ademais do pan que lle dá nome tamén comercializa empanadas, doces, os tradicionais mantecados ponteses ou especialidades segundo a época do ano. Polo Samaín fixeron terroríficas piruletas de morcego ou galletas de Halloween decoradas con arañas, momias ou pantasmas e xa andan ás voltas con outro produto típico do Nadal, o panettone.

Comentarios