Troula que une parroquias

Un grupo de veciños organiza por vez primeira a Festa da Amizade, unha cita que reunirá este sábado máis de 350 persoas en Noche

Comisión organizadora da Festa da Amizade. EP
photo_camera Comisión organizadora da Festa da Amizade. EP

As festas da xuventude -nas que asistentes mozos e non tan mozos- son xa un clásico no calendario festivo de todos os concellos da volta. Proliferan coa mesma velocidade que os fungos en pleno outono. Algo máis que xustificado dado o éxito que acadan, independentemente de onde e como se celebren.

Pero dende hai un tempo, tamén van xurdindo outras iniciativas que levan aparelladas o concepto de unión parroquial. É o caso, por exemplo, da cita que promoven conxuntamente dende hai varios anos un grupo de veciños de San Xoán de Alba, A Torre, Boizán e San Bartolomeu de Insua, en Vilalba.

A esta iniciativa, e dende esta mesma fin de semana, sumaráselle a Festa da Amizade, unha nova cita que organizan con moita ilusión representantes de Noche, Nete e Ladra. E que "chega para quedarse", segundo prognostican.

O evento será este sábado, día 14, no campo da festa de Noche. "O programa incluirá unha sesión vermú amenizada pola orquestra Xacobeo", avanzan os promotores, destacando que o acto central será un xantar de irmandade.

"Xa temos anotadas unhas 360 persoas", explican, mentres confirman que esperan chegar aos 400 asistentes, unha cifra "moi boa" para ser a primeira edición.

Na comisión organizadora da cita, que incluirá un xantar de irmandade, hai representantes de Noche, Ladra e Nete

Os interesados en asistir aínda están a tempo. Para reservar os tickets da comida, na que se degustará xamón cocido, polbo e churrasco, a un prezo de 23 euros por persoa -para os menores de dez anos será gratuíta-, deberán chamar aos teléfonos 650.36.55.54, 686.18.69.12 ou 671.62.59.48. Razóns para asistir non faltan.

A comisión confirma que a sobremesa estará amenizada polos grupos Andrade e Misturas de Nete. "Música tradicional para a tarde e, pola noite, haberá verbena co dúo Época e a orquestra Xacobeo", explican os organizadores, desexosos de que a cita funcione.

E é que decidiron traballar arreo para que todo saía á perfección por moitas razóns. "Queriamos xuntar aos veciños e as familias para que poidan pasar un día agradable todos xuntos", din.

"Cada vez queda menos xente nas parroquias e hai que darlles motivos para que teñan ganas de celebrar", engaden, máis que esperanzados en que a cita volva repetirse ano tras ano.

De feito, xa teñen o lugar escollido para a próxima edición. "O ano que vén será en Ladra", din, sabedores de que a unión parroquial é sinónimo de éxito.

Comentarios