Triste adeus á zorza de Generosa

A emblemática carnicería vilalbesa da Rúa Porta de Cima pecha tras máis de catro décadas atendendo a unha clientela fiel, pero que foi a menos coa pandemia e os cambios na Pravia
                      Generosa, María e Suso, na carnicería.
photo_camera Generosa, María e Suso, na carnicería. C. PÉREZ

"¿Es por un tiempo o para siempre?", preguntaba este sábado unha clienta, unha de tantas persoas que non podía crer que un dos negocios máis emblemáticos de Vilalba, a carnicería Generosa, localizado nunha das rúas máis emblemáticas de Vilalba, Porta de Cima, botase a chave. "Con la pandemia fue a peor la cosa y nos mató la carretera -Rúa da Pravia-", di María Fuentes, quen quixo darlle continuidade ao negocio hai case oito anos, cando súa nai se xubilou.

"Estuve fuera, pero me vine y al jubilarse mi madre me quedé, porque esto me gusta, siempre lo viví", explica botando a vista atrás, a toda unha vida ao redor dunha carnicería na que axudaba de nena, logo de que súa nai, Generosa Noche, apostase por emprender en 1980 nunha rúa na que daquela se podía comprar "de todo sin salir de ella, había hojalatero, ferretería, carpintería, mercerías, panaderías, frutería, ultramarinos, lechería...".

Generosa viña de traballar no supermercado familiar, o Spar de Fontiñas, e apostou por emprender nun sector que coñecía ben. "Esta era unha casa antiga e na que fora a corte dos porcos, que xa era un cuarto, foi onde empecei", lembra Generosa, que pouco a pouco foi ampliando segundo a necesidade. "Teño tido na cámara sete porcos, cando matabamos na casa", lembra sobre os inicios.

"Tiña de xente...!", conta tamén, facendo acenos coas mans para indicar que era moita, moitísima. Ten habido colas na rúa ata o punto que quen non sabía da sona da carnicería preguntaba cousas como: "E que pasou aí, nesa casa morreu alguén?".

Todo tiña demanda e o traballo medraba coas matanzas, cando ata viña unha muller para atar chourizos e cando tiñan moita saída as tripas e o pimentón, ata hoxe mercado na mítica lata a granel, ao proveedor de sempre. Mais se había un produto de éxito, ese era a zorza. Estes días esgotaron as existencias -e non só dela-, pois a xente mercou ata o último gramo para consumir ou conxelar.

"Me preguntan por qué no aguanto, pero es difícil, teníamos mucha clientela de las aldeas y ya no viene, no entra en Vilalba, la feira ya no es en la plaza...", engade María sobre a complicada decisión que tomou, arroupada por súa nai, e que tamén supón prescindir de Suso Noche, empregado dende hai 37 anos.

"Empecei con 19, foi o meu primeiro traballo, é triste e duro", di Suso, un tanto "descolocado", igual que María, polo incerto futuro. "Moitos clientes despídense, abrázante, dan ánimos, xente maior que levas toda a vida despachando... É moita emoción", explica sobre a difícil despedida do que foi máis ca un traballo.

Generosa e el viviron múltiples anédcotas, algunhas tan célebres coma seren os protagonistas dun tema de pop inchable do grupo local Irmandades do Falo, que gañaba o certame Vas Sacar Nota 2012 da Radio Galega: "Ela tiña a tenda ao lado do zapateiro,/ vendía galiña e tamén tiña tenreiro,/ costela de porco sempre do matadeiro,/ doña Generosa cárgueme o maleteiro;/ Generosa Noche, enchéndome o coche,/ doña Generosa, sempre tan fermosa,/ Generosa, quero un cabrito,/ Generosa, que seña bonito", soa nas ondas e nos concertos do grupo dende entón.

Este sábado era RG Música a que soaba nun vello transistor sempre aceso, acompañando a un e a outro lado do mostrador. Este sábado a carnicería Generosa pechou a porta "para sempre", como lle respondía Suso á clienta ante unha emocionada María e unha resignada Generosa: "Houbo tempos moi bos, pero xa ves en que quedou". Este sábado apagouse a radio.

Comentarios