Tributo pétreo a un creador de pobo

O crego Alfonso Blanco recibiu unha nova homenaxe en Guitiriz, onde os veciños de sete parroquias se uniron para recoñecer o seu labor ao longo de catro décadas, impulsando a colocación dunha escultura deseñada por Quijada

Alfonso Blanco (sentado), xunto á escultura creada por Quijada. C.PÉREZ
photo_camera Alfonso Blanco (sentado), xunto á escultura creada por Quijada. C.PÉREZ

"A beleza feriute para sempre xermolando luz na mornura das túas palabras... os teus feitos". Esta é a frase que o canteiro Xabier Quijada gravou na base do Xermolo da Luz co que os veciños de sete parroquias de Guitiriz lle quixeron agradecer a Alfonso Blanco Torrado catro décadas de servizo á comunidade.

Un recoñecemento que o protagonista recolleu "como algo que é de todos", salientando que un anaco da natureza de Parada, en Outeiro de Rei, agora é un "pulo á nosa vila, a todos os que van facer camiño á través desta rúa".

Alfonso agradeceu a gran concorrencia, convidándoos a todos a continuar falando "nos camiños das parroquias, onde seguiremos partillando soños" e reseñou que Quijada a bo seguro que poidera plasmar na pedra "o que significa a nosa amizade".

"Podería facelo 1.010 veces e non daría expresado o que sinto por Alfonso nin o que el representa", aseguraba o escultor, acompañado polo seu neto, Roi, un pequeno axudante á hora de representar "non a Alfonso, senón a súa semente, xermolando homes e mulleres mellores".

Moitos deles que quixeron amosarlle o seu cariño facendo acto de presencia no descubrimento da escultura, colocada ao pé da Nacional VI, nuns xardíns da Rúa do Concello. E aí non podían faltar os promotores da iniciativa.

Ángel Tomé, presidente da comunidade de montes de Mariz, falou en nome dos comuneiros de San Salvador, de Roca, de Trasparga, de Santa Mariña e de Lagostelle, así coma dos veciños do Vilar, e asegurou que esa escultura de granito "xigante, pero non tan grande coma ti, Alfonso, quedará aquí para moito tempo" dando conta "do que viñeches sendo ti para nós durante moitos anos". Porque o crego, para eles, foi moito máis ca iso, un "guía espiritual, pero tamén social", que os fixo tomar conciencia de que necesitaban ser una comunidade unida "para medrar socialmente".

"Día a día, domingo a domingo", Alfonso transmitiulles uns valores que agora quixeron agradecer cun "facho aceso que reflicte o apoio e o cariño dos teus veciños", apuntaba Tomé nun acto ao que se sumaron 14 nenos e nenas de todas as parroquias para recitar poemas de Xosé María Díaz Castro, no día do seu 105 aniversario, e de Rosalía de Castro, ás portas da celebración tamén do seu día.

A escritora Marica Campo felicitounos por "ter memoria e acordarse de quen fai país", un "anxo feramente humano, e iso é o mellor que se pode ser", unha persoa "que crea pobo e marca a historia", porque, como ela dixo "vale máis estar xuntos e unidos que levantar bandeiras".

O son da gaita de Abel Pena abría e despedía un acto guiado por Xulio Xiz, ao que se sumaban Xosé Otero Canto cun poema e un protagonista inesperado e aplaudido, Dani Campello, quen acompaña a Alfonso a diario. A alcaldesa, Regina Polín, recoñeceulle o seu labor cun triple agasallo: un diploma de voluntario oficial, unha rosa branca pola súa bondade e outra vermella polo seu corazón e unhas entradas para ver o Real Madrid no Bernabeu.

A rexedora municipal tamén apuntaba que a escultura xermolaría nun futuro próximo, ao ser unha peza inacabada, igual que o labor de Alfonso, "a quen aínda lle queda moito por facer". E é que, como lle escribiu o seu amigo Raúl Río dende o País Vasco: "A Alfonso, se non existise, habería que inventalo".

Comentarios