domingo. 05.07.2020 |
El tiempo
domingo. 05.07.2020
El tiempo

Tributo á noite vilalbesa

Cartel anunciador do evento. EP
Cartel anunciador do evento. EP
Sete disc-jokeys míticos de distintas xeracións tomarán a Praza da Constitución da capital chairega este sábado 28, a partir das 23.00 horas, para protagonizar una sesión irrepetible na que se poderán oír éxitos de sempre

Sete disc-jokeys de distintas xeracións, xuntos nunha velada memorable. Sesións ao redor dunha hora e, como telón de fondo, a época de esplendor da movida vilalbesa, as noites de éxito das míticas Ventoeira, rebautizada como Pay-Pay, ou da Troco. Aqueles momentos nos que "a rúa estaba chea de pubs e había traballo para todos", concentraranse este sábado na Praza da Constitución no Tributo á Noite Vilalbesa, unha iniciativa impulsada por Marcos Péon, xunto ao case inseparable DJ Frisco. 

"Propúxoselle ao Concello facer o festival, unha idea coa que levabamos moitos anos", precisan, agradecidos pola boa predisposición do goberno local para "apostar por algo diferente no pobo". "Destacar aos artistas de Vilalba era algo que estaba pendente e todos reclamabamos", precisa un DJ que comprobou en primeira persoa a fabulosa acollida que tivo a sesión remember celebrada nas festas de San Ramón.

O sábado 28, ás 23.00 horas, farase algo similar. Cada DJ porá o seu repertorio e o seu estilo ao servizo dunha noite única na que se por unhas horas os presentes poderán realizar unha viaxe sonora no tempo da man dos propios Peón e Frisco; DJ Kiko e DJ Sito, Pedro Anido, DJ Zalo e Antonio Currás.

"Á xente gustoulle o do San Ramón", lembra Zalo, disposto a revivir as boas sensacións daquela noite de verán do 7 de setembro. "Calquera iniciativa que sirva para entreter á xente do pobo e xerar movemento cultural e social está ben", di Currás, que non dubidou á hora de sumarse a "unha boa causa".

Máis dúbidas tivo Sito, que nun principio respondeu cun "non rotundo" á chamada de Peón "por pánico escénico", bromea. Ao final tamén dixo si porque este tipo de iniciativas, ás que el mesmo sumou o seu propio gran de area hai uns anos co Vilalba Fusión, merece a pena. "É marabilloso lembrar unha época moi bonita e a nosa paixón pola música", resume Pedro Anido.

"Só podemos pedir que se anime a xente a participar, porque a idea é estupenda e tería que facerse con frecuencia, tres ou catro eventos destes ao ano non estaría mal", propón Kiko. Queda dito. Parece que, se o público responde coma sempre, haberá segunda edición.

DJ Frisco & Marcos Peón  
Marcos Peón e DJ Frisco. EP

Os ideadores deste espectáculo coñecéronse na Troco. "Conxeniamos ben", din, e o resto é historia. Pinchan por separado, pero é xuntos onde suman os éxitos que os levaron a distintos puntos de España, Francia, México, Portugal, Suíza, Finlandia, Rumanía, Thailandia... paradas musicais ás que nos últimos dous meses suman Muimenta, como parte da nova etapa da Hermo. 
Peón é o máis novo dos participantes no tributo e ten "a sorte de poder vivir disto". É DJ profesional. Comezaba a pinchar no pub dun amigo e ao pouco tempo xa o chamaron para o equipo da Nova Troco. Era o ano 1997 e tiña só 17 anos. Alí medrou e foi formándose e evolucionando, ata que a discoteca pechaba definitivamente cunha daquelas recordadas festas de Entroido en 2016. "A diferencia entre sesións está no público, o latinoamericano é moi paixonal", explica un namorado do house que sempre tenta "coller o mellor de cada persoa con quen comparto escenario".
E son moitas as leccións aprendidas xunto a Francisco Taibo, popularmente coñecido como DJ Frisco, un apodo de infancia que asumiu como nome artístico. El non é natural de Vilalba, naceu en Sada, pero na capital chairega ten un fogar. "O cariño da xente cando estamos na casa é brutal", explica, contento "despois de traballar en medio mundo", de poder facelo tamén na terra. Tras 13 anos en Los40, leva outros tantos en NovaHit, sempre compaxinando a radio cun hobby no que se adentraba con 16 anos "en discotecas de cerca da casa" e que acabou por ser tamén un xeito de vida e non só ante a mesa de mezclas, pois tamén foi mánager da Troco. Coincide con Peón no seu gusto polo house, pero recoñece que "a música comercial ten máis tirón" e ambos son xa auténticos expertos en sesións remember coma a do San Ramón ou a deste sábado.

DJ Sito & DJ Kiko

DJ Sito & DJ Kiko. AMADOR

O outro dúo que se podería ver no escenario confórmano dous vilalbeses case coetáneos que hoxe son caras coñecidas da hostalaría vilalbesa. Francisco Javier Pita é DJ Kiko dende os 17 anos. "A música sempre me gustou, son moi melómano e aos dez anos xa empecei a comprar". O Topaz foi o seu primeiro reto e despois pasou polos vilalbeses AT42, Aqua ou Metrópolis ou pola discoteca Jaguar 2 de Becerreá. Hoxe segue a pinchar "eventualmente" e podendo escoller, prefire o house ou o techno, xa que non sente unha especial querencia pola música actual. 
Moisés Martínez, DJ Sito, tivo dúbidas sobre a súa participación no evento porque leva "tempo sen pinchar", pero ao final uniu forzas con Kiko, un dos seus referentes. Seu primo tiña un pub, o Xuntiños, e foi aí onde fixo os seus primeiros pinitos en 1992, con 14 anos. "Collía a bici, levaba cintas con música e probaba", lembra. Ata que un día o DJ non puido acudir e aí tomou a alternativa. A do Punto K, da Pay-Pay, da Nova Troco ou da Deyma de Monforte foron algunhas das cabinas polas que pasou ata que volveu ao Xuntiños, onde se pode dicir que pechaba o ciclo un DJ "ecléctico", convencido de que "hai un estilo musical ideal para cada momento".
Pedro Anido 
Pedro Anido. EP
 "Sempre me gustou moito a música, pero pinchar non sabía", lembra Pedro Anido. Ata que no Nadal de 1997 un amigo o animou a pinchar no Tucán. Comezaba cos seus propios CD e vinilos unha afección que mantén viva dúas décadas despois. Anido pasaría logo polo AJM ou o Camelot ata que marchou a Lugo, onde estivo na Fundación ou no Velvet e despois, a Cantabria. Hoxe traballa como celador no Hospital Universitario Marqués de Valdecilla de Santander, e alí segue a pinchar de cando en vez, para o que incluso dispón dun equipo propio. "O meu rollo é o rock, pero non me caso con ninguén e nunha sesión miña podes escoitar dende Julio Iglesias a Extremoduro, son moi melómano e iso lévoo comigo cando toca pinchar, buscando mover as emocións da xente", unha filosofía que aplicará tamén dende o escenario da Praza da Constitución.
DJ Zalo 
DJ Zalo. EP
As orixes musicais de Gonzalo Manuel Seoane, alias DJ Zalo, están en Bilbao, onde naceu e se criou. "Ía a un pub de Sestao no que tiña un amigo na cabina e foi o que me ensinou", lembra. Con 18 años xa se converteu nun fixo do pub e pasaría tamén pola discoteca Anaconda de Barakaldo ou pubs coma o Galeza de Llodio ou o Iriz de Zalla ata que aos 25 anos se mudou a Vilalba, onde continuaba o seu periplo polos pubs locais: Metrópolis, Tras2, Oasis, Xuntiños, Sunday... "Andeinos todos" di quen agora é o DJ oficial de Puzzle Animación, a firma que dirixe Ovidio Fernández, quen fora o seu aprendiz de pinchadiscos no Oasis. DJ Zalo está centrado no seu labor na discoteca móbil, coa que acude a todo tipo de celebracións e eventos, o que equivale tamén a pinchar todo tipo de música, dende cumbias ao remember. "Ten demanda, atravesamos un bo momento", explica sobre un formato que tamén ten presenza nas tradicionais verbenas. E aínda que un vinilo pouco ou nada ten que ver cunha controladora, a música é música, e Zalo quere xubilarse unido a ela, a ser posible en Puzzle, e seguir sumando experencias coma a do San Ramón ou a que a bo seguro vivirá este sábado.    
Antonio Currás 
Antonio Currás DJ. EP
Todos os anteriores teñen claro quen é o pioneiro, aínda que en vez de pinchar vinilos, empezase por mesturar sons en casetes. "Xuntabamonos nun fogar xuvenil que había en Vilalba onde se facían guateques", rememora Antonio Currás, o máis veterano dos DJ vilalbeses, quen naquelas primeiras sesións se valía de dous radiocasetes: "Poñiamos primeiro unha canción nun e logou noutro". "Cobrei o meu primeiro soldo en 1977, 2.000 pesetas, que eran moitos cartos", precisa quen con só 17 anos daba o salto á mítica Ventoeira, na que botou oito anos. "Daquela abriamos as seis da tarde e cerrabamos ás dúas da mañá e había xente a tope e despois na Troco era da dez da noite a tres ou catro da mañá", explica Antonio, que comezaba a traballar noutro dos símbolos da noite vilalbesa a mediados dos anos 80, a Troco, só tres meses despois da súa inauguración. 
O nome de Antonio Currás está vencellado ao de moitos dos locais míticos de Vilalba, xa que rexentou durante dez anos o Topaz (primeiro con Julio Cazón e logo en solitario), que funcionada de xoves a domingo, e tamén o Agarimo coa súa muller, ademais de pasar pola popular Chanel pontesa ou polo desaparecido pub Joanco, entre outros. E aínda que segue facendo "algunha cousa todos os anos no locais de amigos", Currás cambiou a mesa de mezclas pola de amasar ao apostar por quedar á fronte do centenario negocio familiar, a Tahona Currás, fundada polo seu bisavó en 1907.
"Procuro estar ao día e sigo facendo cousas na casa, todos os días lle dedico un anaco á música", explica un DJ que ten na súa casa un equipo para practicar e que, cando o tempo e o traballo llo permiten, vai "facer unha pinchada por aí". E nelas, sempre adapta a música que fai soar ao seu estado de ánimo e, por riba de todo, ao ambiente que ten ao redor. Porque pinchar música non só é dominar a técnica, senón tamén ter boas dosis de psicoloxía para "saber darlle á xente o que necesita en cada momento". E o 28 non será distinto.
 

 

Tributo á noite vilalbesa
Comentarios