jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Traxandaina valoriza a vestimenta da muller da aldea da provincia de Lugo

Mostra do traxe tradicional. C. PÉREZ
Mostra do traxe tradicional. C. PÉREZ
Unha exposición itinerante con doce traxes, promovida por El Progreso dentro da iniciativa O teu Xacobeo, pode visitarse, con entrada gratuíta, na casa da cultura de Vilalba ata o día 17

Doce indumentarias femininas, con moitas semellanzas pero tamén con detalles que marcan a súa orixe xeográfica diferenciada, recuperadas grazas aos anos de investigación do obradoiro Traxandaina, compoñen a mostra itinerante O traxe festivo da muller aldeá, nas terras de Lugo, promovida polo Grupo El Progreso e sendo un proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo, que pode visitarse, con acceso gratuíto, ata o vindeiro sábado na casa da cultura de Vilalba.

"Que tipo de vestimenta levaba a nosa xente?", "como se vestía, como se facían as pezas, como se elaboraban os tecidos?", foron algunhas das moitas preguntas que un día se fixo Teresa Astorgano, responsable de Traxandaina, para tentar ir máis alá da visión "folclórica" actual do traxe galego feminino, que a maioría das veces, segundo explicou na inauguración, non se axusta coa realidade da roupa que levaban as mulleres hai máis dun século.

Iniciaba así un labor de pescuda e de recuperación, nunha loita contrarreloxo contra o esquecemento e a perda que conleva o paso do tempo, que non ten fin. Este luns mesmo facía un chamamento a todas aquelas persoas que gardan pezas antigas nas huchas ou nos faiados para que se poñan en contacto con Traxandaina, e así poder conservalas ou reproducilas. Como por exemplo o dengue e o mantelo que acababa de recoller en Goiriz, pezas orixinais que atesouran décadas de historia, no sentido máis amplo da palabra, como moitas outras das lensas, panos, veludos, picotes, etc. que poden verse e aprezarse na exposición, recuperados en Vilalba, Castro de Rei, Portomarín ou Sarria e completados con reproducións o máis fieis posibles ás prendas orixinais.

O tear como figura clave, o labor das costureiras, o uso da vestimenta como indicador do poder económico, a prohibición da raíña Isabel II de usar cores na roupa foron algúns dos aspectos que Astorgano repasou no acto, que tamén contou coa asistencia do xefe territorial de Presidencia da Xunta en Lugo, o vilalbés Gerardo Criado, quen agradeceu o impulso a esta iniciativa que "pon en valor unha parte do noso patrimonio que é fundamental conservar e ao que os que procedemos dese ambiente lle damos un valor especial".

"A mostra podería ser máis ampla, pois hai máis material, pero cremos que reflicte o que queriamos; amosar e dinamizar a nosa cultura e a nosa etnografía, porque un xornal, ademais de informar, pode ser un motor de divulgación", indicou pola súa banda José María Vilabrille en nome de El Progreso, mentres a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, animaba aos presentes a "ser voceiros desta mostra que pon en valor as nosas tradicións e a nosa cultura, para que a xente a visite, porque merece a pena vela".

Traxandaina valoriza a vestimenta da muller da aldea da provincia...
Comentarios