domingo. 26.09.2021 |
El tiempo
domingo. 26.09.2021
El tiempo

Tralas pegadas da avoa Hortencia, unha historia da emigración

A avoa Hortencia, con Valeira de bebé. EP
A avoa Hortencia, con Valeira de bebé. EP
Hortencia Cibreiro percorreu 10.000 quilómetros, dende o seu Guitiriz natal ata Bos Aires, na procura dunha vida mellor. Case un século despois, a súa neta Valeria Crespo busca renderlle unha homenaxe reencontrándose coas súas raíces

Coma un agasallo de Nadal adiantado, o 15 de decembro do ano 1902 nacía Hortencia María Cibreiro Rodríguez en Guitiriz, unha de tantas mulleres e homes que na súa mocidade cruzaron o Atlántico nos anos 20 -crese que ela o fixo en 1928-, na procura dunha vida mellor. No seu caso, contra a vontade da familia e seguindo os pasos dun tío, emigraba a Arxentina.

"Vese que era unha muller nova decidida e viaxou", conta a súa neta, Valeria Crespo, que dende Bos Aires, onde reside, leva anos na procura das súas raíces galegas, especialmente tratando de encher as lagoas da historia da súa "amada avoa" paterna, unha figura fundamental na súa crianza.

"Como as cousas non saíron ben no matrimonio de meus pais, a miña avoa foi unha segunda nai para min, crioume, coidou de min, alimentoume cando a economía se puxo dura. Lembro que ía recoller as froitas e verduras que se tiraban na feira para poder comer, lembro tamén con cariño facer roupa para as bonecas con anacos que atopaba", escribe Valeria dende os máis de 10.000 quilómetros que a separan do lugar que pensaba visitar o pasado verán, ata que unha pandemia mundial truncou os seus plans.

Valeria, coa avoa Hortencia, cando cumpriu 18 anos. EPArelaba, e arela, ser testemuña directa de todos eses recunchos que pertencen á infancia da amada avoa, ver en vivo o que xa ten visitado un milleiro de veces de forma virtual. "Coñezo Guitiriz rúa a rúa, percútoo en Google Maps, busco o lugar onde vivía a miña avoa, as rúas polas que andaba, a igrexa onde a anotaron... Sempre pregunto pola cidade no Facebook de Guitiriz , quero saber todo o que podo", explica, imbuíndose de cada foto antiga, cada pequena pinga de información -ata se lanzou a preparar a típica torta de millo- que a achega ás súas raíces e renderlle así a última homenaxe á súa avoa: "Era unha muller estupenda, fixo moito por facerme quen son hoxe".

Valeria, que comezaba estudando a cultura irlandesa hai máis dunha década, un día caeu na conta de que a galega tiña similitudes con esta e integrouse no club Tuy Salceda para aprender baile rexional. "Lembro que me sentín moi cómoda, porque sabía que este lugar tiña máis que ver coas miñas orixes que calquera cousa irlandesa que coñecera", conta. Comezou a oír falar de Galicia, a escoitar falar en galego. "Encantoume, sentino no corazón", confesa. E a mestra -Valeria é profesora de español, literatura e latín- converteuse en alumna.

A avezada estudante, non só entrou a formar parte do grupo folclórico Baixo Miño ou no mundo das cantareiras, senón que se mergullou no idioma galego da man da súa profesora Carolina, oriúnda de Vilagarcía de Arousa. Ela foi a que a introduciu nos faladoiros do Centro Galicia de Bos Aires. "É un lugar de encontro para falar en galego e coñecer non só a obra literaria de Galicia, senón todo o que ten que ver coa cultura galega, coas historias dos nosos devanceiros", precisa Valeria.

E este achegamento a Galicia non fixo máis ca reforzar o seu desexo de seguir as pegadas da avoa galega, quen casaba con outro galego, Manuel Crespo Bernárdez, nado o 15 de febreiro de 1903 no lugar de Farán, no concello pontevedrés de Rodeiro, e chegado a Bos Aires o 6 de abril de 1929 no barco Cap. Polonio.

Hortencia, co seu home Manuel Crespo. EPDe súa avoa, Valeria non puido atopar os rexistros da chegada ao porto, pero si sabe que o seu tío lle conseguira un traballo de 'babá' e ama de casa "dun importante diplomático chamado Llambí", con cuxa familia viaxou por Europa: "Dixéronme que sempre lembraba como a muller deste importante home a encerrou no cuarto do barco durante unha semana para ensinarlle bos hábitos e pulila para que funcionase ben".

"Cando coñeceu ao meu avó, esta familia, que a amaba moito, díxolle que querían outro tipo de home para ela, que era pobre, non obstante, a miña amada avoa, coma sempre, escolleu o que realmente quería e casou con Manuel", escribe Valeria, quen non chegou a coñecer ao seu avó, pois este morreu antes de que ela nacese.

A parella asentouse en Hurlingham, unha cidade do Gran Bos Aires, e tivo dous fillos: Hortencia Josefa, a tía que lle axuda a Valeria a completar a historia de súa avoa, e Manuel Antonio, seu pai. "Fun a súa terceira neta e a primeira do seu fillo, polo que sentía un gran apego. Sempre viviu co meu pai e, polo tanto, tiven a alegría de medrar con ela", oíndo á súa vez historias da súa tataravoa, a avoa de Hortencia, pola que esta sentía un gran afecto.

A través do Concello de Guitiriz, cuxa rapidez e boa disposición Valeria agradece, en apenas dúas semanas obtivo o certificado de nacemento de Hortencia, o que a sitúa na parroquia de San Xoán de Lagostelle, e que lle ofreceu a Valeria outras pezas máis do puzzle. Figura como filla de 'pai descoñecido', só co apelido da nai, Rodríguez, se ben anos máis tarde supón que este si que a recoñeceu e lle deu o seu apelido, Cibreiro.

VALERIA AVOA GUITIRIZ (5)"Gustaríame saber se tiñan irmáns, cal era a casa onde viviu, se foi realmente quen a recoñeceu anos despois seu pai..." enumera a neta nun sinfín de preguntas que aínda non teñen respostas, pero que confía en irllas dando. Porque, quizais non todas, pero moitas están aí. Quen lle ía dicir que ía atopar a filla dun curmán de súa avoa que vive a só uns quilómetros dela e do que nada sabía? Pois deu con ela a través dun grupo de Facebook chamado Para todos os Cibreiros do mundo, onde preguntou se había Cibreiros de Guitiriz. Puido conversar con ela por teléfono, saber cousas da súa avoa e ratificar aínda máis, se cabe, o seu desexo de seguir as pegadas da avoa Hortencia, galega ata o día da súa morte.

"A miña avoa nunca chegou a ser cidadá arxentina, pero agradeceu moito a este país porque lle deu oportunidades. Era unha muller de carácter, loitadora, traballadora e eficaz. Cando era vella, como nunca aprendera a escribir, aos 89 anos foi a unha escola de adultos e escribiume unha carta que atesouro", relata unha neta ilusionada por saber máis das súas orixes familiares, o que tamén a levou a incorporarse ao grupo Es de Guitiriz se... e tamén na Nova Poesía Guitirica, onde xa compartiu algunha composición en galego. A primeira, como non podía ser doutra maneira, dedicada á súa avoa e esa carta que lle deixou:

Verbas traballadas...

As follas dun caderno vello

Gardan unhas verbas escritas

Tardiamente levadas ao papel

As verbas agroman das follas

Invadindo a miña alma

Traendo lembranzas escondidas

A pluma que as escribira

Pluma tardía, pluma traballada

Aos teus noventa anos

A palabra saíu do teu interior

Para voar e embelecer o caderno

Caderno que atesouro

Xunto á primeira e única carta

Que chegou de túa man

Hortencia Cibreiro. EP

Tralas pegadas da avoa Hortencia, unha historia da emigración
Comentarios