A tradición de xogar conquista Muimenta da man de Xotramu

O Campo da Igrexa Vella acolleu talleres e divertimentos para todas as idades
Actuaciones de monicreques Mircromina en Muimenta. C. PÉREZ
photo_camera Actuaciones de monicreques Mircromina en Muimenta. C. PÉREZ

A asociación Xotramu (Xogos Tradicionais Muimenta), organizou na tardiña do domingo, no Campo da Igrexa Vella, a XIV Festa dos Xogos Tradicionais de Muimenta, unha proposta lúdica e tamén cultural que congregou ducias de persoas de todas as idades dispostas a pasalo ben xogando.

Probar o equilibro sobre os zancos, desafiar a un amigo nos cañoteiros, aproveitar o zurriagazo para amañar contas, desesperarse para conseguir atinar coa tarabela, acadar os 2.000 puntos de recompensa que vale encestar na boca da ra ou atinar co tiracoios ou coas escopetas de madeira foron estampas cotiás ao longo de toda a xornada en Muimenta, onde os sorrisos de triunfo, os aplausos e as miradas de concentración se intercalaban cos lamentos, as gargalladas e algún que outro sentimento de frustración.

Nese terreo de xogos xigante no que se transformou por unhas horas o Campo da Igrexa Vella, onde os avezados xogadores ían pasando dun divertimento a outro, houbo tamén oco para probar cousas novas grazas aos obradoiros de origami, xoguetes naturais e olería.

Actuación de monicreques Mircromina (arriba), obradoiro de olería e camiñantes sobre zancos.
Camiñantes sobre zancos na festa. C.PÉREZ

O Recuncho das Argalladas de Lourenzá trasladouse ata Muimenta para que os presentes poidesen descubrir canto dá de si un xunco. "Adáptanse ben para este tipo de obradoiros, porque non fan falta ferramentas para facer cousas con eles", explica Manolo García sobre unha materia prima coa que ao longo da tarde se fixeron uns cantos barquiños de vela.

Tamén houbo quen quixo ir máis alá e darlle forma a unha grileira, artiluxio que con unhas pedriñas dentro se transforma nun axóuxere, pero o propio Manolo recoñecía que era complicada de elaborar.

E pódese tirar un foguete cun xunco? Pois aí estaba Manolo para probar que si, aínda que o de facelo soar coma se dunha festa se tratase xa é cousa de cada quen.

O Campo da Igrexa Vella converteuse por unhas horas nun terreo de xogos xigante

"Todo pode ser un xoguete, unha piña pode ser un animal con case nada, pero tamén se poden facer cousas moito máis sofisticadas, este é un mundo que nunca se acaba", aseguraba o responsable do Recuncho das Argalladas, mentres a só uns metros Luz Díaz, chegada dende Lugo, amosaba que os papeis de cores tamén se poden converter en practicamente calquera cousa.

"O que máis lles gusta facer son as figuras con algún tipo de movemento, como ras que saltan ou unha estrela que cun movemento se transforma nun donut", di Luz, que detalla que para o batracio abonda con saber como dobrar un papel, mentres que a estrela é unha figura modular composta por oito pezas todas iguais que se montan "sen pegamento nin tesoiras". Porque esa é a clave do origami, crear só a base de saber como dobrar e xuntar.

Actuación de monicreques Mircromina (arriba), obradoiro de olería e camiñantes sobre zancos.
Obradoiro de olería. C.PÉREZ

Outro material que conquistou aos asistentes foi o barro. O vigués Carlos San Claudio introducía aos máis pequenos no mundo da olería a base de darlle forma a distintas cuncas e a algunha que outra torre de castelo. "Esta é unha primeira experiencia, para que saiban como se fai e lle collan o gusto, porque para o 99% deles esta é a primeira vez que tocan o barro", explicaba o mestre oleiro mentres ía guiando aos aplicados alumnos, que obtiñan como recompensa aquilo que axudaron a crear coas súas propias mans.

As Vacacións no mar de monicreques Mircromina, a animación musical de Sons de Aldea e unha mostra de artesanía completaron esta tarde dedicada a xogar, na que non faltou tampouco unha das competicións por excelencia, a billarda, coa celebración do Aberto da Filloa, organizado por Carabullo dende hai unha ducia de anos. Por facerse cun trofeo artesanal e cun bo lote deste manxar tan típico de Muimenta pelexaron con ganas máis de 40 palanadores.

E é que, como dicían dende Xotramu, había "necesidade" de xogar. Así que para o ano, "haberá que repetir". Comeza a conta atrás para o XV Encontro de Xogos Tradicionais de Muimenta.

Comentarios