A tradición vive na Romaría Labrega

A segunda xornada de festa en Guitiriz incluíu probas de habilidades con maquinaria, carreiras de cortacéspede e exhibicións de motoserra
Exhibición de motoserra na Romaría Labrega da Chaira. C.P.R
photo_camera Exhibición de motoserra na Romaría Labrega da Chaira. C.P.R

A carballeira do Cancelo, na parroquia guitiricense dos Vilares, seguiu vibrando na segunda xornada de festa da Romaría Labrega da Chaira, unha cita na que as tradicións seguen vivas tras tres décadas de celebración e un parón obrigado pola pandemia.

Probas de habilidade con maquinaria agrícola —recuperouse a de tractor, que contou cunha ducia de participantes, e na que se impuxo Emilio Miragaya, seguido de Penedo e Moreno— e carreiras de cortacéspede foron os principais reclamos da xornada, na que Marcos Mariño realizou varias esculturas a motoserra —entre elas un cabalo e unha ave— que foron sorteadas entre o público.

Gañador das habilidades con tractor na Romaría Labrega da Chaira. C.P.R
Gañador das habilidades con tractor na Romaría Labrega da Chaira. C.P.R

"Estamos satisfeitos coa resposta da xente. Tivemos moi boa asistencia en todas as actividades, esgotáronse as rifas, as camisetas e todo o que puxemos á venda. Nótase que a xente tiña ganas de vir e que está moito máis participativa", salientou Luz Veres, presidenta da asociación de veciños dos Vilares, promotora desta festa, na que se estreou unha marcha de vehículos antigos que reuniu "45 participantes, entre motos e coches".

Pero isto non foi todo. A música tivo un papel importante coa animada sesión vermú que protagonizou A Requinta da Laxeira. Tamén fixeron desfrutar aos asistentes as actuacións de Bruxainas e de Peter Punk.

As actividades dirixidas aos máis pequenos da casa completáronse cunha festa da espuma, que conseguiu que o pasaran en grande.

O peche da XXX Romaría Labrega da Chaira chegou xa á noite con liscos e chourizos gratis para os presentes, que tamén puideron botar unhas pezas con Javi Show. "O balance é moi positivo, estamos moi contentos coa ampla participación e isto anímanos a seguir traballando para darlle continuidade", concluíu Luz.

Comentarios