X Tasca do Liño

Tradición e unión en Insua

As mulleres de Insua iniciaban hai dez anos un arduo e ilusionante camiño, o da recuperación da cultura do liño. Ás portas da súa décima tasca, a festa anual que se celebra este sábado 27 e que lle dá visibilidade ao traballo que fan ao longo de todo o ano, as impulsoras desta encomiable iniciativa repasan unha década "de aprendizaxe"

Asociación de mulleres rurais San Bartolomeu de Insua. C.PÉREZ
photo_camera Asociación de mulleres rurais San Bartolomeu de Insua. C.PÉREZ

Un grupo de mulleres da parroquia vilalbesa de Insua creaba hai once anos unha asociación "para xuntarnos as mulleres e facer cousa que a nós nos gustaba e das que non había oferta", tal e como lembran as fundadoras. 

Nacía así a asociación de mulleres rurais San Bartolomeu de Insua, que iniciaba a súa andaina con cursos de manualidades, pintura ou cestería. Mais botaban algo en falta. Unha iniciativa que as distinguise. Unha excursión a Vimianzo e unhas cantas conversas cos máis vellos da volta déronlles a resposta e un propósito: recuperar o cultivo do liño.

"Había quen dicía que estabamos tolas, que non sabiamos onde nos estabamos metendo", lembra Lourdes Otero, socia fundadora e actual presidenta da asociación. Os inicios non estiveron libres de atrancos, máis a ilusión puido con todos e nun ferrado de terra cedido por una socia sementaron a súa primeira colleita de liño. Comezaba a recuperación dun proceso que conta cunha trintena de pasos de obrigado cumprimento e que ten un dos seus momentos álxidos na tasca, ao redor da que elas decidiron facer una festa, a mesma que este sábado 27 cumpre dez anos.

"Conseguiramos a semente na oficina de Extensión Agraria de Vilalba", lembran daquela primeira experiencia "que non nos saíra ben de todo". E é que, no canto de enlagar o liño no río, metérono nun pichoco, onde non contou coa auga necesaria. Malia as complicacións, sacaron a colleita adiante, con materia prima suficiente para a primeira tasca, "unha boa experiencia, aínda que non tiveramos moita sorte co tempo".

Con esforzo e paciencia foron recompilando ou fabricando o material necesario para procesar o liño 

Organizaron tamén actividades complementarias, coma un obradoiro de tear, para aprender a elaborar manteis, tapetes, toallas, colchas ou a súa propia roupa.

"Unhas fomos recordando e outras aprendendo", din. E non só recuperaron os traballos, senón o material para facelos ou a roupa para vestirse de época. "Buscamos polas casas, por toda a contorna e case ninguén tiña, moitos queimáronse, porque ninguén gardaba esas cousas", recorda Lourdes, que destaca coma un pequeno triunfo que "a partir da primeira tasca a xente empezou a gardar, a restaurar ou a recoller, a darlle valor ao que tiñan".

A partir do terceiro ano, comezaron as demostracións e as visitas a centros educativos, feiras e eventos, o que lles deu máis visibilidade, chegando a protagonizar un documental da asociación de veciños de Cabreiros. 

"Os máis novos preguntan e os máis vellos recordan", precisan sobre as súas saídas, nas que tamén notan unha evolución. "Ao principio a xente quedábase mirando para nós, lembro que a Miriam, a miña filla, un señor fíxoa chorar ao darlle as grazas polo que estaba facendo, porque lle recordaba a súa nai", explica Lourdes.

Neste tempo tamén tiveron a axuda do Concello de Vilalba e da Deputación de Lugo, un apoio co que tamén esperan contar para lograr un dos seus máximos retos, dispoñer dun local social onde gardar e expoñer o seu material.

A asociación conta con máis dunha trintena de socias, a metade delas implicadas nas tarefas do liño

Hoxe, a asociación ten pouco máis de 30 socias "máis algún home", a metade delas colaboradoras activas nas tarefas do liño. Defínense coma "unha familia" que segue a sumar novas integrantes, coma Celia Otero, "moi contenta" con esta nova experiencia, ou a escocesa Linsay Stevenson, afincada en Pígara, quen destaca o traballo de conservación da asociación, perdido noutros lugares, polo que lle gustaría fomentar un intercambio con Escocia ou Irlanda para compartir experiencias.

"Eu empecei porque me gustaba e para aprender", di Mary Currás, que leva catro anos na entidade, mentres Eutimia Vázquez destaca a oportunidade de falar coa xente e de "facer cousas que nunca fixen", e Susa Díaz apunta que para ela a asociación "foi unha vía de escape dos problemas". 

"A xente tíñalle que dar a isto máis valor do que se lle dá", reclama Josefa Miragaya, ao tempo que Marisé Ocampo fala do "orgullo" que sente porque as súas amigas "chegaron onde ninguén chegou".

"Estes foron dez anos de aprendizaxe que no meu caso me serviron para montar o obradoiro Fusaiola e darme de alta como artesá; ademais, o grupo que temos aquí non hai diñeiro que o pague", conclúe Lourdes.

Programación: música, debate e artesanía en vivo
A X Tasca do Liño de Insua abrirase, este sábado 27, ás 11.00 horas cunha actuación sorpresa, seguida do pregón do músico, mestre e escritor Mero Iglesias. Ás 11.45 o alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, moderará a mesa redonda ‘Dez anos de experiencias arredor do liño’, na que intervirán a presidenta da asociación de mulleres rurais de Insua, Lourdes Otero, e varias socias da entidade e o docente Mario Outeiro. Tino Baz ofrecerá un concerto antes do xantar popular e pola tarde tocarán Mondrum e Os Miñotos. David Perdomo ofrecerá un monólogo ás 19.30 horas e ás 20.30 Manuel Ferreiro fará a tradicional queimada. Ao longo de toda a xornada poderanse ver a exposición ‘Insua e o liño’, demostracións da tasca do liño e de fiado, coas entidades Cabanas Rural e Bolboreta Fiandeira como convidadas, e diversos postos de artesanía

Comentarios