RECUNCHOS A DESCUBRIR

Tradición e natureza ao pé do río Azúmara

Un manto verde, co muíño do Pacio como protagonista, convértese nun remanso de calma na área reacreativa de Mosteiro
undefined
photo_camera Muíño do Pacio, na área recreativa de Mosteiro. C.ARIAS

Ao pé do río Azúmara ao seu paso por Mosteiro, en Pol, a área recreativa ofrece un alto no camiño para desfrutar entre a tradición e a natureza. Un manto verde convértese nun remanso de calma nun concello máis descoñecido turisticamente pero cheo de historia que descubrir. 

IMG_0040

O muíño do Pacio, rehabilitado hai anos, hoxe non moe, pero recorda ese pasado de olor a fariña e traballos comunitarios, mentres o futuro medra ao outro lado —a área recreativa conflúe co patio do colexio de Pol, enmarcado dende hai pouco por un novo mural de Rosalía de Castro—. 

E está situada nun punto estratéxico, que pronto será imán de xogos e de deportes para todas as idades, cunha marcooferta que non hai en moitos concellos. 

Á actual piscina, situada nas inmediacións, sumarase pronto o novo campo de fútbol de herba e un máis pequeno de céspede artificial, unha pista cuberta de pádel, tres de billarda, unha de bolos, outra de petanca, da chave, unha zona de xogos de mesa, unha pista de raid hípico ou incluso unha tirolina. 

Se agora xa había motivos para ir á área recreativa de Mosteiro, dentro de pouco será parada obrigada para unha tarde de diversión asegurada. 

O lugar
A área recreativa de Mosteiro, en Pol, conta cuns 3.000 metros cadrados de superficie e está presidida polo muíño do Pacio, rehabilitado entre 2007 e 2008. 
Servizos 
Muíño do Pacio. Pol (13)
Conta cun merendeiro con seis mesas e bancos nunha zona cuberta e unha barbacoa. Para visitar o muíño por dentro hai que solicitalo no consistorio (982.34.50.29).

 
Proxectos 
O Concello, que baralla crear unha fundación, ten a intención de poñer en marcha o muíño e facer actividades para recuperar a tradición de moer. 

Comentarios