A tradición do liño en Insua continúa a menor escala a pesar do Covid-19

Lourdes Otero sementou unha pequena leira tras a imposibilidade de facelo en grupo
Lourdes Otero sementando liño. EP
photo_camera Lourdes Otero sementando liño. EP

Insua e o liño, o liño e Insua continúan sendo un a pesar da crise do Covid-19. Porén, o ciclo desta planta fibrosa que tanto lle deu á parroquia vilalbesa volveu poñerse en marcha de novo da man de Lourdes Otero, a presidenta da Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua e unha das principais almas da tasca, que sementou unha pequena leira.

"Botei eu soa un cachiño pequeno, uns dez metros cadrados", lonxe do medio ferrado que teñen sementado noutras ocasións, "porque como non sabemos se para o resto de traballos imos estar todas...", di Lourdes. E recorda como os anos anteriores se reunían ata dez mulleres da asociación para botar o liño, o primeiro paso dos moitos que require antes de converterse en tecido.

E é que máis alá de botalo na terra previamente preparada e depurada de pedras e terróns —segundo "un señor de por aquí debía facerse con tres noites de maio" aínda que nesta "ocasión foi máis tarde", di Lourdes—, hai que agardar a que a planta medre "unha cuarta ou 20 centímetros" para poder sacarlle as malas herbas e deitalo para que a raíz volva afondar. Para esa tarefa tamén se reunían unhas cantas mulleres dos máis de 30 socios —só catro deles son homes—, igual que o facían o día que tocaba arrincar, ripar e enlagar no río, normalmente en agosto.

O cumio chega dous meses despois coa tasca, a cita por excelencia da parroquia, na que se fai unha demostración para que "a xente o vexa e probe", xa que a verdadeira tasca faise sen público. "Un día antes de tascalo, cocemos pan no forno e, logo de sacalo, metemos o liño nel durante un día", explica Lourdes, de xeito que o material está o suficientemente quente para traballalo entre todas.

Este ano a celebración da Tasca do Liño de Insua está no aire, aínda que dende a asociación agardan que poida saír adiante. Material teñen. Ao que colleiten este ano, engaden o remanente que teñen do pasado ano, xa que "dende que unha vez se nos chamuscara, agora sempre deixamos un feixe ou dous de reserva", aclara.

O resto de actividades tamén se viu interrompido, pero as mulleres continúan traballando dende as súas casas. Lourdes é das poucas que o fai co liño —ten o obradoiro Fusaiola—, pero "todas fían a lá, ganchillan... O traballo non para", di con certo anhelo de volver ás reunións bisemanais, nas que coñecían novas modalidades, como o bordado de arraiolos, que agardan retomar. "Somos unha gran familia e cando falta unha xa nos preocupamos todas", asegura co recordo presente "das que nos deixaron, como Eutimia".

A tasca cumpre doce edicións este ano
En 2009 comezaban a exaltar a tasca do liño cunha foliada —con música tradicional e postos artesanais— que reuniu numerosos veciños que tamén degustaron a merenda típica, o cacho, a base de leite, pan e azucre.

Proxección. Cos anos, espallaron a cita fóra da provincia. "Un ano presentouse un grupo que viña dos Picos de Europa,que soubo do que aquí se facía", lembra Lourdes.

Apoios. Boa parte do recadado en feiras e mercados artesanais pola asociación emprégase na Tasca do Liño, que conta coa colaboración económica da Deputación.

Comentarios