Tradición, cultura e lembranzas na Veiga

Numeroso público acudiu á VIII Romaxe Artesá da Chaira de Muras, que contou cuns 30 postos de artesanía, xogos tradicionais, varias actuacións musicais, obradoiros e unha exposición de fotos antigas que foi a estrela da xornada
Asistentes visitando a mostra de fotografías antigas. M.ROCA
photo_camera Asistentes visitando a mostra de fotografías antigas. M. ROCA

"Fai dous anos que viñemos e non había este ambiente. Estamos a tope en Muras!". Así o recoñecían os compoñentes de Mekánica Rolling Band tras ver a acollida dos primeiros temas da súa actuación deste sábado na Romaxe Artesá da Chaira, que na súa oitava edición reuniu a numeroso público na área recreativa da Veiga.

A xornada, organizada polo Concello en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación, contou con oficios e xogos tradicionais, artesanía, cultura, charlas e obradoiros para grandes e pequenos e moita música. Todo tivo unha gran acollida, pero se hai algo polo que será lembrada a convocatoria deste 2024 é pola exposición de fotografías antigas sobre o concello que se puido ver nunha montaxe que resaltaba o marco incomparable no que se atopaban as imaxes.

Estas, que sumaban ao redor de medio cento, proceden do banco de fotos que está recompilando a fotógrafa Maider Pumariño, grazas ás achegas de veciños e coa colaboración do Concello. A previsión é conseguir reunir preto dun milleiro de imaxes, todas elas con máis de medio século de historia.

Público na actuación de Peter Punk. M.ROCA
Público na actuación de Peter Punk. M.ROCA

"Isto é maravilloso. Vir e atopar a familia en moitas fotos... E están moi ben feitas, porque algunhas viñeron da nosa casa e non estaban así de ben. Están perfectas. Podes poñer que é un éxito total", asegurou unha muresa que miraba a exposición cun sorriso que non se lle ía da cara. Unha de tantos veciños que se agolpaban na mostra traendo ao presente coñecidos, nomes, anécdotas e lembranzas desde os recunchos da memoria.

Tamén xerou moita expectación e curiosidade a carpa dedicada á artesanía, onde ao redor dunha trintena de postos co recoñecemento de Artesanía de Galicia ofrecían produtos de todo tipo e demostracións en vivo do seu oficio, invitando a tomar parte del a toda aquela persoa interesada.

"Este tipo de feiras axuda a conectar a xente de distintos lugares e para facer colaboracións entre artesáns. É un motor de transmisión cultural de uns para os outros", explicaban no posto de cerería RociGarcía, poñendo como exemplo un prototipo no que están traballando para facer un modelo de candea con mecha de liño, a través da Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua –que na romaxe fixeron unha charla e unha demostración do proceso deste tecido–, e cera "totalmente galega, da provincia da Coruña".

Demostración de cerámica na Romaxe Artesá da Chaira. M.ROCA
Demostración de cerámica na Romaxe Artesá da Chaira. M.ROCA

O programa completouse coa actuación de Peter Punk, que fixo as delicias de nenos e maiores; o obradoiro infantil Argalladas para xogar e os de adultos de redes, coas Redeiras Illa da Estrela, e de coiro, con Ana Novo; xogos populares con Xotramu; billarda con O Varal; o espectáculo A maxia de Ian e Elisa; as regueifas do alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba ou os concertos, xa para rematar, de Pan.Sen.Fron e Fillas de Cassandra.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e as concelleiras Paula Gómez e Cristina Franco mostráronse orgullosos de "ver consolidado un evento que valoriza os oficios tradicionais, a música, a arte e a cultura galega". Destacaron que "a Romaxe reúne cada vez máis expositores, máis obradoiros e máis persoas de toda Galicia que se achegan ata Muras".

Comentarios