Os traballos de ensanche da estrada do Freixo rematarán antes do verán

As actuación realízanse nos primeiros 2,5 quilómetros da vía 
Valentín González Formoso, nas obras do Freixo. EP
photo_camera González Formoso, nas obras do Freixo. EP

Os traballos de ensanche da estrada que vai das Pontes ao Freixo, a DP 7009, estarán rematados antes do verán, tal e como anunciou o presidente da Deputación da Coruña e rexedor das Pontes, Valentín González Formoso, tras unha visita ás obras acompañado polo concelleiro de servizos e seguridade cidadá, José Ramón Alonso.

As actuacións de ampliación e mellora realízanse nos primeiros 2,5 quilómetros da estrada e discorren "a bo ritmo", tal e como destacaron.

Agárdase que en cuestión de semanas estea completamente rematado o sobreancho da calzada e que o resto dos traballos, que incluirán o afirmado da calzada, o drenaxe transversal e a instalación da nova sinalización horizontal e vertical, poidan estar completamente concluídos antes do verán.

As obras, que se enmarcan no Plan de Conservación de Estradas da Deputación da Coruña, supoñen un investimento de 113.149 euros e permitirán anchear a estrada de catro a seis metros.

Esta actuación, que vai dende o inicio do vial á altura do cemiterio, permitirá mellorar a seguridade, tendo en conta que nalgúns puntos era tan estreita a estrada que impedía o paso de dous vehículos simultaneamente.

O presidente da Deputación destacou a colaboración veciñal para facer realidade o proxecto.

Comentarios