Traballo e identidade ao redor dos bolos

O restaurante Canadá de Pol acolleu a cea de clausura da Liga Provincial 2022, na que competiron seis clubs da Terra Chá e da Mariña
Integrantes dos clubs O Cadaval e Arcasco-Carballal, con autoridades. C.PÉREZ
photo_camera Integrantes dos clubs O Cadaval e Arcasco-Carballal, con autoridades. C.PÉREZ

"Os que xa temos certa idade, a que xogabamos antes?", preguntaba o alcalde de Pol, Lino Rodríguez. A cuestión era retórica, e non tardou en darlle resposta el mesmo: á billarda, ás canicas... E tamén aos bolos, razón de ser tradicional e itinerante cea de confraternidade coa que se pecha da Liga Provincial de Bolos, que na edición de 2022 se celebrou no restaurante Canadá de Mosteiro, no que os asistentes lle agradeceron especialmente a Rosa e ao seu equipo o bo trato recibido.

A pandemia demoraba este encontro dende 2019, así que había ganas de volverse ver máis alá do campo de bolos e amosar unha vez máis o "bo ambiente" que caracteriza a competición e aos seis clubs que a disputaban nas dez xornadas das que constou entre marzo e xuño: Arcasco-Carballal, de Riotorto e Meira e que exercía de anfitrión neste encontro; O Cadaval, de Castro de Rei: Cruceiro de Meilán de Riotorto; Xove; Ribatra, de Ribadeo, Barreiros e Trabada; e Santalla, da Pontenova. 

Isidro Costas entrégalle a Daniel Alonso o trofeo que acredita a Xove como o mellor club na categoría absoluta. C.PÉREZ
Costas entrega o trofeo que acredita a Xove como o mellor club na categoría absoluta. C.PÉREZ

Non hai equipo en Pol, pero contan con facelo, sobre todo agora que están a preparar dous campos para a práctica dun deporte tradicional que se mantén vixente grazas ao "gran traballo" que desenvolven os clubs, tal e como destacaron os respectivos alcaldes e representantes institucionais presentes na cea e encargados da entrega de trofeos: Marta Barreiro (secretaria territorial da Xunta en Lugo), Mónica Freire (Ribadeo e área de Deportes da Deputación de Lugo), Dolores Meitín e Cecilia Duarte (Xove), Francisco Balado (Castro de Rei), Antonio de Dios (Meira), Mayra García e Julia Barcia (Trabada), Darío Campos (A Pontenova) e José Luis Lourido e Manuel Pacio (Riotorto).

Mayra García entrégalle a Xove o trofeo de mellor club feminino. C.PÉREZ
Mayra García entrégalle a Xove o trofeo de mellor club feminino. C.PÉREZ

Para manter viva a afección e mesmo o "sinal de identidade" que é este deporte, é necesario ter instalacións, para o que se conta coa colaboración dos concellos, e tamén fomentar o relevo xeracional, un aspecto que trata de impulsar a Federación Galega de Bolos, tal e como destacou o seu presidente, Isidro Costas, quen avanzou que este curso se intensificará a introdución dos bolos nas escolas da provincia de Lugo, a través de monitores pero tamén coa colaboración dos clubs nas respectivas zonas.

Darío Campos entregoulle a Arcasco-Carballal o título de mellor club veterano. C.PÉREZ
Darío Campos entregoulle a Arcasco-Carballal o título de mellor club veterano. C.PÉREZ

Os equipos agardan pola nova tempada e por ese sangue novo que favoreza aínda máis a relación interxeracional que xa de por si caracteriza o deporte e que se ve reforzada coa súa inclusión no programa Xogade da Xunta.

A través del, foron tres os nenos que se sumaron a club O Cadaval en Castro de Rei, federado a comezos de século pero cuxas raíces se remontan aos anos 80. Esta tempada superou a vintena de xogadores, con idades comprendidas entre os sete e os 79 anos, e no seu campo, en Pacios, disputouse unha vez máis o Campionato Intermodal.

Jesús Fernández, de Ribatra, campión superveterano, coa concelleira Dolores Meitín. C.PÉREZ
Jesús Fernández, de Ribatra, campión superveterano, con Dolores Meitín. C.PÉREZ

Dous son os xuvenís que disputaron a liga con Arcasco-Carballal, un club que nacía en 2005 na Órrea como Arcasco, pero ao que a necesidade de contar cunhas instalaciones máis grandes, e tamén o feito de que boa parte do equipo fose de Meira os fixo mudarse e tomar un segundo nome, Carballal. Suman 20 fichas e este ano esperan recuperar a súa liga local, que compaxinan coa provincial, na que na cea celebrada en Pol recolleron o título de mellor equipo veterano, seguidos de Xove e de Ribatra.

Marcelino Rodríguez, de Xove, gañador en veteranos, con Isidro Costas. C.PÉREZ
Marcelino Rodríguez, de Xove, gañador en veteranos, con Isidro Costas. C.PÉREZ

Este foi o único título colectivo que se lle escapou ao club xovense, que se impuxo por equipos na categoría absoluta —seguido de Ribatra e de Cruceiro de Meilán— e na feminina —segundo foi Cruceiro de Meilán e terceiro, O Cadaval—.

Tamén nas clasificacións individuais se notou o dominio de Xove, que copou o podio feminino con Julia López, Belén Meitín e María del Carmen Roca; e case o logrou no sénior, con Daniel Alonso e Andrés Manuel Rodríguez primeiro e segundo, mentres que o bronce foi para Javier Álvarez, do Cruceiro de Meilán. Pola súa banda, Marcelino Rodríguez recollía o título de campión en veteranos, seguido de Guillermo Fernández, de Ribatra, e de Manuel Fernández, de Santalla.

Daniel Alonso, de Xove, campión sénior, recibe o trofeo de Francisco Balado. C.PÉREZ
Daniel Alonso, de Xove, campión sénior, recibe o trofeo de Francisco Balado. C.PÉREZ

O único podio no que os xovenses non tiveron presenza foi en superveteranos, onde a vitoria foi para Jesús Fernández, de Ribatra, escoltado por José María Folgueira, de Arcasco-Carballal, e por Mario Saavedra, do Cadaval.

A entrega de distincións completouse con trofeos de participación para todos os xogadores xuvenís e cun recoñecemento para os máis veteranos, Encarnación Anita Vázquez, do Cruceiro de Meilán, e Gabriel Pérez, de Santalla, ademais de facer unha mención especial dos dous xogadores finados este ano: José Argimiro Cabodevila Gruñeiro, do Cruceiro de Meilán, e Áureo Folgueira Iglesias, de Arcasco-Carballal.

Marta Barreiro entregoulle a Julia López, de Xove, o trofeo de campioa feminina. C.PÉREZ
Marta Barreiro entregoulle a Julia López, de Xove, o trofeo de campioa feminina. C.PÉREZ

Comentarios