jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Toponimia singular. E ti, onde vives?

Vicos de abaixo. MARTA MANCEBO
Vicos de abaixo. MARTA MANCEBO

En cada recuncho hai nomes curiosos de lugares que ben merece a pena descubrir. A tarefa de atopalos é sinxela, entretida e moi divertida, sobre todo se polo camiño hai paradas nas Bragas, en Bicos ou nun Val de Calvos

Percorrer as comarcas de Terra Chá, Meira e a localidade das Pontes na procura dos topónimos máis singulares é unha tarefa sinxela, entretida e moi divertida. En cada recuncho hai nomes curiosos, sen significado, con tintes amorosos ou relixiosos, escatolóxicos ou que fan referencia á natureza, a profesións, a nomes propios e mesmo ao aparato reprodutor masculino.

Este é o caso de Vilapene, o máis famoso da volta, que saltou ás portadas dos diarios e aos informativos das televisións por unha sustracción, hai xa uns cantos anos. O sinal acabou no banquete dunha voda, para sorpresa dos recén casados, un deles natural desta parroquia cospeitesa —hai outro Vilapene no municipio lucense do Corgo—, ao que non lle quedou máis remedio que desculparse ante os seus veciños.

Lugar de Val de Calvos. MARTA MANCEBOAnécdotas á parte, hai moita xente que pode presumir de vivir rodeado de natureza, nunha contorna ideal con fermosas paisaxes, onde se respira aire puro e coa tranquilidade como telón de fondo. Se a todo isto se lle suma un nome singular, para que pedir máis?

Na parroquia abadinesa de Galgao, coroada polo alto do Fiouco —coñecido polo peche intermitente da Autovía do Cantábrico pola intensa néboa—, e a un paso do municipio de Mondoñedo, pódese atopar o único Bicos de toda Galicia, unha aldea con encanto que conta con sete veciños do máis cariñoso.

Eles son os primeiros en poñer en dúbida a denominación, pese a que o nomenclátor do Instituto Galego de Estatística (Ige) o ten claro. "Na escola dicíannos que o nome do pobo era con v, porque era polo pico da montaña, e que o outro era con b. Aínda que é certo que todas as cartas nos chegan como besos en galego", recoñece Clara Gómez, que pese a vacilar un pouco sobre a grafía non renuncia a achuchar ben forte o seu home. Non hai que perder ningunha oportunidade.

Lugar de As Bragas. MARTA MANCEBO"Xa demos máis bicos dos que damos. Imos indo a menos cos anos", relata entre risas esta muller, mentres anima os seus veciños, Luisa Fernández, Marcos e Ana García, a posar para a foto a carón do rústico sinal de Vicos de Abaixo. O de arriba xa está deshabitado.

"Á xente chámalle bastante a atención o nome do noso pobo, é curioso, pero non moi coñecido. Os visitantes que chegan fano por unhas covas que hai aquí preto e porque están de camiño as do Rei Cintolo, non pola denominación", confirma Luisa, quen se sente no ceo rodeada polos seus fillos, que non paran de comela a bicos.

E despois de tantas carantoñas e mimos entre os familiares e veciños deste amoroso recuncho abadinés, os que o desexen poden seguir camiño. Paradas obrigadas hai moitas, moitísimas. Aquí van só algúns exemplos.

Con pelo ou sen pelo, os veciños de Val de Calvos, en Ramil (Castro de Rei), xa están máis que afeitos ao seu topónimo. "Para nós é normal de todo, a xente da zona está acostumada e non fan broma nin nada. E moito menos agora aos 80 e pico de anos, xa vin mozos con menos pelo", di con retranca Sergio González, o único que calvea un pouco nun barrio que conta só con tres habitantes.

A súa muller, Amable López, e a outra veciña, Alicia Ferreirós, tamén lle dan normalidade ao asunto e comparan o nome con outros como "Lamela, Couto de Á ou San Queitano", todos eles de Ramil. Estraños, quizais si, pero non con tanta graza.

Outro dos que levanta paixóns, aínda que non está recollido no nomenclátor, é As Bragas. Este lugar do barrio de Reádigos —tamén nome raro onde os haxa— está agochado entre pistas na parroquia polense de Torneiros.

Recibe ao visitante con dous impoñentes sinais que o concello instalou hai máis dunha década. Así o recorda un dos tres veciños que resisten neste particular recuncho con nome de roupa interior feminina.

"Aquí sempre lle chamaron a casa das Bragas, é a única que hai. É curioso, si, pero para nós xa é normal", di Jesús Huertas, a terceira xeración dunha familia que soporta este simpático alcume e que, de tanto repetilo, acabou convertido xa nunha nova entidade de poboación. Todo o mundo sabe onde está a casa das Bragas, e como para non sabelo.

Bico en Vicos de Abaixo. MARTA MANCEBOO que é un misterio é a orixe do nome. "Só sabemos que vén moito de vello, pero non o por que. A nós non nos molesta para nada que nos chamen así", engade Jesús, quen confirma que os veciños e coñecidos están tan afeitos que xa nin bromas lles gastan.

Para os que si que é unha novidade é para a xente de fóra. Precisamente por iso, non é a primeira vez que atopan a algún curioso retratándose xunto a algún dos sinais. El, por suposto, tampouco ten problema en facelo.

E é que vivir en lugares con este tipo de denominacións tan curiosas é máis unha honra ca un disgusto. E se non, quen non querería vivir nun Palacio —hai varios repartidos pola xeografía chairega, un deles en Cospeito e outro en Xermade— ou no mesmísimo Paraíso —un lugar da parroquia de Santalla, en Ribeira de Piquín—?

E para os máis atrevidos, tamén hai opcións. Rebuscando nun inesgotable listado atópanse, por exemplo, Garabatos (nas Pontes), O Pedo (Cospeito), O Espido (Meira), Corno (Xermade), Couce Mouro (Muras), Córneas (A Pastoriza), O Rollo (Castro de Rei), Billetes (Abadín), Cardeite (Begonte) Chinote (Guitiriz), Rabilonga (Vilalba), Montefurado (Ribeira de Piquín) ou O Mazo (Pol). A que hai algún que vos suscita interese como para facer as maletas?

En Imaxes
A Cruz das Cabezas, en As Pontes. MARTA MANCEBO

Historia Lenda ou realidade?
Os veciños descoñecen que detrás de moitos nomes hai historias ou lendas. A Cruz das Cabezas (na imaxe, As Pontes) procede da Guerra Carlista cando dous bandoleiros foron decapitados neste lugar. A lenda conta que A Pena Roldán (Guitiriz) foi fendida polo cabaleiro Roldán coa súa espada e o nome de Vilarpescozo (Ribeira de Piquín) derivou dun erro dos antigos escribas.
Lugar de Trufas. MARTA MANCEBO

Gastronomía Trufas con cabaza ou queixo
A gastronomía é máis ben escasa na toponimia da zona. Hai que rebuscar ben para poder encher o bandullo. Por sorte, hai opcións de preparar un menú completo. De primeiro puré de Cabaza (Abadín), de segundo Parrochas (Vilalba) bañadas con Ribeiro (Pol) e, como postre, Requeixo (Guitiriz) ou Trufas (na imaxe, Vilalba). E estes son só algúns exemplos.
Cartel de Rego do Sapo. CRISTINA PÉREZ

Fauna Corvos, formigas e ata un sapo
A fauna é do máis heteroxénea en canto a nomes de lugares se refire. Hai moito en que escoller: Chao dos Carneiros, Cabeza da Vaca, Formigueiro ou Niño do Azor (As Pontes); Raposeiro, Galiñeiro ou Rego do Sapo (na imaxe, Guitiriz) ou Pena de Corvos (Xermade). E para os que se decanten polos animais domésticos, poden visitar Chao dos Perros ou Perros a secas, en Muras.
Lugar de Pacios. CRISTINA PÉREZ

Comúns Entre vilas e aldeas
Vilas, vilares, vilariños e aldeas son só algúns dos topónimos máis comúns e repetidos en toda Galicia e, por extensión, tamén na Terra Chá, Meira e As Pontes. A eles súmanse pacios (como o da imaxe, en Begonte), castros, igrexas, outeiros, casasnovas, pazos, pontes, montes e fragas, ademais de moitos outros que fan referencia a árbores ou penas.
Mestre, na Ribeira de Piquín. EP

Profesións Do pupitre ao torno
Ferreiros, Carboeiros, Oleiros ou Torneiros. Hai moitas profesións onde escoller un futuro laboral na toponimia da contorna, independentemente do concello polo que se pasee.Incluso, para os que aínda van á escola e pasan o día entre pupitres, tamén está a opción de fixarse no Mestre (na imaxe, Ribeira de Piquín) como un bo camiño profesional a seguir.
Lugar de Enfermería. MARTA MANCEBO

Únicos Sen rivais en Galicia
Se por algo se caracteriza a toponimia da zona é por ser singular. Entre o interminable listado de lugares hai moitos que teñen a fortuna de ser únicos e irrepetibles. Non hai máis en toda Galicia. É o caso de Enfermería (na imaxe, Meira), Pena dos Diñeiros (Guitiriz), Cervicol (As Pontes), Cirio (Pol) ou Bocacarreira e A Bailada (Begonte).

Toponimia singular. E ti, onde vives?
Comentarios