
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na apertura das xornadas técnicas de Africor, onde trasladou que a Granxa Experimental de Leite que a institución provincial ten en Castro de Ribeiras de Lea está ao servizo e disposición dos gandeiros.
Tomé Roca anunciou unhas xornadas de portas abertas e de visitas ao centro en canto o permita a situación sanitaria provocada pola covid-19, para que os profesionais coñezan de primeira man o traballo que se desenvolve nas instalacións.
Así mesmo, destacou que a granxa experimental cobre unha parte importante das prácticas do alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo, ao mesmo tempo que analiza todo os parámetros e os problemas das explotacións para ofrecer solucións e pautas de mellora.
"O obxectivo é mellorar as explotacións gandeiras, aumentar o valor do produto, favorecer o benestar animal, reducir os custos de produción e, por tanto, facer máis competitivas e sustentables as explotacións", resolveu.