Xornada de portas abertas de Amigos da Madeira: todo un mundo entre labras

A entidade pontesa clausurou a tempada formativa cun encontro de confraternidade no local do Hexágono
Xornada de portas abertas de Amigos da Madeira. C.PÉREZ
photo_camera Xornada de portas abertas de Amigos da Madeira. C.PÉREZ

A asociación Amigos da Madeira das Pontes vén de retomar a súa xornada de portas abertas no local do Hexágono, coa que se conclúe unha nova tempada de cursos, se amosan traballos feitos nesas clases e se dá conta de todas as posibilidades creativas que ofrecen o torno e a madeira.

"O obxectivo destas xornadas é finalizar os obradoiros que se desenvolven de outubro a maio e darlle visibilidade ao traballo que fixeron os alumnos nese período e tamén ao dos socios, ademais de que non se perda a afección por este oficio", resume o presidente da entidade, Alfonso Franco, sobre este día de convivencia que se estreaba en 2016 e se vén de recuperar tras dúas tempadas sen organizarse por mor da pandemia.

AMIGOS MADEIRA RAMIL (9)
Foto de familia dos participantes nas xornadas de portas abertas. RAMIL

Logo de teren algunha que outra clase "esporádica", os obradoiros de torneado de Amigos da Madeira volvíanse pór en marcha en outubro, con clases os martes e os sábados de 16.00 a 19.00 horas, abertas a calquera persoa interesada en aprender os segredos deste oficio tradicional. "A idea é que proben, vexan se lles gusta sen ter que gastar e, se é que si, xa poden comprar sabendo o que necesitan", apunta Alfonso. Nesta ocasión, foron dez os aprendices de torneiro, a metade deles de nova incorporación e con idades e procedencias diversas.

Un dos veteranos nestes talleres, malia a súa xuventude, é Pablo Miragaya, de 15 anos e alumno dende 2018. "Empecei porque meu pai coñecía varios torneiros, viñemos a unha xornada de portas abertas e dedicín apuntarme", explica este mozo pontés, dando conta precisamente desa visibilidade que este tipo de iniciativas lle dan ao traballo no torno.

Exposición de traballos dos cursos. C.PÉREZ
Exposición de traballos dos cursos. C.PÉREZ

"A madeira é moi agradecida, por pouca cousa que fagas, vai quedar bonito", asegura quen este ano estivo perfeccionando a técnica para facer pratos. E dos que leva feito, hai un que é unha das súas pezas favoritas, "porque é distinto ao que fago habitualmente".

Dende fóra, facer un prato pode parecer doado, pero non o é. "Traballas contra o eixe e sempre é máis difícil facer pezas no sentido contrario deste", explica Pablo, mentres a seu carón outro dos aprendices máis novos, Álvaro Cabaleiro, naronés de once anos, confirma cada unha das súas palabras. E quizais por iso tamén destaca coma unha das súas pezas predilectas un prato para o polbo.

Noa e Alicia, na xornada de portas abertas. C.PÉREZ
Noa e Alicia, na xornada de portas abertas. C.PÉREZ

Nese mesmo espazo comunitario onde Pablo e Álvaro alternan o uso do torno coa montaxe de ratiños de madeira, Noa, de dez anos e veciña de San Sadurniño, esmérase en tallar o seu nome ante a atenta mirada da súa avoa Alicia Aneiros, que á súa vez traballa nun reloxo. Noa aínda non é aprendiz, polo menos non oficialmente, pero fai probas de talla da man de súa avoa e xa comezou a collerlle o gusto ao torno grazas a seu pai, Martín, socio de Amigos da Madeira. Xuntos crearon unha cegoña que podía verse na mostra dos traballos expostos nesta xornada de portas abertas.

Alicia tamén é da asociación Amigos da Madeira, mais aínda non se decidiu a sacar labras no torno. "Fáltame tempo", asegura unha muller que leva cinco anos nas clases de talla das Campeiras, onde ten como mestre ao vilalbés Marcos Ladra, presente tamén nesta xornada de portas abertas, dando a coñecer canto pode dar de si un anaco de madeira.

Iso sábeo ben outro pontés, José García Otero, quen se namoraba definitivamente do torno hai máis de dúas décadas, no primeiro Encontro de Torneiros da Madeira de Xermade. Foi tamén alí, entre labras, onde coñecería ao relator Jean-François Escoulen e a súa singular obra. "Esta é a miña peza", di José, amosando un dos varios tembladores que ten na exposición do Hexágono.

José García, cos seus tembladores. C.PÉREZ
José García, cos seus tembladores. C.PÉREZ

"Para os que estamos aquí é unha afección coa que nos sentimos realizados e satisfeitos, cando me doe a cabeza póñome a facer un temblador e reláxame, se cadra cando me rompe un enfádome, pero logo me pasa", explica este socio fundador de Amigos da Madeira, que nacía en 2007 e hoxe suma xa máis de 60 integrantes.

Ademais destas clases —como docentes colaboran varios socios, segundo a especialidade a impartir: afiado, iniciación, perfeccionamento, novos materiais, acabado, etc.— e asumir, dende  hai xa varias edicións, a coordinación do Encontro de Torneiros en colaboración co Concello de Xermade, a entidade acode con regularidade a feiras para amosar o seu traballo e darlle visibilidade ao mundo do torneado. Tamén deseñan pezas personalizadas e premios ou agasallos para eventos, coma o letreiro do Mercado Labrego nas Pontes, os trofeos da Copa Xermade ou os detalles das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros ou da  Romaría das Merendas, que se celebra este sábado na Fraga.

Recoñecemento a Tito Castro, de Adera, pola súa colaboración. RAMIL
Recoñecemento a Tito Castro, de Adera, pola súa colaboración. RAMIL

E por suposto, crean lazos con entidades afíns, coma a asociación Amigos da Madeira de Ribadeo ou a de torneiros e talla Les Forgaxes de Asturias, ambas presentes na xornada de portas abertas, xunto a varios torneiros de Ferrolterra e a afeccionados que non quixeron perderse este encontro de confraternidade ao redor do torno. E todos eles foron testemuñas da homenaxe que se lle tributou a Tito Castro, xerente de Adera que agora se xubila, "polo apoio continuo" a Amigos da Madeira das Pontes, facilitanto madeira, ferramentas ou consellos a quen  goza deste mundo entre labras.

Comentarios