Tocar madeira e volver ao natural

Sheila Sánchez crea decoracións diferentes desde Guitiriz, a onde regresou tras anos en Madrid
Sheila Sánchez, con algúns dos seus produtos. S. IGLESIA
photo_camera Sheila Sánchez, con algúns dos seus produtos. S. IGLESIA

Os celtas sabían do importantes que eran as árbores, sabían da súa enerxía acumulada e sabían que eran todo canto necesitaban para espantar meigallos. Por iso tocaban madeira.

Hoxe séguese facendo, figurada e literalmente, aínda que non todos o fan coa delicadeza de Sheila Sánchez, unha moza de Guitiriz que regresou á súa vila natal para crear Tocar Madera, un obradoiro no que dá forma a pezas decorativas diferentes e que lle serviu de escusa para quedarse na súa terra e demostrar que se pode emprender de múltiples maneiras en plena natureza. "Non só hai agricultura e gandaría aquí", puntualiza.

O seu gusto polo natural invitouna a asomarse ao universo da decoración en madeira e os seus estudos en arquitectura fixeron o resto. Logo de catro anos en Madrid, colleu as maletas e volveu para realizar proxectos de visualización arquitectónica en 3D e, pese a que "algún fixen", os procesos facíanse longos para convertelos en produtos asequibles para calquera peto. Un pequeno gran salto fíxolle poñer en marcha xusto unha semana antes do confinamento Tocar Madera, no que tamén colabora "botando unha man" a súa parella, Rubén Caamaño.

"Aproveiteino para debuxar moito", di Sheila. "Os primeiros foron o león e o elefante", engade sobre dúas das figuras con máis éxito entre todo o catálogo do que dispoñen: curuxas, lobos, flores de loto, rosas, árbores da vida, pezas de Scrabble, furgonetas ou palabras. Algunhas son imaxes ao gusto do consumidor, como unha vacaloura que entregaron recentemente, ou nomes, "moitos de regalo para as mamás que acaban de ter un bebé". Outras son para logotipos de negocios, un nicho de mercado co que non contaban nun principio, e as demais son "palabras e frases de sempre, como 'bonita', 'familia'...".

De cara á entrada no curso escolar tamén se está aventurando a facer blocs de notas, libretas e axendas gravadas e, nun futuro, cando as cerimonias volvan ao seu, a idea é a de facer marcasitios orixinais "co nome de cada convidado e cuns imáns por detrás, para que o leven de recordo", incluso detalles para comunións e bautismos.

Pero iso si, todos son deseños propios e de elaboración artesanal. "Nas palabras quixen plasmar unha tipografía diferente á que se acostuma a ver, case sacada do Word", apunta unha moza que crea tamén as etiquetas que locen en cada artigo e que se asegura de que todos os pasos se cumpren ao milímetro. "Comezo elaborando o debuxo da figura por ordenador, escalo a imaxe e fago as probas de corte", explica, ao tempo que fala do seu lado máis detallista: "A idea é que queden pezas moi limpas, sen restos do corte".

E logo do proceso, di que o que máis lle custa é "poñer o prezo, polo traballo que hai detrás de cada figura", aínda que ofrece presuposto sen compromiso. Polo momento, boa parte dos seus clientes son de fóra das fronteiras chairegas. "Para Madrid xa fixen varios, para Guadalajara foi a vacaloura, para Marbella, para Murcia...", di, e engade entre risas que "os de aquí son algo máis reacios".

Con todo, Sheila agradece o esforzo "dos que nos apoian comprando dende os inicios", afortunados por descubrir de primeiros arte natural feita desde a terra.

Comentarios