Jueves. 27.06.2019 |
El tiempo
Jueves. 27.06.2019
El tiempo

A tiros da Pascua ao San Pedro

Xuntanza na casa de Xantaballa. CHEMA FELPETO
Xuntanza na casa de Xantaballa. CHEMA FELPETO

O lescha presenta esta tarde na casa da cultura de Vilalba o ensaio teatral 'O fusil do santaballés', obra escrita por Manuel Ferreiro e ambientada na parroquia de Santaballa nos 50

Unha conversa casual, unha parroquia e unha época histórica foron todo o que se necesitou para que en menos dun mes o escritor vilalbés Manuel Ferreiro lle dese forma ao ensaio teatral O fusil do Santaballés, a súa segunda incursión literaria logo da novela "... de cando as pedras falaban".

"O presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero, e eu falamos de crear unha historia baseada nos anos 50", lembra Ferreiro sobre o xerme dun proxecto que ve a luz esta tarde, ás 20.30 horas na casa da cultura, da man do Iescha, nun acto no que o autor estará arroupado por Isidro Cillero, Javier Fernández e Marisa Barreiro.

O ensaio teatral parte dun momento de xuntanza entre uns veciños de Santaballa e un matrimonio de emigrantes que volven de Cuba xunto á súa filla para visitar á familia pola Pascua.

Nun momento dado, Xaquín, o santaballés, que loitou na guerra de África, abandona a cociña na que están reunidos e "pega a tiros co palio da procesión", adianta Ferreiro. É entón cando interveñen o cura, que busca mediar a prol do veciño, ou a Garda Civil, que acode ao lugar dos feitos para levantar atestado do acontecido.

O discurso de Xaquín, marcado pola súa experiencia bélica, serve para repasar a historia dunha parroquia que foi a primeira en contar cunha máquina de mallar; na que a antiga escola de ferrado á que el foi a clase foi sustituída pola habaneira na que xa estudou súa irmá, financiada polos cartos de Cuba e moito mellor equipada.

Tralo arrebato de Xaquín, acordan ofrecerlle un novo destino onde reciba o tratamento que cren que necesita ata que poida volver para a casa. E a historia culmina noutro momento significativo da parroquia vilalbesa, as festas de San Pedro. Que cren que pasará?

"É unha traxicomedia na que se fala de tradicións, de soños, da morriña, das festas e tamén ten unha parte crítica ou na que se lembra as penalidades que pasaban na guerra, aquí ou os que se ían a Cuba", resume o autor sobre unha obra que espera que se poida pór sobre as táboas.

Ese momento aínda non chegou, pero o que si se fixo foi que varios veciños do lugar se meteron na pel das personaxes da obra para que Chema Felpeto poidese retratalos e ter así imaxes coas que ilustrar o libro. Ademais, Antonio Currás cedeulle unha fotografía do cemiterio de Santaballa.

O fusil do santaballés non será a única obra teatral de Manuel Ferreiro, que está a escribir outra peza máis curta sobre unha rapaza acollida nunha taberna que soña con ser como Pepa a Loba. E tamén mantén a colaboración coa Liga Santaballesa plasmando unha serie de lendas para un folleto dun roteiro.

A tiros da Pascua ao San Pedro
Comentarios