Tesouros ao pé da casa

A vilalbesa Belén Pardiño converteuse sen buscalo en guía turística en Instagram. Na súa páxina 'Galicia Viaxando' deleita aos seus 12.000 seguidores con fotos de recunchos galegos
Belén Pardiño. GALICIA VIAXANDO
photo_camera Belén Pardiño. GALICIA VIAXANDO

Moitas veces cando pensamos en viaxar soñamos con coñecer lugares exóticos, a miles de quilómetros da casa, e non nos damos conta de que aquí ao lado, ao pé da porta, temos paraísos que paga a pena descubrir.

Precisamente con este obxectivo naceu Galicia Viaxando, a páxina de Instagram sobre recunchos galegos que puxo en marcha a vilalbesa Belén Pardiño e que en menos de dous anos xa ten máis de 12.000 seguidores. "A idea xurdiu na corentena, como estabamos encerrados acordóuseme empezar a publicar imaxes de viaxes que fixen por Galicia e que tiña no teléfono. As fins de semana acostumo visitar sitios cerquiña e fago moitísimas fotos co móbil. Entón, coa finalidade de conservalas e tamén de ensinalas creei a páxina", comenta.

El lago de As Pontes. GALICIA VIAXANDO
El lago de As Pontes. GALICIA VIAXANDO

Pero o que comezou como unha anécdota empezou a coller peso e en pouco tempo a páxina xa tiña miles de seguidores. "Nun comezo só subía imaxes, pero ao ver que á xente lle gustaban tanto empecei a facer pequenos vídeos", engade a moza, que ante o éxito da iniciativa —unha vez rematado o confinamento— seguiu inmortalizando recunchos por Galicia coas súas compañeiras de viaxe: a nai e a irmá.

"Moita xente vai aos sitios que subo na páxina e logo etiquétame, e outro escríbenme para que lles recomende que ver"

Será pola constancia, a fermosura das fotos ou o ritmo musical que lle engade aos vídeos, que Galicia Viaxando sumou máis de 100.000 clics en 2021 e supera xa as 800 publicacións. Ademais, o vídeo máis visto, gravado na área recreativa Pena do Inferno da Fonsagrada, ten nada menos que 157.000 reproducións.

A vilalbesa confesa que as fervenzas son os lugares que máis éxito teñen entre os internautas, pero tamén as pontes colgantes. "Moita xente vai aos sitios que subo na miña páxina e despois etiquétame nas súas fotos no lugar, outros escríbenme por privado para pedirme que lles recomende que ver ou facer en Galicia", explica ilusionada.

Cospeito. GALICIA VIAXANDO
Cospeito. GALICIA VIAXANDO

Os madrileños son os seguidores máis fieis da instagramer, que xa ten fans en toda España e que a raíz do éxito de Galicia Viaxando creou tamén a páxina de Tik Tok co mesmo nome, seguida por máis de 10.500 persoas.

Deste xeito e sen buscalo, Belén Pardiño converteuse en embaixadora de Galicia no exterior e en guía turística en Instagram, demostrando que os tesouros poden estar tamén ao pé da casa.

Comentarios