martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

Terras de cruces, cristos e petos de ánimas

Terras de cruces, cristos e petos de ánimas. SILVIA IGLESIA
Vía crucis de Santa Locaia. SILVIA IGLESIA
Os integrantes do Proxecto Carboeira levan inventariados preto de 1.500 elementos etnográficos nas comarcas de Terra Chá e de Meira 

Habelos, hainos, espallados a feito, pero a comarca da Terra Chá pode presumir de ser non só a que conta na provincia cun maior número de cruceiros, senón tamén de atesourar algúns dos exemplos máis senlleiros, coma o de Lanzán (Tardade, Vilalba), o Enxoito (Xermade) ou o Cristo do Cordal (Labrada, Abadín).

Isto sábese porque hai case un cuarto de século os etnógrafos Fernando Arribas e José Manuel Blanco tiveron a feliz idea de unir forzas e inventariar a existencia destes elementos, uníndoselles despois Mario Saavedra para darlle forma ao Proxecto Carboeira, significativo nome recollido dunha saga da parroquia vilalbesa de Román que durante varias xeracións tallou algúns dos exemplos máis emblemáticos desta mostra de relixiosidade popular.

Son ao redor de medio milleiro os cruceiros que levan documentado e recollido en diversas publicacións entre as comarcas de Terra Chá e de Meira.

A súa investigación foi medrando e incorporando outros elementos, entre os que figuran máis de 300 cruces —a máis antiga crese que a da Caxaca de Corvelle (A Pastoriza) que superaría os 300 anos—, preto de cen cristos e máis dunha ducia de petos de ánimas e de esmoleiros, algúns tan significativos coma o da Virxe dos Remedios da Vesada (Abeledo, Abadín).

A Asociación de Amigos dos Cruceiros xurdiu en 2010 para traballar a prol da conservación destas mostras de arte popular

Pola contra, son moi poucos os exemplos de calvarios ou de vía crucis, máis os que se atopan son relevantes, coma o Calvario de Baamonde, ao pé do templo medieval, ou o vía crucis de Santa Locaia (Castro de Rei), na beira do camiño que une a igrexa co monumento do Sagrado Corazón.

Os integrantes do Proxecto Carboeira forman parte tamén da directiva da Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas de Galicia, fundada en 2010 logo de que varios etnógrafos, autores da maior parte das obras sobre o tema e seguidores da estela iniciada por Castelao en 1950 con As cruces de pedra na Galiza, se xuntasen en Poio para intercambiar impresións sobre estas mostras de arte popular.

Dende ambas entidades, os tres loitan por preservar, pór en valor e difundir este patrimonio, para o que tamén promoveron varios roteiros. O décimo, en Begonte, tivo que adiarse pola pandemia.

Terras de cruces, cristos e petos de ánimas
Comentarios