A Chaira, 15 anos: Relixiosidade

A terra das mil cruces salta fronteiras cos seus persoeiros

Un cardeal, un deán e un santo puxeron no mapa a Chaira, na que se rehabilitaron varios elementos e se destacou un nacemento
2018 ▶ Pol recorda a José María Sanjurjo, o santo de Suegos
photo_camera 2018 ▶ Pol recorda a José María Sanjurjo, o santo de Suegos
Ollo ao dato
O 31 de agosto de 2018 cumpríronse 125 anos da inauguración da igrexa de Santa María de Vilalba, cuxo deseño e construción pasou por obstáculos técnicos e económicos ao longo de tres décadas. Entre as súas curiosidades destaca o reloxo da torre, que veu de Suíza. A súa compra, por 4.000 pesetas, foille encomendada en 1892 ao reloxeiro Santiago Mato.
Aquel día
O 23 de xaneiro de 2009 unha cicloxénese explosiva de nome Klaus arrasou Galicia. Entre os milleiros de desperfectos que provocou, tamén levou por diante a cuberta da igrexa de Árbol, en Vilalba, un templo no que durante meses se oficiaron misas a ceo aberto. As obras de rehabilitación custaron 80.000 euros.
Escrito en pedra
Encaixadas nunha parede do adro da igrexa de San Xoán dos Vaos, en Ribeira de Piquín, hai cinco caveiras humanas perfectamente colocadas facendo unha especie de triángulo. Descoñécese a quen pertencen os cráneos desprovistos de maxilar inferior, aínda que algúns din que poderían ser de antigos monxes.

Esta comarca é fecunda en figuras destacadas no mundo das letras, da política, das artes ou as ciencias. Pero tamén conta con persoeiros sobresaíntes na esfera relixiosa. Nomes propios que levaron a Chaira máis alá das súas froteiras ao longo destes 15 anos.

En 2008, o cardeal vilalbés Antonio María Rouco Varela, o que fora arcebispo de Santiago e posteriormente de Madrid, asumía o seu terceiro e último mandato como presidente da Confederación Episcopal Española. Foi, ademais, un dos cardeais que participou no cónclave papal no que se designou a Benedicto XVI como pontífice.

En xaneiro de 2013, o arquiveiro da Catedral de Santiago, o guitiricense Segundo Pérez, foi elexido deán. Esgotou este mesmo ano os dos mandatos permitidos e, aínda que deixou de liderar o órgano de goberno da seo, segue á fronte da Oficina Internacional de Acollida ao Peregrino.

Outro vilalbés, Félix Villares, foi vicario xeral do bispado de Mondoñedo ata 2006, ano no que pasou a dirixir o arquivo diocesado e a exercer como delegado de Patrimonio.
A eles súmanse outros cregos que pola súa actividade en diferentes eidos tiveron un papel protagonista nestes anos. Por exemplo, os dinamizadores culturais Alfonso Blanco ou Xosé Manuel Carballo, falecido en 2017. Pero se hai un nome propio é o de San Xosé María Díaz Sanjurjo, o único santo 100% galego, do que se conmemoraron en 2018 con peregrinación, misa e un ágape de irmandade, os 200 anos do seu nacemento na parroquia de Suegos.

O polense foi perseguido e martirizado por desenvolver a súa tarefa evanxelizadora no actual Vietnam. Foi beatificado polo Papa Pío XII en 1951 e canonizado por Juan Pablo II no 88, xunto a outros 117 mártires máis.
Pero ademais de persoeiros, a comarca chairega suma un amplo patrimonio relixioso, con centos de templos e de capelas —algúns deles foron obxecto de importantes obras de reforma nos últimos anos, das máis destacadas as que se executaron nos retablos da igrexa de Santa María de Meira, na que ademais se abriu ao público a Sala das Reliquias—, así como cemiterios, nos que está presente, en moitos casos, a pegada da saga dos Carboeira de Román.

Unha familia de canteiros que dá nome a un proxecto grazas ao que se inventariaron e recollen en varias publicacións preto de 1.500 elementos etnográficos —entre cruceiros, cristos, cruces e petos de ánimas, algúns deles xa desaparecidos— nas comarcas de Terra Chá e de Meira, nun traballo que se iniciou nos 90 da man de Fernando Arribas e José Manuel Blanco, e ao que logo se uniu Mario Saavedra.

O seu labor axudou ademais a devolver á vida varios elementos, moitos deles no concello da Pastoriza, como o Cristo da Parola —restaurado en 2015 despois de quedar feito pedazos nun accidente nos 80—, o cruceiro do Romeiro —soterrado nunha finca de Xemil, en Bretoña, durante 34 anos pola concentración parcelaria— ou o do Caxigo, en Vián, dous décadas despois de que fóra derrubado.

Un dos integrantes do Proxecto Carboeira, José Manuel Blanco, tamén publicou en 2018 o libro ‘Santuarios da Terra Chá’, no que debulla as características de máis de medio cento de templos que contan con gran devoción.

Entre eles está o dos Milagres de Saavedra, en Begonte, unha das romarías da contorna que mantén máis vivo o fervor doutros tempos. Tamén continúa celebrándose a de San Cosme da Montaña, en Galgao (Abadín), e mobilizando a numerosos fieis cara ao templo localizado na Xesta, ao pé da A-8. Tamén é foco de peregrinación o Sagrado Corazón de Santa Locaia, unha impoñente estatua con 14 metros de altura que foi renovada en 2015 polo escultor Jesús Antonio Novo e sufragada polos veciños. 

Moitos acoden camiñando a estes tres emblemas, como tamén percorren a comarca a pé os peregrinos de distintas partes do mundo que deciden adentrarse no Camiño Norte de Santiago, unha ruta que discorre polo corazón da Terra Chá, e que cada ano suma novos adeptos. Este, ademais, será se cabe máis especial, debido ao parón provocado pola pandemia, e a que tanto este 2021 como o vindeiro 2022 son Ano Santo.
Pero se hai un elemento vencellado á cuestión relixiosa que consegue mover un importantísimo volume de xente na Chaira, ese é o belén electrónico de Begonte, que dende 2014 conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.

A creación de confrarías como a da Nosa Señora do Pedregal, que en 2019 celebrou dez anos de historia —a do Carme dos Vaos, en Ribeira de Piquín, conmemorou os 300 en 2009— e aniversarios como os 230 da igrexa de San Xurxo, os 125 da inauguración da de San María de Vilalba ou os 50 do Inmaculado Corazón de María, en Guitiriz, son outras das cuestións destacadas que aconteceron ao longo dos 15 anos da Chaira, que seguirá de preto informando sobre todo o que ocorra, esperemos polo menos, nos vindeiros 15 máis.

Protagonista
Uxío García AmorUxío García Amor Nado en 1928 no municipio de Trabada —onde foi distinguido co título de Fillo Predilecto— é aos seus 92 anos un dos párrocos en activo que leva máis tempo ordenado. Ademais do seu labor sacerdotal, que exerce dende 1953, este párroco está vencellado á vida cultural da comarca. Así, foi recoñecido por Xermolos e a Irmandade Manuel María como Chairego de Honra polo seu incasable traballo neste eido. O mesmo ano, en 2012, foi distinguido como socio honorífico da coral Polifónica Vilalbesa, unha formación que dirixe dende hai varias décadas. É, ademais, Prelado de Honor da diócese de Mondoñedo-Ferrol dende 2011 e autor da obra ‘Poemas de mi vida’, que publicou en 2016’.

Comentarios