martes. 11.05.2021 |
El tiempo
martes. 11.05.2021
El tiempo

A terra das 50.000 vacas... de leite

Unha explotación de vacas de Caraño, en Pol. C. ARIAS
Unha explotación de vacas de Caraño, en Pol. C. ARIAS
As comarcas de Terra Chá e de Meira representaron preto do 16% da produción láctea de Galicia e un tercio da luguesa en 2020, grazas ao traballo de máis dun milleiro de ganderías

Que a provincia de Lugo representa practicamente a metade do sector lácteo galego non é ningún segredo. O asentamento das industrias ou o volume das cooperativas testemuñan ese 45% de peso que poñen de manifesto as estatísticas dos tres pés básicos a ter en conta: número de cabezas, de granxas e millóns de litros.

A iso contribúen significativamente a maioría dos concellos das comarcas de Terra Chá e de Meira, potencias gandeiras que supoñen máis dun terzo do sector en Lugo e preto do 16% dos animais, das granxas e do leite que se produciu en Galicia o ano pasado, segundo os datos do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que ten rexistradas na zona más de 53.500 vacas leiteiras de máis de 24 meses e máis de 3.000 xatas e xovencas.

En Galicia, 7.140 granxas produciron en 2020 un total de 2.811,51 millóns de litros de leite, dos que 1.267,91 son froito do traballo de 3.131 ganderías luguesas. E desas, máis de mil están nas comarcas de Terra Chá e de Meira.

Se hai un referente chairego a nivel lácteo ese é A Pastoriza, que leva anos no top de todos os ránkings agrogandeiros galegos grazas a unhas cifras que falan por si soas, coma os 107 millóns de litros de leite producidos por 207 granxas o ano pasado. E non son só bos números, senón que detrás deles agóchanse décadas de esforzo, xeración tras xeración, para mellorar, progresar e manter vivo o rural. A 31 de decembro, no Rexistro de Explotacións Gandeiras da Xunta figuraban 187 granxas de leite e 16 mixtas, que suman preto de 13.000 cabezas. Non anda moi lonxe Castro de Rei, con 102,02 millóns de litros vendidos por 169 explotacións que coidan de máis de 11.000 vacas.

A excepción á regra é Muras, onde hai vacas e granxas, pero non das que producen leite, mentres que en Ribeira de Piquín quedan sete ganderías que coidan 155 vacas que produciron 0,79 millóns de litros o ano pasado.

Entre o resto de concellos, Cospeito vendeu 62,51 millóns de litros, e logo sitúanse Pol (58,29), Guitiriz (46,08), Vilalba (36,75), Xermade (23,75), Meira (12,81), Abadín (12,13) e Begonte (6,86). No tocante ao número de explotacións, Cospeito suma 150, cunhas 7.700 cabezas, Pol ten 98 e máis de 6.500 reses e en Guitiriz hai 125 produtores de leite que coidan duns 5.300 animais.

En Vilalba rexístranse 101 que xuntan 4.300 vacas, en Xermade son 57 granxas e pouco máis de 3.000 exemplares, en Abadín hai 56 ganderías con máis de 2.000 cabezas, en Meira quedan 36 que coidan de máis de 1.600 cabezas e Begonte conta con 861 animais repartidos en 20 explotacións.

AS PONTES. A gandería nunca foi un referente nas Pontes, onde hoxe todo o concello suma menos cabezas ca calquera punteira. Hai pouco máis de 200 en total e unha decena de explotacións, entre as de leite e as mixtas

A terra das 50.000 vacas... de leite
Comentarios