Terra Chá, cara ao milleiro de porcos celtas

Das 70 explotacións desta raza autóctona coas que Asoporcel conta en Lugo, máis dunha vintena están na comarca chairega e en Meira. O número de exemplares ronda os 760
Fernando Saavedra, da Ponte de Outeiro, incorporouse hai pouco máis dun ano á cria do porco celta. S. IGLESIA
photo_camera Fernando Saavedra, da Ponte de Outeiro, incorporouse hai pouco máis dun ano á cria do porco celta. S. IGLESIA

Hai dúas décadas, o porco celta era unha un especie en perigo de extinción. Ségueo sendo hoxe, pero as cifras que manexa esta raza autóctona galega 100% pouco teñen que ver coas de 1999, cando nacía Asoporcel. Se daquela había pouco máis dun cento de exemplares espallados por toda Galicia, agora o total achégase ás 5.000 cabezas. E con noticias esperanzadoras, pois dende xaneiro de 2019 incorporáronse 17 criadores de menos de 40 anos.

Nese proceso de recuperación, a provincia de Lugo, onde se localizan a metade das explotacións e dos animais —70 de 144, con máis de 2.400 cabezas— , ten un peso especialmente significativo. E tamén o ten a Terra Chá, na queestán dadas de alta en Asoporcel 22 ganderías, o que supón tantas coma toda Ourense (22) ou Pontevedra (20), e non moi lonxe das cifras da Coruña (32).

Os concellos de Castro de Rei, con seis criadores e 125 porcos; Vilalba, con cinco que teñen 356; e A Pastoriza, con tres que suman 209, son o máximo expoñente da acollida que ten esta raza, tanto para a súa comercialización coma para o autoconsumo —neste caso só poden ter ata cinco animais—.

A asociación de criadores promociona a raza cunha campaña en redes con receitas e con material online para escolares

Cospeito (3), Guitiriz (2), Meira (2), Muras (1) completan o listado de municipios nos que hai criadores censados dun produto que soubo resistir o envite do coronavirus. "Máis ou menos mantivémonos ou incluso aumentamos as vendas, porque apareceron outras liñas de mercado", explica o veterinario e director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez.

O peche da restauración supuxo un pequeno golpe ao minguar unha demanda que se vai recuperando. Para paliar este efecto, a raza aumentou a súa presenza non só nas pequenas tendas, senón tamén nas grandes superficies e xa está en media ducia delas.

Para manter esta boa tendencia, dende Asoporcel queren potenciar o seu consumo en todas as variantes —dende carne fresca e hamburguesas ata embutidos ou patés— cunha campaña promocional en redes, con vídeos de receitas e tamén coa difusión entre escolares, con material online.

E é que xa se sabe, do porco aproveitanse ata os andares. E os do celta resultan útiles, pois non só destaca polas cualidades do animal, senón tamén polo seu labor de desbroce e limpeza no monte.