A reportaxe

É tempo de trampear contra a velutina

A proliferación das raíñas dáse neste tempo, polo que é cando máis efectiva resulta a colocación de dispositivos
Trampeo en Nete. C.PÉREZ
photo_camera Trampeo en Nete. C.PÉREZ

Estímase que dun só niño de avespa velutina poden saír ata 200 raíñas. Unha boa parte morre polo camiño, mais aínda así, alomenos un terzo delas logra o seu obxectivo: facer o seu propio niño. Con ese crecemento exponencial e tratándose dunha especie invasora que pon en perigo a apicultura autóctona, resulta lóxico que administracións, colectivos e particulares adopten medidas para frear a súa presenza no contorno.

O trampeo amosouse nos últimos anos coma unha solución preventiva económica, de fácil acceso e de doado manexo. E este é o tempo de instalar as trampas, cando comezan a verse as avespas logo dun período de hibernación. 

"Nós facemos un trampeo ao ano, o de primavera, en abril e maio, porque é cando é máis eficiente; é cando saen e cada raíña que colles evita un niño", di Iván Díaz, presidente da asociación Serra da Carba, un colectivo de apicultores que suma 27 socios, sobre todo de Vilalba pero tamén de Abadín ou de Cospeito, que se oficializaba en 2018 precisamente para xestionar a loita contra a avespa asiática, se ben pouco a pouco foi promovendo outras actividades, coma unha cata de meles.

Reparto de trampas en Vilalba. C.PÉREZ
Reparto de trampas en Vilalba. C.PÉREZ

Esta semana, en colaboración co Concello de Vilalba, a entidade levou a cabo unha nova entrega de trampas. Reparten unhas 700 entre asociacións e particulares que as solicitaron. Unha das persoas que pasou a recollelas polo local habilitado na casa do concello foi Gelucha Rivas, presidenta da asociación veciñal de Nete, que levou consigo 245 trampas para á súa vez facer unha distribución dende o local social da súa parroquia.

A asociación vilalbesa Serra da Carba xurdiu en 2018 para crear unha fronte común e facilitar a loita contra a avespa asiática

Esta entidade organiza moitas actividades, polo que chega a moitos veciños, razón pola que se presta a colaborar na campaña. "A min paréceme perfecto que se fagan iniciativas así, é importante", confirma Gelucha, quen era apicultora afeccionada. "Encántanme, pero tiven que deixalo porque son alérxica ás abellas", di, lembrando que as velutinas non só son un perigo para os apiarios, senón tamén para as persoas, por exemplo cando se fai unha roza. 

Esta boa predisposición veciñal a colaborar no trampeo é froito dun traballo previo por parte da entidade, que antes da pandemia ofreceu diversas charlas para explicar como funciona e o eficiente que resulta. E para iso, non hai nada mellor ca que falen as cifras: "Só os socios debemos de capturar unhas 2.000 raíñas en 2019 e 600 o ano pasado, o que proba que o trampeo se nota", di Iván, que apunta que, nun reconto aproximado, a campaña xeral de 2021 anulou máis de 7.000 raíñas. 

Reparto de trampas en Nete. C.PÉREZ
Reparto de trampas en Nete. C.PÉREZ

"Non se vai acabar con ela, só é un parche, unha medida para frear o avance, pero polo momento non hai outra solución", di Iván, que incide en que hoxe se sabe o mesmo que "hai cinco anos". "Había algúns estudos en marcha, pero a pandemia parou todo, esperamos que se retomen", precisa, recordando que calquera pode facer unha trampa caseira usando unha botella de 1,5 litros adaptada e un líquido que se pode facer con viño branco, cervexa negra e zume de arandos. "O arando funciona como atraente e o alcohol é un repelente para que as abellas non caian nas trampas", apunta, indicando que hai outras mesturas que tamén funcionan.

O Concello de Ribeira de Piquín, por terceiro ano, reparte 150 trampas feitas polos operarios municipais polas cinco parroquias

As trampas caseiras, cunha fórmula a base cinco litros de auga, dous quilos de azucre e 50 gramos de levadura, que dan para unha ducia de trampas, son precisamente as que usan en Ribeira de Piquín, un dos lugares onde Serra da Carba fixo labor divulgativo en 2019. Dende entón, son o Concello e os seus operarios municipais os que se encargan do trampeo. Este é xa o terceiro ano que colocan unhas 150 trampas entre as cinco parroquias do municipio.

Se ben da primeira vez fixeron dous trampeos, un na primavera e outro no outono, tanto o ano pasado coma este optaron só por un, neste tempo, logo de comprobar a súa eficacia.
"Debemos de cazar unhas 8.000 raíñas en total", precisa o alcalde, Roberto Fernández Rico, que explica que están a colocar as trampas esta tempada, que logo revisan cada dez días: "En cada revisión de 2021 podiamos sacar unhas 300 raíñas e o ano anterior, aínda máis", di.  

Trampeo contra a velutina en Ribeira de Piquín. EP
Trampeo contra a velutina en Ribeira de Piquín. EP

"Como temos a experiencia doutros anos, xa é un traballo moito máis rutinario, sabemos en que lugares funcionan mellor", precisa o rexedor, recordando que tamén hai veciños que axudan nesta tarefa común de loita contra a invasión da especie asiática.

Mais se hai un espazo no que son auténticos expertos en previr fronte á velutina, e en apicultura en xeral, esa é a Casa do Mel das Pontes, onde tamén se leva a cabo un reparto de trampas no marco do plan apícola da Xunta. 

"Temos preto de 400 socios, uns 250 no plan apícola, que suman unhas 8.000 colmeas", din dende a entidade, concretando que dentro da liña de axudas autonómicas para apicultores hai unha que subvenciona o trampeo, o que lles permite repartir preto dun milleiro de dispositivos.

A Casa do Mel reparte preto dun milleiro de dispositivos no marco da plan apícola

Xa os están a entregar —destacan que este ano o bo tempo fixo que xa en febreiro comezasen a verse velutinas e niños primarios—, xunto coa sempre útil recomendación de onde se deben colocar: preferiblemente en árbores en flor e en lugares onde houbo niños primarios, xa que tenden a repetir. E logo, hai que revisalas, para ver cal localización é máis efectiva pois, coma outros moitos animais, as avespas asiáticas tamén teñen zonas de paso, ou mellor dito, de preferencias de voo.

Muras e Meira son outros dos municipios que realizan campañas de trampeo, no seu caso a través da empresa vivariense Serpa, mentres que no resto de municipios se centran en eliminar niños, ben por medios propios ou a través do plan da Xunta.

Xunta-Fegamp: un plan de retirada de niños dende 2020
A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaron en 2020 un plan centralizado de retirada de niños, encomendado a Seaga. Adheríronse inicialmente 285 concellos e neste 2022 xa son 306. 
Balance de 2021
Seaga eliminou ou neutralizou en 2021 case 18.000 niños, 2.166 en Lugo. Para operar, os equipos dispoñen de marcadoras de aire comprimido de grande alcance, bombas de batería para a impulsión de biocida ou pértegas de fibra de carbono.
Por concellos
En 2021, Seaga retirou 264 niños en once municipios da zona (Meira e Vilalba non están adheridos ao plan): Begonte (49), Castro de Rei (47), A Pastoriza (46), Cospeito (36), Abadín (35), Pol (19), As Pontes (10), Guitiriz (10), Ribeira de Piquín (7), Xermade (3) e Muras (2). 
Prazos
O prazo medio de retirada é de cinco días, que pode ser maior se está nun lugar de difícil acceso ou require de permisos, ou moito menor, se hai risco para a poboación.
012
É o teléfono de información á cidadanía, ao que hai que chamar cando se atope un niño. En 2021 recibíronse máis de 27.200 avisos, un 16% menos ca no exercicio anterior.
Trampeo en Vilalba. C.PÉREZ
Trampeo en Vilalba. C.PÉREZ

Comentarios